Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1960-1975 (VIII)

O Ateneo vive os cambios da mentalidade da época e, por primeira vez, empezan a chegar á vila grupos afeccionados de fóra

Representación de "Barriga verde" de Manuel María. //Foto Santoro

A actividade do grupo de mozos que en marzo de 1970 deuse de alta no Ateneo (entre eles estaban Xosé Luis Rúa Costa, Lois Ríos Paredes, Charo Silva Diz, Gonzalo Docampo Blanco e Xosé Carlos Villaverde) foi efémera. Un ano despois, o primeiro de marzo de 1971, Luís Rúa, Lois Ríos, Gonzalo Docampo e Charo Silva, presentaron a dimisión e déronse de baixa en desacordo coa traxectoria cultural do Ateneo, pois en mente, avogaban por Ateneos Populares baseándose nun libro da editorial Ruedo Ibérico. Lembrar que Ruedo Ibérico fora fundada en París no ano 1961, por cinco refuxiados españois da Guerra Civil, que introducían os libros dun xeito clandestino en España.

Xa se notaba entón, un pequeno cambio de sensibilidade social en tódolos estamentos cun aumento da conflitividade laboral, acentuada en 1972 coas folgas obreiras en Ferrol e Vigo. A entrada de Luís Pérez Rivas sobre o ano 1972, deu un xiro á programación cultural do Ateneo conseguindo que a directiva declarase o galego como idioma oficial desta ente. Luís Pérez Rivas chegou a ser presidente. No curso 1971-1972, entra en funcionamento o colexio nacional de EXB Amador Montenegro Saavedra (hoxe CEIP Reibón) e por tal motivo lograron praza en Moaña os mestres Manuel Anxo Méndez Fraguas, Miguel Pérez Pardo, Elisa de la Peña e Laura Sarmiento, os cales enseguida se fixeron socios do Ateno. Manuel Méndez acadou a presidencia entre 1974 e 1976, entanto que Miguel Pérez montou o Grupo de Teatro do Ateneo de Moaña. Xa por entón o Ateneo levaba algún tempo recibindo consignas da Fronte Cultural da AN-PG e acabaría como sede desta plataforma nacionalista.

Arredor de 1975 Miguel Pérez empezou a ensaiar Os Vellos non deben namorarse, de Castelao, pero pouco antes de terminar a montaxe abandonou a dirección do grupo, non así a de actor; de feito chegou a actuar na romaría de Bronlle e en Coiro, xunto con Celso Parada, Manuel Álvarez, Araceli Ríos, Gonzalo Chorén, e outros. Celso Parada, que viña con experiencia doutras obras feitas no vello Instituto de Rodeira e nas veladas do Cruceiro, pasou a substituílo na dirección e montaxe da citada peza. A música en escena corría a cargo de Raíces da Terra, grupo folk moi presente en todos os eventos desta época.

Nesta etapa do Ateneo, ademais de montar Os Vellos non deben namorase de Castelao (1975), Celso dirixe e interpreta Laio e clamor pola Bretaña (1976), baseado nun longo poema de Manuel María sobre os bretóns, contando coa colaboración de Sonia Rúa. As pezas foron representadas no mesmo local que o Ateneo e levadas por varios sitios como a mencionada carballeira de Bronlle, Pontevedra, Marín, Cangas. Aldán, Cine Veiga de Moaña, etc. Aquí convén sinalar que Celso Parada traballaba simultaneamente co grupo do instituto de Cangas, chegando a compartir, por exemplo Os vellos... e montaxes como Auto trascendental da escola tradicional ou Barriga Verde de Manuel María, montada no mesmo Instituto con actores moañeses como : Mari Carmen Casás, Mari Cruz Nogueira, Paco (de Meira) e Chelín Rodríguez Blanco. Despois de varias representacións era frecuente modificacións no elenco de actores polas baixas producidas.

En Auto trascendental... Mari Carmen Casás protagonizaba a figura principal de Escolástica: "Eu chámome Escolástica, a miña enseña é a esvástica e teño por opinión as leis da Inquisición como son invariable e eterna eu odio a Escola Moderna e dame noxo e receo esas barbas e eses pelos que os mestres de hoxe traen unha innovación de Satán, pois nestes tempos tan mudados, incertos e revoltados son todos afeminados..."

Mocidade de Tirán

En 1977 Celso foi a estudar a Santiago, pero aproveitaba as fins de semana para dedicarse ao que lle gustaba, e é por entón que contacta coa mocidade da parroquia de Tirán para ensaiar Falsa morte e certa morte de Estoraque o Indiano, obra de Eduardo Blanco Amor. Para levala cabo, el mesmo fixo o papel de Estoraque e ademais contou coa colaboración de Isabel Lorenzo, Beatriz Magdaleno, Alicia (de Vilela), Olga, Nieves Parada, Pepe Santos, Manolo e outros, que ensaiaban onde podían, baixos, faiados, etc. Esta obra foi representada en Marín, Monteporreiro e no cine Veiga.

No comedor do colexio

Nesa época e coa colaboración do Ateneo, empezan a vir por vez primeira en Moaña a outros grupos afeccionados de fóra, que actuaron no salón-comedor do colexio de Reibón. Ali viuse a obra de Blanco Amor Amores e crimes de Xan Panteira, montaxe do Teatro Antroido de Santiago, un dos primeiros en facerse profesional e contaba no seu elenco con figuras consagradas coma Roberto Vidal Bolaño, Xaquín García Márquez e Laura Ponte. O Teatro Candea de Noia, da man de Xosé Agrelo Hermo, trouxeron a Moaña dúas obras, Noite de Lobos e Metá e Metá, ambas obras escritas polo propio Agrelo. E tamén foi contratado o Teatro Auriense con O Caixón de Millán Picouto, no que participaron Xosé Lois González (futuro actor de Artello teatro) e Xosé Lois González Vázquez, o debuxante que será coñecido máis tarde polo nome de "O Carrabouxo."

Entre 1972 e 1975 aproximadamente, o Ateneo recupera os festivais benéficos baixo o lema Festival dos Probes, predominando os grupos musicais, corais, bailes folclóricos, recitais; en tanto que a representación teatral recaía máis ben na xente que facía as veladas do Cruceiro, repetindo obras coma aquela do Posadeiro de 1972. Ou un monólogo de Celso Parada Unha vella ruximeira en 1975, esta vez no cine Veiga, facendo de vella debullando espigas, en tanto ía falando, pasaban por diante personaxes encarnados por Gonzalo Chorén ou Dora Collazo, aos que se dirixía para dicirlles algunha ocorrencia simpática.

Durante a etapa seguinte, chamada de Transición, a contratación de grupo de teatros semiprofesionais foron en aumento, en tanto que localmente emerxían novos grupos e asociacións como a Asociación de Veciños Breogán, a Agrupación Cultural Nós, o Intercéltico, Teatro Aurín, Teatro Kaos, A Casa da Mocidade, a Asociación de Mulleres, e outros.

Agradecementos

Curiosamente, na etapa onde máis actividades de teatro houbo en Moaña, menos constancia escrita atopamos, por iso foi preciso recorrer á memoria dos protagonistas a fin de facer unha composición deses momentos, posiblemente con algunha inexactitude debido á tanto tempo pasado. Por iso queremos agradecer enormemente aos informantes, especialmente a tres persoas que tiveron a ben a comprometerse de cheo con estes artigos, Celso Parada, Francisco M. Pena Calvar e Nel Villaverde.

De igual importancia foron as colaboracións de Ricardo Vidal, Manuel Álvarez, Siño (Marqués), Pucho Nogueira Currás, Ana Blanco Cancelas, Dora Sequeiros, Isabel e Dora Collazo Gestido, Cándido Pena Paz, Cándido Pena Viéitez, Manuel Currás Meira, Sendo Moreira, Manuel P. Rúa, D. Eduardo Mallo Regueiro, Fita e Filiberto Fernando Collazo, Pepe González (Chiné), Balbino Barcia, Maruxa Boubeta, Manuel Méndez, Suso Cancelas Franco, Gonzalo e Pedro Riobó Costa, Xosé Antón Parada, Isabel Lorenzo, Charo Silva Diz, Antón Lamapereira, Carmen Casás e Cándido Martínez Chapela (Rincho).

Compartir el artículo

stats