Como veciño de Aldán asistín ao xuízo que se está a celebrar en Pontevedra, e coas preguntas que lle facían as testemuñas sobre os aproveitamentos do monte viñéronme á cabeza as miñas vivencias de neno.

Voume presentar coma se fose no xuízo: chámome Finsito do Caseiro, nado en Menduíña no ano 1.951. Na miña casa había vacas de leite, medio de subsistencia e por tempadas algunha vaca máis dos tratantes do gando, de "Santos" e os "Americanos", que as deixaban para engordarllas a cambio de traballar na ceifa (labranza).

Empecei a ir ao monte con pouco máis de seis anos, primeiro acompañando á miña nai ou a miña avoa, logo so, aproveitando que ían máis veciños e veciñas. Deixabamos as vacas todas xuntas e quedaban ao coidado dos maiores e os rapaces e rapazas marchabamos á escola, pola tarde íamos a buscalas e ao voltar facíase parada nos lagos das Teixugueiras para que beberan e foran arranxadas para a corte. Poucas casas tiñan pozo e os mananciais e regatos tiñan moita importancia.

Os montes eran aproveitados por proximidade. Os do Outeiro, a estrada e Gandón íamos a Talaserra, Almadouro, Bouza Cristina, Campelo, Borrallido e ata Cereixido que xa estaban os de Bon sobre todo con rabaños de ovellas. Os de Menduiña de abaixo e Carballiños aproveitaban Taragudo, Bouzabella, o Viso, Bargón e os Moscallos; dábanlle de beber no lago das Saniñas, preto da Ermida de San Amaro os da Pedra e no río de Bouzas os de Carballiños. No Piñeiro ían a Tralalaxe, Pata da Mula, Fontedola, etc. Os de Herbello a Baxín, Castelo ata o marco de Aldán en Montecarrasco; tamén ían ao monte de Herbello cara San Cibrán, onde se atopa a parcela ocupada polo "GERIATRICO", e chegaban ás chans de Varalonga, lindando con Darbo e Hio. Os de Espiñeira tiñan pouco monte comunal, so unha franxa costeira dende Cova da Balea, Areacoba.

Voume centrar no que vivín nos montes de Borrallido. Xuntabamonos un montón de veciños con vacas, ovellas e dous burros, "A Primavera" de Pascual e "O Plumacho" de Ramiro, que fixeron historia. Aproveitabamos o tempo para cortar toxo ou xuntar leña (non existía o butano). Cando os toxos chegaban a vellos e non servían para estrumar a corte do gando facíanse queimas controladas para aproveitar os chamizos para o forno e as cociñas. Logo ese terreo rexenerábase coma pastizal.

Falar de todos e todas que usaban o monte sería moi longo e quedaríame alguén atrás. Voume centrar nos máis próximos. Señor Benito de Vicente que tiña sempre o "pitillo" colgado, antes de rematar acendía o seguinte para aforrar mistos, a súa filla Carmen, os de Hermelo, Antonio de Avelina, os Vidal, os Picóns, os Roldáns, e Mariñáns por Gandón, os do Caballero, Capitáns, David, Benedito e Amalia, Aveliniña, os do Coxo, Marujiña, a Palloza, señor Piñeiro e as nosas vacas de María do Caseiro entre outras e máis o rabaño de ovellas de José Alfaya que pastoreaba a testemuña, Mari Carmen da Carretera.

O monte zumegaba vida por tódolos lados, aparte dos traballos mencionados, Carmen de Vicente e a miña nai bordaban sabas ou calcetaban, outros xogaban ao rei peludo ou a brisca, púñanse ao socairo ou baixo unha lapeira se o tempo empeoraba.

Era unha sociedade sen cartos pero solidaria. Cando tocaba cargar un carro de toxo enorme axudaban a carrexar as paveas e logo amarrábanlle unha corda con retorno para que nos sitios perigosos como na curva da caída da auga de Campelo ou nas Teixugueiras entre varios aguantar para que o carro non dese volta, ao grito de: "Amodiño, amodiño" e "ala vaquiña vai".

No monte vivín as primeiras trasnadas, entre os nenos que andabamos xogando á cachiza, espicha, fabiña, escondite, a librada, etc. No monte fixen o primeiro forno onde asabamos patacas e mazás, que cun anaco de pan de millo, o que o tiña, matabamos á fame.

Téñome que lembrar de persoas como Carmeliña e Silveria, Peregrina da Neta, a Bicha, así como de Celia e María de Blanco, que foron parte da miña infancia ao estar relacionadas cos traballos na miña casa.

Ter presente que xa no 23 de xuño do ano 1902, presentouse no goberno civil a "SOCIEDAD DE SOCORROS MUTUOS", sobre gandos establecida na parroquia de Aldán. Logo o regulamento foi reformado e presentado no goberno civil de Pontevedra o 30 de xullo de 1928, presidía a sociedade Luis Bolibar e secretario Serafín Alfaya, sendo a sede social a casa da señora Juana Miguez, viúva de Bermúdez en Rozabales. Máis tarde, o 13 de agosto de 1931, exitía tamén en Aldán "LA ALIANZA REDENTORA", sociedade de agricultores e mariñeiros de Aldán, da que era presidente José Lodeiro, secretario o mestre José María Quinteiro, tesoreiro, meu avó José Menduiña.

Para ser mariñeiro tes que ter barcos e mar para pescar.

Para ser gandeiro tes que ter gando e monte para pastar. ¿Cal era o monte? Todo o que se consideraba baldío, que era a parte alta das terras de Aldán que estaban a matorral e pastizal.

Estas sociedades que menciono non tiñan razón de ser se non tiveran monte para levar o gando a criar. Nos anos 30 había censadas en Aldán máis de 300 cabezas de vacuno, no meu tempo menos, pero había moitas.

Teño presente cando os avogados lle preguntaron ás testemuñas que levantaron planos do monte sobre "mojóns" ou marcos, as respostas eran vagas e limitábanse a algúns muros pequenos e descontinuos. As escrituras antigas, polo menos no caso da miña avoa, as tomadas poñen que lindan co muro e monte ou monte veciñal. Nalgúns sitios as propiedades estaban totalmente delimitadas por muros como por exemplo nas Teixugueiras e Bouza Cristina.

Con todo isto quero deixar claro que os montes de Aldán durante moito tempo foron o sustento de tódalas familias, e o mesmo que eu conto de Borrallido, poden contar os de Piñeiro, Herbello e San Cibrán.

Xa é tempo que volvan a ser dos veciños e non esperar que sigan morrendo as testemuñas.

*Veciño de Aldán