A veciña de Moaña, Susana Villamor Prieto, venceu este ano o XIV Certame de Microrrelatos que organiza a Lonxa Literaria. Impúxose cunha obra titulada "O ladrón de soños". Trátase da segunda vez que esta autora vence neste xa tradicional certame, pois se impuxo tamén na edición do ano 2014. O certame se caracteriza por repartir como premio un lote de conservas de produtos procedentes do mar.

Nesta ocasión o xurado encargado de valorar os microrrelatos presentados estaba composto polos os escritores Iria Collazo, Antonio M. Fraga e Mayca Juncal. A peza gañadora é a seguinte:

O ladrón de soños

"Subín ó eirado da biblioteca pra me deleitar coas vistas: a dereita, máis aló dos arrabaldes, a chaira; de fronte, a praia co illote do Demo e o mar embravecido; ás miñas costas os bastos prados da cooperativa, e ao sur a serra do Mangoiro e os seus penedos facendo equilibrios nos cumios. Ata se vía pratear a fervenza do río Pequeno. Era día de feira e abaixo, na rúa, o tráfico e a xente parecían formigas rebulindo dun lado para outro. Mergullado na paisaxe e nas miñas lideiras, achegouse onda min un vello que, tralo saúdo de cortesía e un breve interrogatorio: que fas por aquí, de onde ves, entón tí de quen ves sendo... contoume que era músico, e faloume dun forasteiro que estivera na vila hai moito tempo, un descoñecido que por un recadeiro achegáralle unha moeda de ouro para que fora onda el. E iso fixera. Non tiña nada que perder, pensara. E pensara mal. Xa que perdera, e moito. Aquel estranxeiro roubáralle os soños, e todo por unha moeda de ouro! Dende aquela non volvera facer música. Dicía que sen soños non hai imaxinación e sen imaxinación non hai fantasía, nin música, nin contos, nin nada. Non sei o tempo que pasei cismanado niso. Xa era tarde, estaba só e aparvado, como se acabara de espertar dun sono. Freguei os ollos, botei unha última ollada darredor e baixei. Asemade atopei no chan unha moeda dourada e soou o móbil: número "descoñecido". Casualidade? non sei, pode. Pero por se acaso, nin moeda nin chamada. Lisquei dalí".