Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Cangas 1975-1985 (II)

Vázquez Pintor montou obras de teatro no colexio de Coiro, entre as que destacan "A Auga de Curros" ou "A parroquia"

Caricatura de Varela Buxán e Vázquez Pintor feita para Fouce por Fernando Castejón. // F.Castejón

A pregunta agora é, de onde lle ven a Xosé Vázquez Pintor esa afección pola literatura en xeral e máis en concreto polo teatro? Nunha recente entrevista manifestábame que o punto de arranque de todo está na forte relación, xa desde os seus anos de bacharelato, con Manuel Daniel Varela Buxán, bo amigo dos seus pais. "O encanto do teatro débollo a el na súa totalidade? el foi o fío, o meu candil", dirá. E tamén declara a súa débeda con Fernando Iglesias Sánchez "Tacholas", íntimo amigo de Manuel Daniel de quen representou varias pezas.

Varela Buxán, autor de obras tan coñecidas e representadas como "Se o sei?non volvo a casa", "Taberna sen dono", "O ferreiro de Santán"..., director fundador en Bos Aires da Compañía Gallega Maruja Villanueva e "Tacholas", recoñecido actor galego quen, como Buxán, estivo moito anos emigrado en Arxentina. Tamén tratou a Maruja Villanueva, actriz galega outrosí emigrada en Arxentina e esposa de Tacholas.

Relacións que axudan a comprender o interese polo teatro que xa vai levar á escola desde o seu destino como profesor de ensino primario en Cangas polo ano 1972.

O segundo espectáculo que monta en 1977 o G.T. Matamoura foi "A Auga de Curros" da autoría e dirección, como xa dixemos, de Vázquez Pintor. Foi levada ao escenario por Luís Barreiro, Bernardo Camaño, Luca Camaño, Manolo Castelo, Casilda García, Xosé Manuel Marcos, Xosé Manuel Pazos, Asunción Camaño, Emilio Camaño, Rosa Camaño, Eduardo Docío, Gonzalo Malvido e Antonio Pazos. Tod@s, mocidade de 15 a 20 anos, veciñ@s de Coiro.

Desafortunadamente non se conserva - que saibamos- o texto e só por conversas co autor e algún dos interpretes é posible lembrar -tendo en conta que a memoria pode resultar traidora- algúns dos personaxes: Sarxento da Garda Civil, Alcalde, Tenente de Alcalde, Enxeñeiro, Labregos? Un dos actores lembra esta frase: "Os de Coiro que vaian botar patacas ao areeiro", que puña na boca do Tenente Alcalde da época, Antonio Núñez, alias "O galo".

A obra, que foi estreada no Bar do Bolo -Coiro- en novembro de 1977 e reposta na Escola Vella de A Retirosa, poderiamos denominala como un teatro de intervención pois reflicte os incidentes do Mato entre a veciñanza de Coiro e as forzas vivas canguesas pola problemática dos depósitos da auga.

Lémbrese que o enfrontamento xurdira porque a auga querían collela en Coiro a altura da Mangallona para abastecer o que entón era o casco urbano de Cangas. As veciñas e veciños da zona defendían que foran captala ao nacemento, aos mananciais, pois do contrario os regos para as veigas e os muíños quedarían secos.

Un dos momentos quentes do conflito foi o 14 de maio de 1977 cando a toques de campá da igrexa, a veciñanza, tal e como acordara nunha asemblea, deixou os seus labores e concentrouse no Mato para impedir a continuación das obras ?

O sarxento, números da Garda Civil e autoridades do Concello tentan negociar cos representantes d@s veciñas e nesto unha pedra lanzada por un Emilio adolescente bate nun dos coches da Garda Civil.Un dos números exclama "Ahora sí?!" Á inquiridora pregunta de quen fora o responsable da pedrada, a xente toda -como en Fuenteovejuna- rodeou ao amedrentado rapaz protexéndoo.

Desde este día paralizáronse as obras. Un triunfo da unión d@s veciñas. Estamos en 1977 nas boquexadas dos concellos franquistas. O teatro tomando nota do acontecementos. (Desde estas páxinas solicitamos das actrices e actores do reparto de "A auga de Curros" que se lembran algo máis do texto ou calquera outro dato de interese sobre a peza nolo fagan chegar ao enderezo electrónico que aparece sempre ao remate da cada crónica. Grazas.)

Quen tocara as campás fora o crego don Amancio, home sociable e implicado na problemática veciñal que viñera a relevar a don Benito destinado -logo dun tempo de exercicio sacerdotal na parroquia San Salvador de Coiro- para Santiago de Compostela. Mais este traslado desencadeou unha que ben podería chamarse guerra de sotanas -dabondo frecuentes por estes lares?- entre uns partidarios de don Benito e outros de don Amancio. "Es de don Benito ou de don Amancio?" era a pregunta disparada pola beatería que chegou facerlle a vida imposible a don Amancio: non lle asistían a misa, non o saudaban...

A liorta chegou a extremos esperpénticos pois, segundo testemuñas presenciais, á saída do funeral celebrado na Igrexa ex colexiata polo Arcebispo Angel Suquía en memoria dos mariñeiros afogados na traxedia do San Martín, un grupo desa beatez montou o espectáculo de empurrarlle ao mesmísimo arcebispo esixíndolle á volta de don Benito?

Nunha conversa posterior entre Manuel Boubeta e outros con don Ángel Suquía en Compostela lembrándolle que era da súa responsabilidade resolver o asunto dos nomeamentos eclesiásticos, o Arcebispo confesou estar informado do asunto, que don Amancio non quería volver a Coiro e que os instigadores de toda a movida eran "una monja y un señor que es cojo". É dicir: "O Pata" e a madre Ana.

Que bo guión para unha farsa de títeres!

Todos estes acontecementos formaban parte da vida diaria en Coiro e polo tanto dos membros socialmente activos da Asociación Cultural Entrudio e do seu grupo de teatro.

Unha preocupación social no ámbito parroquial e tamén municipal como amosa a participación dalgúns dos seus membros nas mobilizacións en 1975 contra o 1º Plan Xeral de Urbanismo de Cangas que xa tentaba a urbanización de Massó. "Plan de urbanización negocio de ladróns" rezaba o slogan das octavillas.

Hai 41 anos! Cando aprenderemos da Historia?

A terceira montaxe do G.T. Matamoura"A Parroquia", texto e dirección do mesmo Pintor, foi estreada en xullo de 1978 na Escola Vella de Coiro e segundo as informacións foi das máis representadas: no Cine Calvar de Cangas, en Portodemouros, Melide, A Golada?

Un vello labrador -O Manoel-, viúvo e enfermo, vai vivir á casa do seu fillo -Xavier-, que exerce de médico en Vigo. Non se da afeito á cidade e por riba non é moi ben acollido polo súa nora -A Áurea-. Só unha criada da casa -A Carme-, tamén da aldea, lle presta atención.

A nostalxia pola seu pobo faino tolear e remata os seus días nun psiquiátrico.

Remata a obra bailando o vello coa criada como nunha especie de fantasía.

Ademais dos personaxes protagonistas hai outros como O Lucas, O Camilo, O Home da bata, Outro home, Voz teléfono.

Os intérpretes foron : Emilio Camaño (O Manoel ) Manolo Castelo, Mari Cruz González (A Carme) Antonio Pazos (Camilo) Xoaquín Camaño, Casilda García (Áurea) Gonzalo Malvido, Xosé Manuel Pazos.

Entre as anécdotas máis lembradas está a reacción dun señor maior que ao ver como maltrataba a nora ao seu sogro Manoel, interpelaba a Emilo Camaño berrándolle : "Zóscalle co bastón, zóscalle". Pura catarse.

Compartir el artículo

stats