Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1975-1985 (I)

As asociacións culturais como Liboreiro, es as de pais nos tres novos centros educativos, fomentan a actividade teatral na vila

Grupo de "Pista ou Peste?": Martín, Jorge, Eugenio, José Manuel, Rosa, Mª José, María, Agustín, Bea, Verde e o director Gonzalo Calviño.// Arquivo do autor

Unha das primeiras asociacións culturais nadas en Bueu por estas datas foi a Asociación Cultural Liboreiro, que se presentou oficialmente como tal nun acto celebrado no Colexio Público de Bueu o 1º de maio de 1976. Nese Festival actuaron conxuntos e cantantes agrupados baixo a denominación de "Movemento popular da canción galega".Posteriormente organizouse un ciclo de conferencias e actuacións musicais como a de Nemeton (1976-78), grupo folk fundado por tres mozos bueuenses: Emilio Rodríguez Miranda (Voz, guitarra acústica e española, frauta doce), Miguel Agustín Pouseu Loira 'Tinso' (Zanfona, guitarra acústica e española) e Isidro Cortizo del Río (Voz, guitarra acústica e española e pandeiro) e algunha vez acompañounos Fito (Adolfo 'O Chino'). Actuaron nunha chea de lugares e escenarios facendo moitas veces de teloneiros doutros grupos ou cantautores relevantes coma Fuxan os Ventos, Amancio Prada, Suso Vaamonde, etc.

Ao longo do ano 1977 os membros da Asociación Liboreiro continuaron coa dinamización nas súas actividades, entre elas a teatral. Un exemplo foi cando trouxeron ao grupo de teatro de Noia 'Candea' que veu co seu fundador e director Xosé Agrelo Hermo para representar na Lonxa de Bueu unha obra sobre a emigración titulada "Metá e metá" da que o mesmo Xosé Agrelo era o autor.

Os tres grupos escolares

No curso 1971-72 sería un fito relevante no mundo educativo e da cultura bueuense a inauguración de tres grupos escolares nas parroquias de Bueu, Beluso e de Cela. As escolas unitarias espalladas por todo o concello foron agrupadas no centro da súa área de influenza. Tras uns anos de adaptación á nova realidade grupal, as actividades dos distintos centros foron achegándose ao mundo do teatro da man do profesorado ou coa a axuda dun novo movemento asociativo como eran as Asociacións de Pais (APA, hoxe ANPA).

O inicio destas actividades, como xa comentamos no artigo anterior, o deron persoas pertencentes á directiva das ANPA de Beluso e da Virxe Milagrosa de Bueu coa representación en ambos centros, no curso 1975-76,da obra de Leandro Carré Alvarellos titulada "Pra vivir ben de casados".

No grupo escolar de Bueu dende o ano 1977 ao 1983 a actividade teatral tamén é guiada pola APA pero os protagonistas son os alumnos.O director era Gonzalo Calviño Vidal coa axuda de Jaime Pereira e a colaboración, no deseño dos escenarios, de Manuel Castilla e Fernando Macías. Eran tempos nos que o escenario artellábase sobre táboas soportadas por pupitres!

A actividade estaba, inicialmente, destinada aos alumnos de 7º e 8º de EXB e, ao longo do tempo, participaron entre outros alumnos Salvador Castro, Margarita Macías, Begoña Otero, Jose Manuel Resille, Eugenio del Río, María Swarzt,....

Unha das obras representadas, curso 1977-78, atopámola en "Follas Novas de Rosalía" de Castro, na III parte titulada "Varia", no que o primeiro poema "H'hai peor meiga que unha gran pena"foi fácil de adaptar para poder ser representado dada a súa estrutura e contexto. E comeza así:

-Marianiña, vaite ó río.

-Deixá, ña nai, que aquí estea,

que eu non vexa a luz do día,

que a luz a min non me vexa.

-¿Qué estas dicindo, rapaza...?

-Que onte á mañán na devesa

a iaugua se tornóu roxa

cando me fun lavar nela;

.............

No curso seguinte viría "A tía lambida" de Eduardo Blanco Amor;seguida doutras representacións como "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" de Carlos Casares, "Pista ou Peste?"de Manuel Daniel Varela Buxán, "Farsa das zocas" e "A árbre" de Ricardo Carballo Calero, etc.

O colexio de Beluso

Como exemplo da actividade teatral nesta década nos centros educativos que, dende un inicio viñeron da man do profesorado,temos o Colexio de Beluso. Na que cada ano se representaban dúas ou tres obras. Algunhas delas foron "El médico a Palos" e "El enfermo imaginario" de Molière, "Os vellos non deben namorarse" (os tres lances) de Alfonso R. Castelao, "Farsa y Justicia del corregidor" de Alejandro Casona (que escribira para o grupo "Teatro del Pueblo" das coñecidas Misións Pedagóxicas) ou, de Manuel Daniel Varela Buxán "De Mulleres...Non me Fales" e "Os Casados de Pouco",... Esta última fora premiada pola Consellería logo de ser representada polo alumnado na Radio Televisión Española en Galicia no programa "A Escola, algo máis que as matemáticas".

E esta non sería a última vez que os nenos deste centro levaran ás ondas o seu bo facer. Aínda hai quen se lembra,curso 1985-86, do seu paso polo programa de radio"A Radio máis nova", presentado e dirixido por Xulio Xiz e que tiña por obxectivo achegar a actividade radiofónica aos rapaces. Cada semana emitíase desde un colexio distinto de Galicia, no que os alumnos abordaban un determinado tema diante dos micrófonos. A actuación do alumnado da parroquia de Beluso a titularon 'O Fiadeiro' porque era o nome da revista escolar deste centro.

Compartir el artículo

stats