Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ficha persoal

O teatro en Moaña 1960-1975 (IV)

Villaverde lembra as festas do catecismo no Cruceiro, que eran auténticas veladas teatrais, e personaxes como "Paco Cobas"

Por eses anos, representouse nunha velada a obra El Doctor a Palos, baseada na comedia farsa de Molière, O Médico a paus. Esta obra dirixida por Ricardo Vidal, trataba dun matrimonio que vivía mal e a muller (Fita Collazo) forzou ao home para que exercese de médico e curandeiro a seu pesar.

José Benito Rodríguez Parada trouxera do seminario de Madrid, unha obra cantada titulada El Juicio de Paca, que trataba sobre unha muller condenada pola mala vida, pero no xuízo, namórase dela o xuíz que acaba por absolvela. Interviñeron na obra Francisco M. Pena facendo de xuíz, Isabel Collazo Gestido como Paca, Xosé Antón Parada de secretario, Celso Parada e Cándido Rodríguez (Lavicha) en representación do ministerio fiscal, Cándido Pena, Antonio Pena González (Cachelo) e outros no papel de defensores. Esta obra tivera unha primeira versión anos atrás, con Matilde Nores Acuña como protagonista Cándido Pena no papel de fillo.

Nos hemos reunido aquí,

Para juzgar a la Paca,

que tiene muchos delitos,

según consta en esta acta.

Ni me compro ni me vendo,

yo siempre fuí imparcial

......

Paca, Paca, Paca,

te vamos a condenar,

a diez años de prisión.

Do seminario de Santiago viñeron as partituras de Operación Riñón, obra cantada con cancións populares. Tratábase dunha operación onde morre o paciente. A cama do quirófano era unha escaleira. A xiringa unha sulfatadora de man. O bisturí era un serrón e unha machada. Do ventre do paciente sacaban de todo, zapatos, pendóns, trapos, etc. Participaron na parodia Francisco M. Pena facendo de doutor, Xosé Antón Parada de enfermo, Celso Parada de anestesista e varios enfermeiros. Sobre 1968 volveu a representarse no festival benéfico do cine Prado.

Francisco M. Pena, máis coñecido por "Paco Cobas", sempre foi moi ocorrente nas veladas do catecismo. Nunha ocasión, en 1974 concretamente, montou unha orquestra con trebellos feitos por el mesmo. A canción interpretada foi Mama, do festival de Eurovisión en 1969, cantada polo monegasco Jean Jacques Bertolai. Non foi a vencedora, pero si foi a que maior éxito acadou. Pois, no adro de S. Martiño foi tocada por José Pena cunha tuba feita de estrobo envolto cun embude de cartolina e unha lámpada conectada a un interruptor que a acendía ou apagaba segundo se soprase ou non. Enrique Pastoriza Álvarez á batería con tarteiras e testos e Xosé Antón Parada cunha guitarra de cortiza. Volveron a repetir a obra no festival da Praia.

Xosé Antón Parada e Francisco M. Pena, montaron sobre 1974 unhas escenas cómicas tiradas de D. Quixote. Os personaxes axeitáronse á perfección. Antón pola súa altura, obviamente, encarnou a D. Quixote e Francisco a Sancho Panza.

A partir dos setenta, entramos xa nunha etapa onde Celso Parada, con trece ou catorce anos, empeza a consagrarse profundamente neste mundo do teatro. Unha das súas primeiras interpretacións foi na obra Gitano Tijeras, na cal o personaxe ía de feira en feira cun burro dando a lata. O burro composto por dúas persoas cubertas. Mentres o da parte da diante movíase para un lado o de atrás para outro, provocando as risas no público. A Celso tocoulle facer de cu do burro, divertíndose moito cos meneos que provocaban as risas.

En 1972, Celso Parada participa noutra obra, posiblemente titulada El Posadero, cuxa trama constaba duns cazadores que traían unha ave que entregaban ao da pousada para cociñar, pero este papábaa e logo era xulgado para pagala. Interviñeron Celso no rol de peregrino, Francisco Pena de xuíz, Xosé Antón Parada de secretario, Santi e Pepe Pena de gardas, Cándido Pena Paz, Julio Pena, Antonio Pena González e Lolo Rodas de avogados e fiscais e Piño Fenández de pousadeiro. Despois repetiron a peza no cine Prado

Sobre 1975, Celso Parada empeza a derivar seus traballos artísticos cara ao idioma galego, sen abandonar o sentido do humor. Humor vibrante do Catecismo do Labrego, de Valentín Lamas Carvajal (pseudónimo Frei Marcos da Portela). Humor e maxia de Barriga Verde, de Manuel María, saída do Instituto de Rodeira sobre 1976.

| As persoas que desexen facer aportacións ou suxerencias a esta nova serie poden escribir ao correo cronicateatromorrazo@hotmail.com

---> continúa o vindeiro domingo

Compartir el artículo

stats