Nestes últimos días cobra cada vez más forza a petición formulada polo Concello de Santiago para que o Goberno central acceda a darlle o nome de Rosalía de Castro ao aeroporto de Santiago. Esta inquedanza chegou ata o colexio de Montemogos, en Beluso, xusto cando dentro de poucas semanas vaise celebrar o Día de Rosalía (o 24 de febreiro, coincidindo coa súa data de nacemento). Os alumnos do centro público acaban de gravar coa axuda dos seus mestres un video de apoio a esta petición, un video que subiron o martes ao Facebook e que en pouco tempo superou o milleiro de visitas. E subindo!

A idea é moi sinxela e ao mesmo tempo orixinal. En primeiro lugar a cámara enfoca a unha alumna de Primaria que acaba de facer un avión de papel. Sobre ese avión comeza a escribir. Unhas liñas que veñen a dicir: "Adiós ríos. Adiós fontes. Adiós regatos pequenos. Adiós vista dos meus ollos, non sei cando nos veremos". Non fai falla máis presentación. Trátase dos versos iniciais de "Adiós ríos, adiós fontes", un dos poemas emblemáticos de Rosalía e incluído en "Cantares gallegos".

Ao acabar de escribir a nena lanza pola fiestra da súa aula ese avión, un avión ao que se suman outros moitos para sobrevoar o ceo de Beluso.

A iniciativa contou cunha gran acollida nas redes sociais. "Agora, ao coñecer que o Ministerio de Fomento deu luz verde a petición canalizada polo presidente da Xunta de Galicia, o colexio agarda a resposta do Parlamento galego", din dende o CEIP Montemogos.