O frío e a choiva aínda non dan chegado á comarca a pesar de que os días do outono avanzan de maneira inexorable e xa queda apenas mes e medio para as festas do Nadal. Cousas do cambio climático. Pero aínda con estes días de sol e calor os veciños de Cela xa están afinando a gorxa para recuperar unha das súas tradicións máis senlleiras: o Bando do Nadal, unha costume coa que percorren os barrios e lugares da parroquia durante o día de Noiteboa e Nadal. Trátase dunha tradición que, polo menos, pódese datar no século XVIII.

Detrás desta labor de recuperación está, por decimocuarto ano consecutivo, a Asociación Cultural Retrouso. O bando é un grupo formado por entre 20 e 25 persoas que neses días vai cantar polas casas e bares da parroquia, un percorrido que ten o seu culmen na igrexa parroquial de Santa María. En realidade, tal como explica Rubén Bastón, "trátase dun grupo efémero, que se xunta só nos últimos meses do ano para preparar este canto tradicional". Os ensaios comezaron esta mesma semana no salón de actos do centro social de Cela e xa hai 20 persoas, máis o gaiteiro. "O número ideal sería contar con 25", apunta Bastón.

Dende Retrouso fan fincapé en que para formar parte do Bando de Nadal non fai falla ser membro da asociación e destacan que o máis desexable é que sexa unha experuencia interxeracional. "Este ano a verdade é que temos un equilibrio entre os maiores de 55 anos e os menores de 35 anos", apuntan. Os ensaios serán un día a semana, alternando xoves e venres, a partir das 19.00 horas no salón de actos do centro social.

A estrutura do canto inclúe unha serie de estrofas que van mudando cada ano e unha parte central que se mantén dende século XVIII. O bando divídese á súa vez en varios grupos ou pernadas, que van cantando de maneira alterna as frases deste cantar. "Para nós é unha das experiencias máis especiais porque se mantén a tradición tal como se facía antes e participa xente que non forma parte da asociación, que vén só para isto", explican dende Retrouso.

O bando sairá a percorrer a parroquia de Cela a partir das catro da tarde do día de Noiteboa. Antigamente a tradición ditaba que debían aguantar ata a misa do día de Nadal. Agora paran pola noite para cear coa familia e o día 25 pola mañá volven saír para continuar a ruta, que inclúe unha actuación na igrexa. A tradición tamén di que durante o seu percorrido o bando recibe donativos nos lugares nos que vai parando, unhas aportacións que logo sirven para organizar unha cea conxunta de confraternidade.