Nun mes clave por rematar o 80º aniversario do comezo da Guerra Civil e porque o Concello de Moaña vai retirar, presumiblemente, o título de "Fillo Adpotivo" a Francisco Franco, o tecido asociativo da vila se volca na lembranza e o recoñecemento aos mártires que foron represaliados e asasinados por defender a democracia e a legalidade republicana tralo Golpe de Estado de 1936.

O Ateneo de Moaña organiza esta tarde, a partires das 20.00 horas no salón de plenos do Concello, unha palestra na que se porán sobre a mesa datos que reflexen a magnitude da represión franquista en Moaña e no resto da comarca.

O autor do libro Pontevedra nos anos do medo, Pepe Álvarez, será un dos participantes da palestra. Xunto a el estarán o poeta e membro do Ateneo de Moaña, Luís Chapela. Tamén tomarán a palabra o concelleiro de Cultura, Salvador Meira, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

O acto está organizado baixo o título "Memoria e dignidade. Sacando á luz a represión franquista en Moaña e O Morrazo".

Mañá a memoria histórica segue a protagonizar a vida cultural moañesa. Trátase da segunda actividade que organiza a Agrupación Cultural Nós no marco do ciclo "A nosa historia".

O acto será ás 19.00 horas no salón de plenos e consistirá nun coloquio e presentación da páxina "nomesevoces.net", un proxecto do Grupo Histagra dirixido polo catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Lourenzo Fernández Prieto.

No acto participará o propio Fernández Prieto, ademáis de Gustavo Hervella García, licenciado en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago, investigador en distintos proxectos de I+D relacionados coa represión franquista en Galicia. Na actualidade é xestor técnico do Grupo Histagra.

A web do proxecto interuniversitario "Nomes e voces" é un espazo deseñado para facilitar o acceso á investigación da historia actual especializada sobre a Guerra Civil e a represión franquista en Galicia.

O Grupo Histagra, pola súa banda, se centra na historia agraria e política no mundo rural durante os séculos XIX e XX.

As xornadas da Agrupación Nós arrincaron o pasado venres coa presentación do libro Tierra de conejos, de César Calvar, para o que se documentou sobre as persoas represaliadas nos días inmediatamente posteriores ao Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 contra a II República.