O Programa Apego, que puxo en marcha o Concello de Moaña ao inscribirse nunha rede na que xa hai 23 administracións locais de toda Galicia, chega xa a 53 familias da vila, que se inscribiron para amosar o seu compromiso coa transmisión do idioma propio de Galicia aos seus fillos, que deben ter entre 0 e 6 anos.

Dende o servizo de normalización lingüística explican que o programa comezou en setembro para achegarlles argumentos e facilitarlles ferramentas e redes que sosteñan no tempo e arroupen a crianza en galego. Apego se dirixe ás familias que se preparan para a chegada dun neno.

As familias inscritas, que pasan a formar parte dunha rede coa que o Concello pretende traballar á hora de organizar actividades infantís en galego, recibiron unha "caixa de benvida" con xogos en galego e elementos como un álbum cos primeiros recordos do novo veciño da vila.

Ademais, cando os nenos teñen máis de 6 meses reciben un CD de música con cancións de berce no idioma propio. "En xeral quedan sorprendidos, pero para ben. Non se espera que se lles ofreza este tipo de servizo", apunta dende Normalización a técnica Paula Soto. O concelleiro, Aldán Santamarina, sinala que os recursos son un "aliciente para as familias que se comprometen a usar o galego na crianza dos fillos. Algunhas nos comentaron que nin se plantexaran pensar na lingua na que lle ían falar ao seu pequeno".

Dentro da "comunidade de Apego" se atopa a veciña Rosa Iglesias, que ten un neno de 8 meses. "Coñecía o programa a través de familias de Pontevedra, porque alí xa existía. É moi interesante o CD con cantigas", apunta.

Sinala que as familias inscritas explican a outras o programa para que se sumen. "É bo que se programen actividades en galego, porque queremos que os nosos fillos teñan a destreza de falar correctamente para que poidan elixir de adultos". Tal e como se plantexa no guía do programa, esta nai moañesa explica que son precisamente as ferramentas de ocio en galego as que fan falta para os pequenos, "porque en castelán sobran recursos, como a televisión e internet".