Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As vodas en Moaña na década dos 50

Os homes llegaban a casa das noivas con unha botella de licor para entregar os pais

Voda de Virtuosa a Galana do Cruceiro; ano 1962. // Arquivo do autor

Como non é moi doado coñecer as costumes relacionadas co desenvolvemento das vodas e posteriores banquetes ao longo dos séculos, algunhas persoas que pasamos dos sesenta e cinco anos estamos en condicións de describilas por ser testemuñas directos das que se celebraban en Moaña nos aos 50 do pasado século, antes que o Concilio Vaticano II cambiase a liturxia e o desenvólvesmo acelerado dos anos 60, a maneira de trasladarse ao templo e o posterior convite.

Nesa década, todas as vodas que se acordaban eran relixiosas e daban comezo coas amoestacións, coñecidas como "publicatas", pregoadas polo párroco no ofertorio da misa matutina, ou "da mañá", dos tres domingos anteriores ao casamento.

Nalgúns casos en que a noiva quedase encinta, sendo menor dos 21 anos en que estaba establecida a maioría de idade, o párroco aproveitaba a ocasión para predicar, en xeral, contra os pais que descoidaban a formación cristián das súas fillas; a eles lle pedía logo que acudiran con urxencia á Reitoral para asinar o obrigado consentimento.

No primeiro domingo das "publicatas", era costume regalar unha ou dúas ducias de pasteis, mercados en Vigo, a varios familiares que correspondíancon regalos en especie de prezos algo maiores que o custes deles.

Como a práctica totalidade dos banquetes de vodas celebrábanse nas vivendas dos pais das noivas, os dous días anteriores a cada sábado en que tiñan lugar as cerimonias eran dunha trasfega enorme para as mulleres da familia pois había que dispoñer de mesas, cadeiras, bancos, vaixela, manteis, etc., procedentes da vivenda propia e das veciñas, para que os 30 ou 40 convidados que máis ou menos asistían as vodas dos labregos e mariñeiros, que representaban a meirande parte dos noivos moañeses, puideran sentarse a comer o máis comodamente posible.

Pola tarde do día anterior ao casamento as mesmas mulleres comezaban a poñer nunha ou dúas olas os anacos de touciño e demais carne de porco que en datas anteriores deixáranse de remollo, despois de retiralas do dorneiro no que estaban conservados en salmoira dende que se matara o animal, criado na casa xunto con algunhas galiñas sacrificadas nese mesmo día e unha pequena cantidade de carne de vaca, mercada na praza.

Con eses ingredientes, chourizos, patacas, verduras e feixóns preparábase o cocido dos días de festa que se ía poñer ao fogo de leña, enriba de trepias de ferro situadas na lareira da cociña, para constituír o prato principal; da ola extraian prebe para cociñar nunha tarteira a riquísima sopa do primeiro prato. De seguido, preparábase un estufado de carne de carneiro ou de polos, criados tamén na casa, que ía representar o terceiro e último prato do banquete.

Cando a casa atopábase en lugares afastados da igrexa, as 10 da mañá comezaban a chegar a ela os invitados; cada home levaba na man unha botella de licor (coñac, ponche, anís, etc.) para entregar aos pais da noiva co obxecto de que os serviran ao final do banquete xunto co café e, despois da torta nupcial.

Nada máis entrar na vivenda, os invitados encontraban as mesas do convite con botellas de viño, caña e pan de millo, que ían consumindo para poder coller forzas de cara a percorrer andando, nalgún caso durante máis dunha hora, o traxecto que levaría ao noivo, á noiva (vestida cun traxe normal e un mantelo pois, ata os anos 60 non se popularizaron os vestidos brancos), padriños e convidados ata a igrexa de San Martiño.

A cerimonia comezaba arredor da unha da tarde colocándose os noivos e os padriños na metade do presbiterio onde, previamente, o sancristán instalara dous reclinatorios principais para os noivos os cales, segundo a tradición, estiveron reservados aos señores do Pazo do Rosal, na súa calidades de patróns da igrexa de Moaña, máis outros dous normais para os padriños.

Foto de familia

Rematada a cerimonia e despois de asinar a acta matrimonial, o fotógrafo moañés, Sr. Gharocas, retrataba aos noivos na portada do templo e a todos os asistentes nas escaleiras que comunican o adro alto co baixo. A partir de finais da década, xa se podían facer fotos no interior coa axuda dos flashes incorporados ás cámaras e, nas anteriores, ían a un estudo fotográfico vigués para que compuxeran un cadro conxunto a partir de fotos separadas dos contraentes.

A comitiva presidida polos novos esposos regresaban á vivenda para o convite, servido por familiares e veciñas, que remataba con cantigas de todos os asistentes, nalgúns casos acompañados por gaiteiros ou acordeonistas. Logo de despedirse os invitados, os noivos pasaban a noite de vodas na casa onde ían vivir pois, excepto as persoas procedentes da burguesía, para os demais non existía a chamada "lúa de mel".

* Investigador local de Moaña

Compartir el artículo

stats