Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro en Bueu 1975-1985 (II)

Os grupos de catequeses foron moi activos, aínda que na Semana Cultural das Letras soían vir compañías profesionais

Unha das primeiras obras representadas polo grupo que se deu en chamar A Dorna foi "Na casa do ciruxán", de Roxelio Ribeiros. Estreouse no Cine Avenida de Bueu pola festa de Corpus e, xa dirixida por Pepe Pais, foi representada na Praza do Teucro de Pontevedra dentro dunhas xornadas culturais na que tamén participaban outros grupos do ámbito relixioso pontevedrés compostos por persoas moi activas na cultura da capital. Tamén se desprazaron a outras vilas como Raxó e, noutros períodos, a Moaña, Cangas e ata Santiago de Compostela.

Difícil sería citar a todos os compoñentes dos diversos grupos de teatro da catequeses de Bueu por estes anos, pero algúns dos que comezaron esta actividade foron: Fidel Castro, Salvador Castro, Luis Cerviño, Mario Corredoira, Emilio Costas, Ataúlfo Cortizo, Margarita Macías, Teresa Padín, Loli Pais, Conchi Paz, José Manuel Ríos, Francisco Ruibal, Roberto Vidal, ...

Paralelamente a este grupo de catequistas houbo outro de rapazas e rapaces catecúmenos, coma Conchi e Loli Docampo, Mani Carballo, Agustín Juncal, Alejandro..., que participaron con pequenas obras.

Escasa axuda pública

E xa no eido institucional, a principio dos anos oitenta e a pesar dos incrementos significativos nos presupostos municipais destinados a Cultura (163.160 pesetas no ano 1980;675.500 ptas. no ano 1981; e 888.000 ptas. no ano 1982...) a maior contía destinábase a subvencionar festexos, corais, asociacións e eventos deportivos. Soamente unha cantidade moi pequena, e case que puntual, ía destinada á actividade teatral a nivel municipal e esta practicamente cinguida ás Semana Cultural e Semana das Letras Galegas, lastradas tamén polo sobrecusto que supuña para as representacións o aluguer do Cine Avenida.

Para estes eventos traían grupos doutras vilas, normalmente profesionais, como no 16 de maio de 1980 data na que o grupo vigués Artello representou no Cine Avenida a obra infantil "Tarará, Chis-Pum" concibida "como un xogo de participación entre actores e nenos a partires da historia dun rapaz que quere ser pallaso e perde a súa risa...". Peza que xa recibira unha Mención especial nos Premios da Crítica-Galicia do ano anterior. A dirección estaba compartida por Artello e Ramón Rodrígues.

Este mesmo grupo actuou outra vez en Bueu no ano 1982. Puxeron en escena unha historia de piratas para todos os públicos titulada "Mandatruco!!!" na que o texto, escenografías, vestiario, música, iluminación e dirección eran do propio grupo Artello.

Nesta época poucas veces representaban grupos de afeccionados, se exceptuamos aos alumnos do Colexio San Narciso de Marín ou aos dos centros educativos do concello e aos grupos de catequeses xa mencionados. As poucas actuacións con iniciativa institucional seguían a vir da man de profesionais como na Semana das Letras Galegas 1983 coa actuación, para o público infantil, patrocinada por Caixa Vigo e correndo o aluguer do Cine Avenida a cargo do Concello; ou como a compañía Teatro Popular Keyzán de Vigo dirixida polo seu fundador Maximino Fernández Queizán (Maximino Keyzán) que acudiu á Semana Cultural de Bueu en varias ocasións representando obras como "A raposa e as uvas", de Guilherme Figueiredo. Ou como o 9 de novembro de 1983, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, cunha actuación no cine Avenida do grupo de Teatro A Farándula co seu espectáculo "Arroutadas", baixo a dirección de Eduardo Hernández Rúas. Esta sería unha das últimas actuacións desta compañía que fora fundada, entre outros, por Cándido Pazó.

Das representacións no ámbito relixioso temos constancia das realizadas polo alumnado do Colexio de Beluso. A primeira foi un cinco de xaneiro de 1984. Ao remate da cabalgata de Reis puxeron en escena na igrexa parroquial o "Auto de los Reyes Magos", considerada unha das pezas teatrais en castelán máis antigas. Ao ano seguinte representaron a égloga de Juan del Encina "Las grandes lluvias", onde uns pastores anuncian o nacemento de Cristo.

Os patrocinios

No eido profano e a partir dos anos oitenta vemos que a cooperación para patrocinar a actividade cultural foi diversa ao longo do tempo pero case sempre constatamos que a maior contía recaía na Deputación ou noutras entidades como as Caixas de Aforros que por esas datas destinaba moitos recursos á 'Obra Social'. Exemplo da cooperación con estas entidades o temos na Semana das Letras Galegas 1984 na que actuou o Obradoiro de Monicreques e Marionetas Tanxarina de Redondela repartíndose o patrocinio da mesma con tres cuartas partes dos gastos para a Caixa de Aforros de Vigo e cuarta parte restante para o Concello de Bueu.

Compartir el artículo

stats