Os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) apuntan que cada ano morren en Galicia entre 29.7000 e 30.000 persoas. A gran maioría, ao pé do 75%, eran galego falantes ou usaban o galego como lingua principal. Pero somentes unha de cada mil lápidas están escritas en galego e apenas o 2% das esquelas que se publican nos medios de comunicación están tamén en galego. Son datos que expuso hoxe a mediodía Xosé González, representante da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica, nun acto celebrado no Concello de Bueu para presentar o Día da Restauración da Memoria Lingüística, unha xornada que tenta poñer o foco sobre un dos aspectos menos traballados neste eido: a morte e o recordo escrito que os finados deixan na "parroquia dos vivos".

Esta xornada celébrase cada ano en distintos concellos de Galicia coincidindo co mes de Santos e Defuntos e nesta ocasión Bueu é un dos municipios que se suma a esta iniciativa. Vai ser no cemiterio parroquial, en Castiñeiras, onde a partir das cinco da tarde vaise descubrir unha placa que rezará así: "Na memoria de todos os que xacen aquí porque grazas a eles Galiza segue a ter lingua e cultura de seu". Trátase dun recoñecemento a esas persoas que xa non están, que durante toda a súa vida falaron en galego porque "grazas a eles temos unha lingua e unha cultura propia porque eles foron os portadores de transmisión oral e dun patrimonio léxico, imaxinario, refráns ou lendas", explicaba Xosé González.

A celebración do sábado tamén terá outra parte de máis contido xa que os asistentes terán a oportunidade de asinar unha sorte de lectura de vontades, un documento no que expresan de maneira razoada que as súas exequias se fagan en galego. "É unha forma de recuperar as que antigamente se denominaban 'mandas testamentarias' e de legar un ben inmaterial, como é a lingua", argumenta o representante da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüistica.

Na presentación de hoxe estaba a concelleira Normalización Lingüística do Concello de Bueu, Silvia Carballo, e o deputado provincial de Lingua e Cultura, Xosé Leal, xa que a Deputación tamén colabora nesta iniciativa. "Traballamos en moitos eidos da normalización da nosa lingua, en ocasións xa moi trillados, pero ás veces non reparamos en algúns tan cotiás como a cultura da morte", sinala a concelleira buenense, quen conclúe que con este Día da Restauración da Memoria Lingüística "queremos honrar a xente que nos transmitiu a lingua" e que sexa un motivo de reflexión para facer ver que o galego tamén é unha lingua válida no tránsito dende a parroquia dos vivos á dos mortos. Con independencia de que se colla o camiño cara o ceo ou cara máis abaixo.