O venres 18, a partir das 20.00 horas, o Museo Manuel Torres acollerá a presentación, organizada pola Asociación Queremos Galego Marín, do último libro do antropólogo pontevedrés Rafael Quintía."Análise estrutural e simbólica do mito da moura" é un rigoroso ensaio que fala sobre o valor simbólico da moura como herdeira das deidades femininas arcaicas, deslingándoo do concepto amplo "mouros", para chegar á cerna das deusas da terra e a súa transformación despois da cristianización, en diversas manifestacións da virxe, que se apropia das cualidades positivas da moura, permanecendo as negativas para as bruxas ou as mouras pagás. Rafael Quintía, quen con este ensaio gañou o XX Vicente Risco de Ciencias Sociais do ano 2016, é un coñecido antropólogo, economista, escritor e músico pontevedrés que leva anos traballando no campo da investigación e a divulgación da etnografía, historia, cultura e antropoloxía.