Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Das ribeiras fluviais

Na comarca só participa un colectivo de Marín no programa de limpeza "Móllate polos ríos"

Imaxe antiga da Ponte do Forte, en Cangas. // Arquivo do autor

Como contribución a este Día e con intención divulgativa, queremos aportar algúns datos sobre este tema que xa tiñamos abordado noutrora en relación coas augas do noso Concello. Daquela, xa adiantaramos como debido á orografía do Morrazo, as nosas vertentes fluviais están conformadas por rios e regatos pequenos e curtos pero que, por veces, cobran inusitada escorrentía pola alta pluviosidade da zona e o desnivel dos cauces que os converten en enxurrada asolagadora. Como elucidación filolóxica tamén fixeramos referencia ao significado e orixe do rio Orxás que nas referencias máis antigas aparecía mencionado como Rio de Aldán e ao igual que acontece cos outros cursos fluviais da zona, recibe este nome polo lugar onde pasa, é dicir campos de orxo, palabra que en galego define á cebada en castelán e que no galego provén do latino hordeum>orxo. Contodo, este pequeno curso posibilitaba que oito muiños de pedra negreira (para o centeo e o millo) puidesen moer entre seis e oito meses ao ano. Anos adiante, ao xeralizárense os pagos impositivos en trigo e mellorar as técnicas e ferramentas dos canteiros, algúns muiños irían incorporando para a moenda deste cereal as chamadas pedras albeiras que daban unha textura máis fina da fariña. Ainda que a maioría dos muiños estaban en mans de un ou compartido por varios veciños, era raro que en cada parroquia non fose un cura ou fidalgo que posuise un ou varios deles, cabendo tamén a posibilidade de aforalo ou rendalo. Era tal a rendabilidade dos muiños e a importancia do acceso ao seu produto que incluso tiñan propietarios residentes noutras parroquias e mesmo en lugares tan distantes como Marcón (un cura) ou Vigo. O caudal e pluviosidade tamén lle afectaban ao seu tempo de servizo que ía dos catro meses nos regos máis pequenos, aos seis ou oito do rio Orxás ou aos dez meses por ano dos enclavados no Bouzós. Os avances en materia hidráulica a base de encoros, levadas, cubos... permitiría a instalación de máis muiños que no caso do río Orxás se incrementarían a once.

O rego Fials, afluente do Orxás, fai referencia á extensións de feno ou fenales>fenais>fiais que tamén na pronuncia oral da zona se di Fials, igual que acontece en zonas de montaña tan lonxanas como o Fial das Corzas do Parque do Invernadeiro en Ourense. No Hio, os regueiros non son nin longos nin caudalosos, recibindo o nome do lugar polo que desembocan e que antigas referencias denominan como rego do Corral de Barra no que moían tres muiños e como rego do Areal de Barra cun só. Máis actualmente, só podemos localizar dous muiños no rego de Viñó, afluinte do de Donón e outros dous no chamado rio de Nerga, cursos que se corresponden coa sua vella denominación. Polos avances técnicos que apuntabamos antes, desde comezos do XIX xa se constrúen ata seis muiños en Vilanova no rego do Outeiro da Vela e tres no de Lubrei.

En Darbo, o rio máis importante é o chamado hoxe Pontillón que no 1497 era rio de Formaas pero que como viña sendo habitual antigamente, recibía distintos nomes en cada tramo como rego da Pedra Cabalgada, do Piñeiro, de Riaxe (Riás), do Paso, do Piollo... recibindo auga doutros pequenos regos, orixinados por minas e abondosos mananciais. En San Pedro atopamos mencionado un rego da Mó, alusivo a un muiño sen que poidésemos identificar este curso de auga nin a devandita construción e de Cimadevila baixaba o chamado rego da Enseñanza (ainda se lavaba a roupa en 1970) que debeu ser o que en tempos pasados orixinaba a lagoa que se documentaba a comezos do século XX na entrada da Calzada Real. No rio do Pontillón ainda se conservan os restos de cinco muiños negreiros situados en Riaxe, no Piñeiro (coa data 1741) e tres na zona de Entremuiños. Como acontece nos outros cursos de auga, dous destes muiños estaban coparticipados por cregos.

En Cangas, as minas, mananciais e fontes existentes na parte alta da vila orixinaban un rego que nos documentos se recolle como Rio Deja/Riodega/Regodega que ven ser o rio Adega que tamén, segundo os tramos, recibía os nomes de Lavandeira e de Caudal. Na sua desembocadura, despois de percorrer o que hoxe é a rua Féix Soage, había unha pontiña de madeira que a rentes do mar permitía acceder á Calzada Real.

Porén, o caudal máis importante do concello é o rio Bouzós (tamén se lle chama Esperón) que se beneficia no só do seu afluente chamado hoxe rio das Presas que se lle une en Entrambosrios, senón tamén de numerosos regatos como o Parada, Tromentelo, Espiñeiro, Niño do Corvo, Salgueiriño, Laxe, Con... No seu último tramo, desde Reboredo ao mar e lindando coa parroquia de Cangas tamén se lle chamaba rio do Señal. Pouco antes da sua desembocadura formaba unha xunqueira na que se lle unía o rio deste mesmo nome, hoxe desaparecido, que viña por Cantalarrana e a Lagoa. O rio das Presas chamábase antigamente de Anguieiro e orixínase na Fonte de Abelar. Desde esta e ata a sua confluencia co Bouzos (Entrambosríos) era o límite natural coa parroquia de Darbo segundo o deslinde de 1545.

Outro rio que discorre en parte por Coiro é o chamado hoxe Saíñas que desemboca perto da Punta de Rodeira. Este nome atopámolo en 1909 denominado como rego de Rodeira a Saíñas, os dous indicativos de lugares xeográficos sen que poidamos elucidar a orixe do último nome quizáis relacionado con saín, graxa ou óleo dos peixes pero non con salinas como se apuntou. Este rio baixa desde San Martiño pola Ameixoada, onde recibe o nome de Regogrés, e cruza os lugares de Gondarán, a Rua, Cornilló... Documentalmente, na parte que percorre a parroquia de Coiro aparece denominado como rio Regado, topónimo que ainda se conserva na zona e tamén como rio Gerés (ultracorrixido en Xerez) que nos remite ao de Rego Gres (Ghres=Gerés>Xerez) mencionado anteriormente. Resulta difícil elucidar a orixe deste topónimo pero podemos mencionar a existencia doutros nomes afíns como Gres (Vila de Cruces) e Gerês, cume montañosa que lle dá nome a un parque na fronteira portuguesa. Por outra banda, na documentación medieval referente a Cangas atopamos en 1433 unha mención a dona Maior de Grez (Gres) y Moscoso, muller de Álvaro Páez de Soutomaior, ambos posesores do casal das Gruncheiras moi perto deste rio. En documentos desta mesma época tamén atopamos o nome Jarez que logo orixinaría o castelán Jerez e no concello da Veiga do Bolo (Ourense) existe o rio e a parroquia de Xares. Para estes nomes apúntase unha orixe en xaral que é unha denominación galega do xabre e tamén de xara<jara pero esta palabra é árabe co que podería valer para Xarés/Jerez pero non para o noso Gres/Gerés.

O catastro de Ensenada (c. a. 1750) xa recolle nos rios de Coiro 32 muíños de pedras negreiras dos que só dous traballan con duas mós, moendo unha media de dez meses ao ano polo maior caudal do Bouzós. O seu partillamento entre veciños, cregos, fidalgos, así como aforamentos e administradores dos mesmos tamén se recollen nos datos sobre estes muiños. A maioría deles sitúanse no rio Bouzós pero tamén se mencionan, sen especificar o número, no rio Regado e no Xunqueira ainda que neste caso pensamos que se refire ao último tramo do rio (Señal) que tamén se utilizaba como porto, chamado da Meca e tamén varadoiro ou Praia do Muíño.

Actualmente ainda se conservan trinta muiños no rio Bouzós, un no das Presas e sete no rio chamado hoxe Saíñas (outros na parroquia de San Martiño - Moaña) topónimo que se recolle nun plano de 1909 como rio de Rodeira a Saíñas (?). Como non cremos que aluda a depósitos de extracción de sal pois denominaríanse salinas só se nos ocorre unha derivación do saín ou graxa que puidese traer por causa dunha fábrica de salga ou por outra oculta referencia que polo momento se nos escapa.

Campañas de voluntariado

Se as vellas estampas de bañistas ou de mulleres lavando no rio son todo un síntoma da calidade das augas de antano, a día de hoxe incluso é moi difícil atopar xa nos nosos rios a fauna piscícola que os poboaba, anguías (Anguieiro) ou lontras (Lontreira) e os muiños, a maioría a pardiñeiro, non son máis que ruinas que rememoran fitos hidráulicos de antano. A sociedade de consumo, os refugallos industriais e a falta de conciencia medioambiental téñense cebado cos nosos rios, incluso cos máis débiles, deitando neles toda clase de lixos contaminantes. De aí estas campañas de voluntariado que ademáis de devolverlle a vida aos rios pretenden concienciar sobre os coidados e mantemento deste gran sistema arterial que lle dá vida a Galicia.

* Investigador local

Compartir el artículo

stats