"Na memoria de todos os que xacen aquí porque grazas a eles Galiza segue a ter lingua e cultura de seu". Este é o texto que rezará a placa que se ha descubrir mañá ás 17.00 h no cemiterio de Bueu, en Castiñeiras, dentro do Día da Restauración da Memoria Lingüística. Trátase dun acto que impulsa a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e que nesta ocasión terá un dos seus escenarios en Bueu. Trátase dun recoñecemento a esas persoas que xa non están, que durante toda a súa vida falaron en galego porque "grazas a eles temos unha lingua e unha cultura propia porque eles foron os portadores de transmisión oral e dun patrimonio léxico, imaxinario, refráns ou lendas", explicaron onte o secretario deste colectivo, Xosé González, e a concelleira de Normalización Lingüística de Bueu, Silvia Carballo.

Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que anualmente morren en Galicia ao pé de 30.000 persoas. A gran maioría, ao redor dun 75%, usaban o galego como lingua principal. Unha porcentaxe que logo non se ve reflectida, nin de lonxe, nas lápidas que hai nos camposantos. "Só unha de cada mil lápidas están escritas en galego e apenas o 2% das esquelas que se publican nos medios de comunicación están tamén en galego", apunta Xosé González. Todo a pesar de que Galicia é probablemente é un dos lugares de España onde existe probablemente a máis importante antropoloxía e cultura ao redor da morte, como demostra o feito de que os cemiterios estén ao pé das parroquias e moi preto das zonas habitadas.

Esta xornada celébrase cada ano en distintos concellos de Galicia coincidindo co mes de Santos e Defuntos e nesta ocasión Bueu é un dos municipios que se suma a esta iniciativa. "Estamos acostumados a traballar a normalización en distintos eidos, algúns moi trillados, pero hai outros moi cotiás nos que non reparamos", recoñecía Silvia Carballo. Xunto a eles estaba o deputado de Lingua e Cultura da Deputación, Xosé Leal, que subvenciona a iniciativa.

A celebración do sábado tamén terá outra parte de máis contido xa que os asistentes terán a oportunidade de asinar unha sorte de lectura de vontades, un documento no que expresan de maneira razoada que as súas exequias se fagan en galego. "É unha forma de recuperar as que antigamente se denominaban 'mandas testamentarias' e de legar un ben inmaterial, como é a lingua", argumenta González. Con este Día da Restauración da Memoria Lingüística "queremos honrar a xente que nos transmitiu a lingua", di á súa vez Silvia Carballo, e que apunta que tamén é unha reflexión para facer ver que o galego tamén é unha lingua válida no tránsito dende a parroquia dos vivos á dos mortos. Con independencia de que haia que negociar con San Pedro para entrar no Reino dos Ceos ou negociar co diaño unhas mellores condicións alá abaixo no inferno.