As precampanadas de fin de ano, que se celebrarán o día 31 ás 12 do mediodía na Alameda Vella, organizada pola Asociación Illa dos Ratos, é unha das actividades máis chamativas da programación de Nadal en Cangas elaborada polas concellerías de Cultura e Xuventude e que foi presentada onte no salón de plenos coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Pazos, e a ausencia do edil Héitor Mera. Este ano o cartel estrutúrase en dúas liñas principais, segundo anunciaron os seus promotores: Por un lado, actividades musicais e de teatro que se celebrarán no Auditorio, e por outro, animación nas rúas.

O mércores 21 de decembro dará comezo esta quincena de actividades co tradicional concerto de Nadal da Escola de Música e Conservatorio Profesional, finalizando o xoves 5 de xaneiro coa agardada cabalgata de Reis. Entre estas dúas datas haberá tempo para o teatro infantil, con obras como "Para siempre, siempre, siempre", a cargo de La Quimera de Plástico (día 22); "O mundo máxico de Pinocho", de Educa Teatro (día 27), ou "A nena que quería navegar", de Redrum Teatro, que se representará o día 29. Na sección "Nadal con vida", que se celebra os días 23, 28 e 30, participan a Escola de Danza Oriental Margarita Outeiral (na Praza da Constitución) e haberá espectáculos de rúa con Arela Teatro ou as asociacións culturais Ludovaina, Peis D´Hos ou Lembranzas da Ría.

Non faltarán nestas xornadas os habituais Obradoiros de Nadal na Casa da Xuventude, de luns a venres en horario matinal de 10.00 a 14.00 horas, nin o que organiza Adicam na Casa da Bola o 30 pola tarde. Ese día tamén haberá unha chocolatada no mesmo sitio, organizada pola Asociación de Mulleres Cimadevila. O ano despídese con coas precampanadas de fin de ano, ao mediodía nos Xardíns de Soage, e a carreira de San Silvestre polas rúas de Cangas, organizada polo Clube de Atletismo Morrazo.

Os actos de 2017 abriranse o 3 e 4 de xaneiro coas Danzas de Reis de Lembranzas da Ría por rúas e prazas e a entrega de premios da xincana de Fecimo. O Paxe Real estará ese día na Casa da Xuventude, e pola tarde haberá Cantigas no Nadal no Auditorio. A tarde do día 5 chegarán os Reis Magos de Oriente cunha morea de agasallos.