Moaña recibiu o material da rede Apego, para implicar aos pais da vila na transmisión da lingua galega. Dende agora cada familia que tivo un fillo ao longo deste ano pode recibir no Concello unha caixa con distintos materiais para facilitar a educación no idioma propio dos pequenos. Asimesmo, as nais que esperen un neno poderán tamén inscribirse no programa nos vindeiros anos.

O Concelleiro de Normalización, Aldán Santamarina, explica que "a cambio do compromiso de transmitir aos nenos o idioma propio", as familias recibirán unha caixa cun peluche, un medidor, un álbum para as primeiras fotografías, un disco de música infantil e un libro con consellos para os pais que van dende a alimentación ata a importancia da transmisión do idioma.