Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

A escena teatral en Galicia 1975-1985 (I)

A Mostra de Teatro de Ribadavia e a creación do Centro Dramático Galego, dous fitos clave desta década

O director Manuel Guede.

Comezamos esta serie coa Mostra de Ribadavia. Abrente desenvólvese á par que vai medrando, como xa comentamos nunha crónica anterior, o movemento galeguista antifranquista na procura da democracia e da identidade. Mais a resistencia cultural neste caso vai estar protagonizada polo esforzo común dun grupo de persoas que, arredor da Asociación Cultural Abrente en Ribadavia, propuxose e conseguíu un rexurdimento do teatro en Galicia.

Nun momento en que cáseque non se facía teatro en galego a Agrupación Cultural Abrente tras unha serie de contactos por toda Galicia, convocou en 1973 a I Mostra de Teatro en Galego, acompañada do I Concurso de Obras Teatrais en Galego Abrente alentando a escrita dramática.

Ademais da exhibición dos espectáculos- sempre controlados pola lupa da censura franquista até a desaparición da censura en 1978 - a organización prestoulle atención ás actividades paralelas como conferencias e debates- con frecuencia con posicionamentos enfrontados de carácter político sobre todo entre nacionalistas e comunistas- mais que foron deseñando a necesidade da profesionalización, canalizaron as reivindicacións das compañías, debourouse sobre o equilibrio entre itinerancia e estabilidade? Os debates extendianse e remataban ás tantas da maña no Papuxa, unha taberna ribadaviense que fervía durante a semana que duraba a Mostra. Ribadavia era un crisol. Todo isto xustificaba que a xente teatreira viaxase como podía até Ribadavia.[E aproveitamos agora para corrixir un dato que dimos nunha crónica anterior -Faro de Vigo 26 de xuño-. Celso Parada "Sito" foi en autostop á Mostra con Gonzalo de Paxarín e non con Camilo Valdehorra como sinalamos]

Entre 1973 e 1980 datas que encadran o tempo da celebración das Mostras e Concursos de Abrente, actuaron 108 grupos teatrais que representaron unhas 120 obras. Sen ter en conta outras consideracións, estes datos expresan con rotundidade a ampla movilización de vontades que se producíu en torno ás Mostras de Ribadavia e ao nacente fenómeno teatral a elas vencellado. Aquí iniciou a súa andaina o teatro galego contemporáneo e se conformou a profesión que ia facer posible esta tarefa.

Nelas, representáronse textos ou foron premiados, ademais do trío de autores máis coñecidos: Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo, Euloxio Ruibal, outros como Camilo Valdehorras, Xosé Agrelo Hermo, Millán Picouto, Teodoro Piñeiro, Manuel María e Bernardino Graña quen gañará o Premio Abrente en 1979 pola obra "Os burros que comen ouro".

Fagamos agora unha nómina só referencial de directores, actrices e actores que participaron na Mostra, que elexiron o teatro como profesión e que hoxe seguen na súa maior parte escénicamente activos: Preferentemente a dirección: Eduardo Alonso, Xulio Lago, Antonio Simón, Xosé Manuel Rabón, Manuel Guede, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Santiago Montenegro, Manuel Lourenzo, Gustavo Pernas, Vidal Bolaño..

Actrices e actores: Antonio Durán "Morris", Mabel Ribera, Luisa Merelas, Alfonso Agra, Luma Gómez, Rosa Hurtado, Elina Luaces, Miguel Pernas, Ernesto Chao, Laura Ponte, Gonzalo Uriarte, María Barcala, Rosa Álvarez, Marisa Soto?

Como críticos e difusión xornalistica Gustavo Luca de Tena, Xosé Antonio Perozo,Maribel Outeiriño e Luís Álvarez Pousa. Pedro Barea en "Primer Acto" e Moisés Pérez Coterillo na mítica revista de teatro "Pipirijaina" foron testigos importantes para que o renacente teatro galego comezase ser algo máis que un fenómeno underground e adquirise certa carta de natureza cultural e social en Galicia e fóra.

En Vigo, entre 1972 e 1978 desenvolvéronse unhas "Jornadas de Teatro" e a partir do ano 1975 a mesma organización porá en marcha as Mostras de Teatro Galego de Vigo dedicadas a exhibición de montaxes de grupos galegos, tentando resolver o debate ideolóxico que desde a propia organización das Jornadas e desde outros foros teatrais como as Mostras de Teatro de Ribadavia criticaban a súa programación escorada, segundo o seu parecer, por grupos foráneos.

Creación do Centro Dramático Galego

A derradeira Mostra de Ribadavia celebrouse en 1980. A finais dese mesmo ano tivo lugar o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia que entrou en vigor ao ano seguinte. E con el a elección democrática do primeiro Parlamento Galego da historia que converteu ao doutor Fernández Albor, de Alianza Popular, no primeiro presidente da Xunta de Galicia. Iníciase nese momento un novo capítulo da historia de Galicia e tamén do teatro galego que discorre, agás un pequeno periodo de tempo de dous anos, baixo o signo do conservadurismo triunfante, abocado por inequívoco mandato popular a construir e dar contido á autonomía de Galicia. Unha dereita que en 1981 acababa de chegar ao novo poder democrático e autonómico procedente na súa case totalidade das vellas estruturas franquistas carece de calquera proxecto cultural que vaia alén de voluntariosas declaracións de intencións sobre a promoción social do idioma galego e o apoio á creación cultural autóctona.

É precisamente esta ausencia de proxectos e a práctica monopolización do dicurso cultural por parte da esquerda e do nacionalismo o que permitirá a apertura de intersticios e zonas de colaboración entre a profesión teatral e o novo poder galego.Este vai ser o ámbito histórico de actuación da Xeración Abrente. Protagonizará unha convivencia políticamente tensa e ao tempo atravesada por un inevitable posibilismo.

O momento culminante deste cauteloso pero decidido e necesario achegamento ten lugar durante 1984 cando o daquela Vicepresidente da Xunta, Xosé Luís Barreiro Rivas, que en pouco anos se convertiría na besta negra dos populares galegos, anima ao xornalista Luís Álvarez Pousa un nacionalista de esquerda, independente e moi comprometido coa promoción e difusión cultural, a facerse cargo da Direción Xeral de Cultura.

Pousa acepta o desafio e desenvolve desde a administración cultural unha política radicalmente nova, moi inclinada a crear estruturas institucionais estables, capaces de actuaren como canles de interlocución e de colaboración cos distintos sectores culturais. A creación do Centro Dramático Galego en 1984 foi o resultado dese "pacto" entre a profesión teatral e os sectores máis aperturistas e galeguistas da dereita no poder.

Compriría, mellor, falar dun pacto duplo pois se en 1984 foi posible a posta en andamento do CDG foi porque os creadores dramáticos asinaron unha tregua nas súas disputas e alcanzaron un consenso que lles permitiría ter unha única voz diante dos políticos. Desta maneira, produciase un duplo acordo: no interior do conxunto de traballador@s da escena e deste coa Xunta de Galicia.

Servizo público

Os profesionais viron nesta nova institución unha saída para a súa estancada situación económica e sen esquecer que o CDG é un servizo público e galego, insistiron nas bondades que unha entidade así ten para o colectivo de creadores.

As circunstancias de penuria fixeron que os traballadores do teatro abandonasen as posicións contrarias á Constitución do CDG que mantiveron uns anos atrás e que se mostrasen en bloque partidarios do seu estabelecemento. Ademais a urxencia por aumentar as posibilidades de traballo provocou que prevalecese entre eles a concepción do CDG como ente produtor sobre outras, maioritarias anteriormente, que o entendían como unha institución fundamentalmente formativa e capacitadora dun público habitual e crítico

Compartir el artículo

stats