Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1960-1975 (VII)

En 1967 nace o Ateneo, cunha programación cultural propia, vangardista e que se anticipou ao aperturismo político

Teatro en Verducedo, coa obra "Aí veñen os mariñeiros", no baixo de Balbino "Pitilín". Anos 1964/65. // Arquivo

O festival no cine Prado celebrado en decembro de 1965, organizado pola Rondalla Maño-Gallega, dirixida por Martínez Gil. O programa constou, dunha parte das exhibicións musicais da propia rondalla, da actuación do conxunto vocal Los Searas e a obra "El Sitio de Zaragoza" tocados maxistralmente polo mestre Martínez e Pablo Riobó. E, doutra parte, houbo dúas escenas humorísticas. Unha entre un mozo galego e outro aragonés. E a segunda, unha pequena parodia dun tema recorrente sobre a perruquería que para enxaboar ao cliente usaban unha escoba no lugar da brocha e a navalla de afeitar era unha enorme de madeira feita por Cándido Martínez. Os actores desta curta obra foron Victoria Barros (Ferreira), Josefa Nogueira Paredes (da Parella), Sito Nogueira Paredes (da Parella) e Enrique Castiñeira.

A parroquia de Meira, recibiu durante os anos 60 , varios catequistas procedentes do barrio de A Praia. Estamos a falar de Nel Villaverde, Mari Carmen Rodríguez, Maruja Ogando, Maruxa Boubeta e Manuel Chapela. Ao cabo do curso facían a festa do Catecismo, ben na carballeira de Bronlle, ou ben diante da igrexa. Acórdase unha en Bronlle, sobre 1968 con xogos, concurso, cantos e o pequeno sainete "Pompoff y Thedy," que eran un dúo de pallasos ambulantes no circo da Alegría a principios do século XX e aquí estaban caracterizados por Manuel Currás Meira, Rosendo M. Moreira, Carlos Veiga, Ceferino Sánchez e Marcelo Pérez.

Coa chegada de Manuel Duarte, párroco de Meira desde 1969, os festivais, misas e demais cultos facíanse en galego e como anécdota contar que, nunha ocasión coa festa do catecismo diante do templo gardouse a roupa dentro dos muros da reitoral e, cando foron poñela para bailar, estaba comesta polos porcos que andaban soltos.

Entre 1964 e 1965, houbo unha actuación esporádica en Verducedo, na casa de Balbino (Pitilín) coa obra "Aí Veñen os Mariñeiros", escrita e dirixida por Lola Diz, baseada en diálogos propios da vida familiar deste gremio e nela participaron gran parte da mocidade deste barrio, destacando entre outros a Genucha Fervenza (Marcelina), Luis Bermúdez (Luciano), Manuel Valverde (Loto), Mucha Santomé (de Luis), Balbino Ramallo (Pitilín), Gaspar Valverde (Pispa), Josefa Corrales (Courana), Carmen Rivas, Antonio Santomé (Canuco), Josefa Rivas, Luis Iglesias (Calabetos), Lolo González (Chiné) e Nucho González (Chiné).

O Ateneo

A Universidade Laboral de la Rábida (Huelva), vencellada ao Opus Dei, vai divulgar por todo o territorio do Estado a formación de ateneos culturais. Dous dos directivos da Rábida, Vicente Rodríguez Casado e Gregorio Ramos, a través da Escola Náutica Pesquera de Vigo, tratan con José Romero (Caco) e Manuel Piñeiro Alonso para promover o Ateneo de Moaña. Co apoio de varios entusiastas inaugúrase en 1967 un local a poucos metros do Portal do Almacén, na estrada á Marín. Case tres anos despois trasladouse para A Seara. Desde o seu comezo, o Ateneo acollerá a xente cualificada do ámbito socioeconómico e político e mesmamente obreiros con inquietudes cara a manter unha programación propiamente cultural que resultou ser vangardista, anticipándose ao aperturismo político. Foi así mesmo, berce do galeguismo en Moaña e nel asentouse o nacionalismo local. En resume, o Ateneo axudou aos cambios de mentalidades acontecidas durante a chamada Transición, mentalidade que afectará a súa programación e por suposto ao teatro.

En 1968 o Ateneo de Moaña aplica unha nova forma de facer teatro: O teatro lido, chamado así mesmo teatro forum. En realidade non era unha fórmula nova porque xa en marzo de 1962, a Sección Femenina de Moaña, presentárase a un concurso en Pontevedra, de teatro lido coa obra "El Amigo Fiel" de Óscar Wilde, saíndo vencedora na segunda categoría.

De 1967 a 1969, o Ateneo leva a cabo catro obras e para as súas presentacións recorre a persoas con experiencia procedentes dos festivais do cine Prado. Así podemos ver a Pucho Nogueira, Lola Gestido, Dora Sequeiros, Mari Carmen Alonso, Nel Villaverde, Ana Blanco e Cándido Paredes (da Pisca) acompañados por Gonzalo Riobó (presidente do Ateneo) e Pedro Riobó, facendo de narrador na primeira obra "Jaque a la Juventud" de Julia Maura. Idénticas persoas leron "El Abogado del Diablo "de Morris West, ambas exhibidas na sede que a asociación tiña no Portal do Almacén.

Cando interpretaron "Llama un inspector", de John Boynton Priestley no baile de Lestón, abarrotado de xente, repetiron Ana Blanco, Nel Villaverde e Pedro Riobó Costa, pero tamén van aparecendo relevos nas lecturas coma Manuel Paz Chapela, Cándido Paredes (Chindo), Carmiña Paredes (Pisca). Algo semellante aconteceu coa segunda obra, "La Muralla" de Joaquín Calvo Sotelo, lida na súa sede en abril de 1968 polos veteranos Nel Villaverde, Ana Blanco, Lola Gestido e Pedro Riobó, en tanto que os noveles desta vez foron Cándido Paredes (Chindo), María Elena Currás Tenorio, Geno Alonso Jalda e Jorge Blanco Cancelas. Estes actos resultaron masivos e a idea xeneralizada era que gustaba máis a interpretación dos actores que ler un mesmo a obra.

Non só se fixo teatro forum. O Ateneo ensaiou así mesmo o cine forum. Exemplo foi a proxección en abril de 1968, da película "Los Lirios del Valle" do director Ralph Nelson e na que lle outorgaron a Sidney Poitier o primeiro Oscar a un actor afroamericano. Ao final da función, a xente permaneceu sentada nas butacas do cine Prado para comentar e debater os pareceres da película.

En marzo de 1970 danse de alta de socios do Ateneo, un grupo de mozos, entre eles Xosé Luis Rúa Costa, Lois Ríos Paredes, Charo Silva Diz, Gonzalo Docampo Blanco e Xosé Carlos Villaverde. Novo alento xeracional que a directiva aproveitou para integralos no teatro forum, nomeando a Villaverde director do mesmo

. Este grupo, de vida efémera conseguiu interpretar a obra "Matar a un Ruiseñor", de Harper Lee e no Nadal dese ano montar un noticiario no que Asu Pena Oliveira, casada con Luis Rúa, lía as novas da Guerra do Vietnam e da explotación económica das multinacionais dos Estados Unidos en Sudamérica, en tanto que de fondo escoitábase a panxoliña "Feliz Navidad".

Tamén foi lido o poema de Beltolt Brecht:

"General, tu tanque es más fuerte que un coche.

Arrasa un bosque y aplasta a cien hombres.

Pero tiene un defecto,

necesita un conductor.

General, tu bombardero es poderoso.

Vuela más rápido que la tormenta y carga más que un elefante.

Pero tiene un defecto,

necesita un piloto.

General, el hombre es muy útil.

Puede volar y puede matar.

Pero tiene un defecto,

puede pensar."

Compartir el artículo

stats