Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Premio Daravelo, a Cuñarro e A Cepa

Os veciños de Darbo recoñecen o labor da asociación cultural e do seu fundador

Fernando Cuñarro, nas dependencias de A Cepa en Cangas. // FdV

O colectivo quere destacar con este recoñecemento dúas condicións esenciais: "En primeiro lugar, o impagable aporte á nosa sociedade e o calado do traballo da Asociación Cultural A Cepa, e, en segundo lugar, a quen tivo a xenerosa idea de fundar, dirixir e desenvolver este proxecto, o profesor Fernando Cuñarro Pintos".

Lembra que A Cepa nace "dunha realidade formativa que ofrece a quen non puido acadar uns estudos básicos na súa infancia unha nova oportunidade, a chamada escola de adultos". E nese contexto, o profesorado que lideraba esta entidade en Cangas "tamén se decatou de que había outras inquedanzas cara á aprendizaxe de materias non regradas, e ademais, cando non as había, promoveunas". Xorde así a Asociación Cultural A Cepa, "para dar resposta ás necesidades educativas extracurriculares na vila, xunto coa promoción e difusión de eventos culturais en todos os eidos: arte, literatura, posta en valor do patrimonio propio de Cangas" e un longo etcétera, xustifican os promotores do premio, que naceu co século XXI.

"Á fronte deste exército cultural de vangarda estaba Fernando Cuñarro, quen soubo ir montando a andamiaxe precisa para que esta construción chegara a ter a magnitude que hoxe nos honra. Non podemos esquecer o carácter integrador que calquera asociación debe ter, para ir acollendo no seu seo a rica variedade de intereses e propostas que están a dar vida neste intre á Asociación A Cepa", xustifican, e non lles pasa desapercibida a súa función pedagóxica, "maxistralmente fundida en actividades expositivas, viaxes culturais, edicións de escolmas fotográficas e biográficas, sen esquecer o gran esforzo que realizan para ter ó día, con gran frescura, a nosa grande e prolífica memoria histórica", mostras ou publicacións que deixan esas testemuñas para as xeracións futuras.

Polas aulas da Asociación A Cepa, sinalan, teñen pasado veciños e veciñas que "descubriron nese esforzo dos formadores un camiño a seguir, un exemplo de dedicación e entrega", e aprender, en distintos obradoiros "todo aquilo que de seguro souberon e saberán aproveitar nalgún momento da vida". A carón deses alumnos estiveron e están os profesores e profesoras, os que fundaron a Asociación e aínda proseguen nela, e aqueles que foron pasando polas distintas etapas nesta longa traxectoria. "Para todos eles tamén é este premio Agradecemento, pois sen o seu esforzo e aporte non tería triunfado este proxecto", recalcan.

Tantos anos de "iniciativas emprendedoras e de enriquecedor asociacionismo", de "admiración e respecto polo traballo desenvolvido" e o que aínda está por vir, será recoñecido nun acto que se celebrará o vindeiro domingo ao mediodía e que está convidado a presidir o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos.

Compartir el artículo

stats