Unha conversa co artista Henrique Prado, que se celebra hoxe ás 20.30 horas no centro sociocultural de Coiro, serve de punto de partida ao amplo programa de actividades organizado pola Asociación Cultural Cacarexo ata que remate o ano. O seguinte será mañán, cunha andaina por Parada do Sil e o río Mao, en Ourense, que partirá da parroquia canguesa ás oito da mañá.

O vindeiro sábado, día 29, ás seis da tarde, celébrase na Retirosa o tradicional magosto, promovido por Tromentelo, Cacarexo e a Xunta de Montes, e o 4 de novembro intervirá o profesor Fernando Cuñarro para facer un achegamento histórico á figura de Castelao. O 18 o ponente será Anselmo López Carreira, que disertará sobre As Irmandades da Fala (1916-2016). Unha excursión ás termas de Prexigueiro, en Ribadavia, unha charla de Xoán Chillón sobre "Os mestres de Coiro asasinados en 1936", a entrega do Premio Cacarexo ou os tradicionais cantos de fin de ano completan o cartel.