Algunhas das institución públicas e privadas que patrocinaron a Ancoradouro facendo posible a distribución dos seus espectáculos por moitos lugares foron o Concello de Cangas, a Deputación de Pontevedra, a Mancomunidade de Municipais da Ría de Ferrol- Concellos de Ares, Fene, Ferrol Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño organizadores da Mostra de teatro Infantil Galego Xeración Nós- e tamén as entonces chamadas Caixas de Aforro Municipais de Vigo e Pontevedra. Tempos aqueles cando estas institucións ademais de ceder os seus locais para os grupos de teatro amador e profesional patrocinaban as súas representacións! Hoxe non só foron cambiando de nomes se non que tamén, ademais de non colaborar no financiamento das actuacións cobran pola utilización dos "seus" teatros e algúns dos seus máximos responsable están sentados no "banco" dos xulgados polos delitos de administración desleal e apropiación indebida.

Aparte deste patrocinio, para que foran posibles tantas e tantas actuacións foi necesaria a xestión de Xosé Vázquez Pintor e moi especialmente a colaboración e complicidade de moitas outras persoas agrupadas en diferentes Asociacións Culturais moi activas e comprometidas coa difusión do teatro e a cultura galega. Mestres que levaban aos seus colexios e institutos as montaxes de Ancoradouro, como o Colexio Nacional de Vincios, de Tirán, de Aldán, Instituto Valle Inclán de Pontevedra?; Comisións de Festas, como as de Ponte Caldelas, O Cristo de Cangas, Romaría do Galiñeiro, de San Amaro?; Sociedades Deportivas e Culturais coma a de Caldas de Reis, a Agrupación Cultural Saudade de Barcelona...

Tamén Ancoradouro participou, como tamén o fixera o Grupo Matamoura e diferentes grupos musicais e folclóricos, nos actos reivindicativos e de mobilización social que tiveron lugar nos anos setenta en Portodemouro, opoñéndose á construción dun embalse que ía dificultar a comunicación entre os habitantes das dúas ribeiras do río Ulla. A súa solidariedade quedou tamén patente nunha actuación que fixeron en Cangas, organizada polo Concello, a beneficio dos damnificados de Levante e Catalunya.

Presento deseguido unha breve traxectoria da Escola Dramática Infantil e Xuvenil "Ancoradouro" creada, como xa comentamos na entrega anterior, por Xosé Vázquez Pintor no Colexio Castrillón de Coiro durante o curso 1981-1982.

*Febreiro de 1982. A Caixa de Aforros Municipal de Vigo integra ao Grupo nos seus programas de Promoción Cultural pola provincia. En abril dese mesmo ano debutará en Vigo no Colexio de Educación Especial "San Francisco".

Durante o verán fará máis de trinta representacións pola provincia de pontevedresa. E no mes de setembro participa, xunto cos mellores grupos de teatro galego, na 1ª Mostra de Teatro Infantil Galego "Xeración Nós"de Fene onde é especialmente convidada para a inauguración da Mostra.

*1983. A Deputación de Pontevedra concerta co grupo un compromiso para o seu Plan Cultural. No mes de xuño TVE despraza unha equipa de gravación á Vila de Cangas, desde Madrid, para filmar o traballo de base que ven facendo o grupo. Catro días de convivencia coa televisión. En setembro será emitido o programa pola segunda cadea, cun espazo monográfico. Todo o estado español puido ver o mimo que se facía en Galiza. No mes de outono estrea en Cangas o novo espectáculo "Velaí o mimo".

*Febreiro de 1984. O Concello de Bilbao, a Asociación "Rosalía de Castro" e o Centro Galego de Baracaldo convidan moi especialmente ao Grupo para o Antroido Vasco. Actuacións en Santurce, Baracaldo e en Bilbao na emblemática "Plaza Nueva", diante de máis de mil persoas. O centro territorial de TVE no País Vasco grava nos seus estudos unha mostra do seu traballo.

Neste ano o Concello de Cangas concédelle unha subvención para o seu Plan de Cultura dentro do Concello. E no mes de marzo a Deputación de Pontevedra renova o seu compromiso co Grupo ascendo á categoría A para o Plan Cultural de 1984.

En maio o Teatro Art'Imagem de Porto convida ao Grupo para o "Fazer a Festa", Festival de Teatro para a Infancia e Xuventude. Ancoradouro actúa así por vez primeira en Portugal na sala especial de Teatro do grupo portugués. En xuño do mesmo ano a "Asociación Cultural Saudade" de Barcelona convida ao grupo para dar remate aos actos das "Letras Galegas 84". Actuación no teatro "Hogares Mundet" e imposibilidade de facelo, por mor do tempo, no Institut del Teatre de Barcelona onde foran convidados. Durante todo o verán proseguen as actuacións por toda a xeografía galega. En novembro a Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galiza, selecciona o proxecto de "Ancoradouro, entre outros moitos dos Grupos de Teatro galego, e concédelle unha axuda de montaxe de catrocentas mil pesetas.

*Febreiro de 1985: Ancoradouro, pioneiro no mimo en Galiza, decide viaxar polos centros de Ensino Medio e Universitario, así como polas Asociacións Culturais e Institucionais que llo soliciten, creando un público interesado polo Teatro do Xesto.

As montaxes que fixeron ao longo destes anos foron as seguintes: "Así me din que dixeron", " A farsa das zocas e a alfombra" (guiñol), "Velaí o mimo" (1983), "Marcapasos" (1985), "Quen dice medo?", "Retallos", "Quelquellequer", "Maní", "Nos espazos do soño" e "A fraga encantada".