Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

San Martiño e Moaña dende o século XII

A reitoral acolle hoxe unha velada cultural sobre os oríxes da freguesía dentro do programa das festas patronais moañesas

Cabeza do XIV reaproveitada quizáis da reitoral do medievo. // A.

No século XII, Fernando Arias mandou construír unha igrexa románica despois de que o rei de León e Galicia Fernando II lle concedera en 1184, por medio dun privilexio rodado, varios terreos na daquela aldea de Sabaceda e nos seus arredores. Foi posiblemente por acompañalo na loita contra os mouros. Debido á influenza dos monxes bieitos de Ermelo, onde un membro da familia Arias chegou a ser abade nese mesmo século, a igrexa construída púxose baixo o padroado de San Martiño de Tours. A figura quedou gravada no tímpano da fachada principal dela en compañía doutros dous santos moi honrados por ditos frades, San Bricio e San Millán de la Cogolla máis outros dous persoeiros, o mestre de obras que deseñou o templo e o propio Fernando Arias.

Rematada a igrexa, na derradeira década do século XII, creouse unha nova entidade poboacional, a freguesía de San Martiño de Moaña, formada polas antigas aldeas e casais que ata o daquela pertencían á parroquia sueva do Morrazo.

A comezos do XIII engadíuselle á nave unha sancristía, equipada cunha porta exterior do mesmo ancho que a maior, coroada por un tímpano románico de transición ao gótico coa imaxe de San Martiño dentro dunha mandorla, sostida por dous rudimentarios anxos. Este tímpano atópase na actualidade no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.

No século XIV, Ignés Eans, devanceira dos condes de Soutomaior, que herdara dos Arias o padroado e dereito de presentación de abades na igrexa de San Martiño, cédelle tales dereitos ao mosteiro de Santo Domino de Pontevedra coa condición de que un dos seus frades pase: ? a predicar día de san Martin de noviembre todos los años a la Iglesia de dicho beneficio y de que los curas le den de comer a dicho religioso, y a un Criado, y a la cabalgadura; todo ello por razón de dicho. patronato ?

A gobernación civil de Moaña no seguinte século pasa a exercela un rexedor e un alcalde pedáneo dependentes da vila de Cangas que era a capital da Xurisdición do Morrazo. As xuntanzas de ditas autoridades cos veciños facíanse no adro baixo ou no interior da Igrexa de San Martiño e os acordos acadados eran pregoados polo párroco no ofertorio das misas dominicais.

Unha nova reitoral foi construída no século XVI para substituír á medieval da que posiblemente se conserva unha cabeza de pedra, reaproveitada no muro dun antigo alpendre da mesma. Dende ela, o párroco ou reitor, D. Gregorio Soliño, trasladouse a Cangas para ser erixido como primeiro prior da colexiata, rematada en 1543.

A poderosa Casa do Rosal fíxose cargo, no século XVII, do padroado da Igrexa de San Martiño que quedara vacante no tempo en que a Inquisición desterrou a unha das súas titulares, a cangueira María Soliña, despois de condenala a desterro por bruxa. Nese século, ampliouse a Reitoral deixándoa en forma de L e fundouse a confraría de San Martiño para encargarse das festas na honra ao santo patrón dun xeito regulado.

O aumento da poboación moañesa debido á sementeira intensiva do millo americano no século XVIII, está na orixe da ampliación da igrexa de San Martiño a partir do ano 1763, no estilo barroco

Coa Constitución do ano 1812 comezou a dar remate o vello réxime que ía traer o fin dos moitos privilexios da monarquía, aristocracia, fidalguía e Igrexa. Por tal motivo, o párroco de San Martiño, que ata o daquela era a persoa máis rica de Moaña despois dos Sres. do Pazo do Rosal, perdeu unha gran parte dos seus poderes temporais que pasaron á alcaldía constitucional, creada en Meira no ano 1836 coa xuntanza de dita parroquia máis as de Moaña, Domaio e Tirán. En novembro de 1874 constituíuse en Quintela o Concello de Moaña coas catro parroquias citadas.

A finais do século XIX chegaron a Moaña varias traiñeiras procedentes de Asturias que paseniño a paseniño ían quitarlle a supremacía ás vellas lanchas do xeito e doutros oficios baixos. Consecuencia delo foi a repoboación da ribeira do mar moañés onde, ata o daquela, apenas había casas por medo as invasións marítimas .

Debido á división parroquial do ano 1964, feita sen equidade, a parroquia matriz de Moaña quedou con poucos fregueses e sen propiedades agrícolas e forestais, fora dos terreos achegados á reitoral. Como consecuencia de tales circunstancias e do desinterese das autoridades eclesiásticas e municipais á cuberta da igrexa de San Martiño púxoselle unha inadecuada cuberta de formigón e unha parte das paredes da Reitoral, do século XVII, derrubáronse.

Nos comezos do presente século comeza unha recuperación da parroquia; deste xeito, o adro baixo foi lousado con placas de pedra o mesmo que o antigo cemiterio; os muros derrubados da Reitoral reconstruíronse para aloxar a actual Escola municipal de música e a festa de San Martiño declarouse de interese turístico de Galicia.

Dita recuperación debe completarse cun estudo arqueolóxico do monte do Castro, situado a carón da igrexa; coa ampliación do lousado ata o Cruceiro das Angustias e coa posta en valor das casas labregas centenarias que aínda se conservan nos arredores do templo, cerne de Moaña.

* Investigador local de Moaña

Compartir el artículo

stats