Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Cangas 1975-1985 (III)

O Grupo Matamoura inicia unha nova andaina, na que Xosé Manuel Pazos e Casilda Alfaro convertironse nos seus motores

Xosé Manuel Pazos cun Premio María Casares, en 2014. // G.N.

Agora si. A xente en idade de votar puido elixir entre diferentes opcións políticas . A UCD o gran partido organizado por Adolfo Suárez desde o goberno, en Cangas estivo representado por Antonio Velloso Romero, César López Freire, Gerardo Rodríguez Rial, Manola Avendaño Gandón - a primeira muller edil de Cangas-, Álvaro Germade Portela, Ángel Villar, Constantino Rial Rial, Andrés Piñeiro Soliño e Antonio Gallego Barreiro.

O Partido Comunista por José Chapela "Chimé", Severino Souto Macías, Antonio González (Tucho Perete), Manuel Bon e José Angel Graña. Unidade Galega por Henrique Harguindey, Elisardo Mariño e Antonio Rial. O BN-PG por Mariano Abalo, César Varela e Manuel Boubeta, e polo PSOE, Alejandro López Villar.

Como a maioría de votos foi para a esquerda o primeiro goberno democrático municipal de Cangas estivo presidido polo alcalde Chimé, do Partido Comunista.

O certo é que en toda a comarca do Morrazo a suma dos votos da xente de esquerda deu gobernos progresistas nas alcaldías. En Moaña, Xabier Abalo do BN-PG; en Bueu, Xosé Novás tamén do BN-PG; en Marín, José Manuel Pierres do PSOE e en Vilaboa, Manuel Fresco de Unidade Galega.

Como é de imaxinar a ilusión destes políticos por cambiar as cousas e tamén da mesma xente, nestes primeiros tempos de democracia, foi intensa como tamén o foi a inexperiencia. Un concelleiro desta primeira corporación democrática manifestábame que el aprendera moito nestes comezos e que mesmo, despois dos plenos e a pesar das diverxencias dialécticas, tomábase un viño xunto con concelleiros doutros partidos políticos.

En Cangas, no antigo edificio do Concello na rúa Real, os Plenos resultaban moi animados e os debates con frecuencia remataban de madrugada. E cando había algún tema importante e monográfico -por exemplo sobre as Normas Urbanísticas- facíase convocatoria pública no Cine Avenida para mellor coñecemento e discusión da súa problemática.

Hai unha anécdota que ben pode amosar a dificultade de adaptación ás novas circunstancias: No baixo do vello Concello estaban instalados a policía nacional de paisano -unha especie de comisaría- e a garda municipal. Pois ben, un concelleiro do goberno aparcou por un momento o seu coche na zona reservada para a policía e esta púxolle unha denuncia. Logo de certas disputas o concelleiro foi acusado de "desacato a la autoridad"? O asunto non foi a máis pola intervención do Sr. Alcalde.

Neste ano 1979 coa nova escena política, o Grupo Matamoura independízase da Asociación Cultural Entrudio da que nacera e coa maioría dos seus membros dispostos a seguir expresamente coa actividade teatral. Polo demais algúns estudantes deixaran de ser tales para converterse en profesionais de distintas actividades e Vázquez Pintor abrirá un camiño diferente coa creación do Grupo Ancoradouro de mimo, do que xa falaremos noutra entrega destas Crónicas.

Matamoura inicia unha nova andaina na que as figuras fundamentais pasan a ser dúas persoas que foran despuntando desde os inicios: a parella formada pola actriz Casilda Alfaro e o daquela director e autor Xosé Manuel Pazos, que dalgún xeito se foron convertendo en motores do Grupo.

Nesta nova etapa o Grupo estrea "Laídos para despois dunha guerra" (1979) e "O profeta ou o derradeiro berro de Randulfo" (1980), ámbolos dous da autoría e dirección de Xosé Manuel Pazos. Os textos seguían coa mesma liña de carga social e mesmo de intervención que os de anos anteriores, pero a chegada da democracia e as primeiras loitas electorais foran xa afastando algunhas persoas da política partidaria directa e un Grupo que xurdira a carón do lume ideolóxico non ía ser alleo, no seu interior, a todas as transformacións exteriores que xa foran acontecendo.

Compartir el artículo

stats