"O ghaiteiriño", que así é como mellor se coñece popularmente, foi desde sempre desinteresado colaborador e animador de festas e eventos públicos ou privados, xentil informador de parroquianos ou foráneos e incansable contertulio", engaden representantes de Cacarexo para abundar nos motivos que avalan ese recoñecemento que lle fixeron onte en Coiro, nun acto que comezou ás oito da tarde e contou coa presenza de veciños e cidadáns chegados de fóra para facer fincapé na xustiza da distinción.

Xosé Fernández Canosa naceu no lugar de Taltoncido-Piñeiro, na parroquia de Aldán, en 1935, e tense convertido "nun persoeiro amplamente coñecido e recoñecido pola vecindade, dada a súa popularidade como home servicial e altruísta" que, ademais, en diversos períodos exerceu como alcalde pedáneo ou de barrio, "con adicación e ao servizo do pobo sen distincións", destacaron na homenaxe de onte, na que tamén recalcaron a súa traxectoria como gaiteiro, que se remonta aos anos corenta, cando "de neno e as agachadas, de xeito autodidacta, foi aprendendo cecais influenciado polo que escoitaba do seu pai, tamén gaiteiro". Aparte de aprender a tocar a gaita e outros instrumentos tradicionais, construía os seus propios, como frautas e gaitas de cana.

Así, non sorprende que Xosé se poña a animar o entorno e a todos os que o reclaman, e tamén exercer de divulgador, preocupado por transmitir a música tradicional e o saber popular a moreas de xeracións, mesmo en tempos pouco doados. Tamén foi mestre na escola de gaitas do colexio de Espiñeira, en Aldán, que serviu de xérmolo para outras na comarca, e mesmo "incidiu decididamente" na recuperación de tradicións como as cantigas de Nadal e Reis e no afianzamento do Entroido ou a Danza de Aldán, da que foi gaiteiro máis de dúas décadas, así como da de San Roque, no Hío. Méritos que o pobo non se cansa de recoñecerlle coma fixeron onte en Coiro.