Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xil Ríos: "Pasei por miles de pobos e en todos me respectan e aprecian"

Amosa o seu agradecemento pola enorme mobilización para nomealo Fillo Predilecto

Xil Ríos, onte, no centro de Moaña. // Gonzalo Núñez

Xil Ríos (Moaña, 1948) é un coñecido cantante e compositor musical que durante décadas contribuíu a difundir a música en galego por escenarios de todo o país. Máis de 40 asociacións e personalidades do mundo da cultura de Moaña se uniron na recollida de sinaturas para solicitar o seu nomeamento oficial como Fillo Predilecto da vila.

-Agardaba que pensaran en vostede para este recoñecemento?

-A verdade é que non. Foi unha sorpresa. Me enterei por Manuel Méndez e ao principio lle dixen que non me gustaba moito, porque me gusta vivir tranquilo e non son moi de homenaxes. O que deixei ben claro é que se houbese controversia eu renunciaría.

-Pero semella que a súa figura xera consenso, a xulgar polo número de asociacións implicadas. Que sinte ao saber iso?

-Parece ser que se volcou todo o mundo. É unha honra tremenda. Non sei porque se me pode considerar tanto. Eu tratei de levar o nome de Moaña por onde tocaba, pero non me esperaba semellante acollida por parte dos colectivos.

-Tamén se prevé un consenso total nos estamentos políticos.

-Para min os políticos moañeses son todos fillos do pobo tamén e me da igual das siglas que sexan. Xa hai moitos anos que penso iso. En calquera persoa do ámbito que sexa só miro o seu corazón e honradez. Iso é o que máis me importa. Ao final somos todos coñecidos do mesmo pobo e incluso familiares.

-Que é o que lembra con máis cariño da súa dilatada carreira musical?

-Sen dúbida o que máis lembro son as colaboracións en eventos organizados en Moaña. Eu son fillo "adoptivo" dun mariñeiro, pois me criaron meus tíos, e o meu pai, que emigrou, era barbeiro. Considérome herdeiro de persoas do rango máis humilde do pobo.

-Lembra eses momentos con máis orgullo aínda que as actuacións en grandes palcos ou na televisión?

-Si. Lembro con moito cariño os momentos fantásticos de cando comecei. No mundo profesional tamén houbo boas cousas. Pero o que máis me aportou da música e que despois de pasar por miles de pobos e aldeas, en cada lado a onde vou a xente me respecta e me aprecia. É o máis grande que me queda do paso nesta vida.

-Por que leva anos sen actuar?

-Hai anos que decidín non subir máis aos escenarios. Como ás veces saio na televisión ou nos medios hai xente que pensa que sigo actuando. Chegou un momento no que me sentía un pouco canso e apostei por unha vida máis tranquila. Pero a música me segue gustando e de cando en vez saco un disco novo.

-Segue a compoñer cancións?

-Si, claro. É o que máis me gustou sempre. Cando me ven a lideira collo a guitarra e compoño. Publiquei hai tres anos o último disco, "Son da Alma". Teño uns 20 discos editados. A miña vida sempre foi traballar de día na hostelería e de noite en casa me poñía a compoñer, ás veces me quedaba ata as 7 ou 8 da mañá e apenas durmía unhas 3 horas.

-Segue a trasnoitar para compoñer?

-Agora menos. Incluso levei algún pequeno susto pola cantidade de horas que acumulaba sen descansar. Agora procuro compoñer ata as 3 ou 4 da mañá.

-A que atribúe o tremendo éxito dalgunha das súas cancións?

-Penso que naquel momento fumos cimentando a música en galego, xente como Andrés do Barro, Pucho Boedo ou eu, entre outros. As reaccións conmigo foron moi boas xa de neno, cando empecei no Festival Bahía de Vigo ou fun ao Festival do Miño. O primeiro tema foi "O anaco de pan". O meu segundo disco, "Nosa Galicia", tiña un tema sobre os mariñeiros que causou impacto. Estiven vetado daquela pola censura que había. Despois chegou a producción de Juan Pardo e a multinacional Philips. Gravamos "Xirarei" en Londres e foi un bombazo terrible, igual que "Rapaciña bonita", no seguinte disco. Cheguei a ter case 60 datas en tres meses de verán.

-Como ve a música galega actual?

-Penso que colleu un prestixio tremendo incluso a nivel internacional. Como se ve en carreiras como as de Manuel Budiño ou Carlos Núñez. Falta que saia algún cantante que sexa referente no pop.

Compartir el artículo

stats