Entre 1968 e 1969, chegaron ao Morrazo unha xeración de cregos, impregnados da dialéctica obreirista debatida nos seminarios. Cregos que viñeron asumir cargos de párrocos ou coadxutores como foron José María Bahamonte na parroquia de Carme, Manuel Duarte en Meira, Manuel Fresco en San Adrián (chegou a ser alcalde de Vilaboa en 1979 por UG), Eduardo Mallo Regueiro en Darbo (responsable da XOC para esta zona) e Xosé Antonio Furelos en Hío. Todo eles trataban de darlle un contido social as homilías e organizaban actos de confraternidade para a mocidade do Morrazo os primeiros de maio, baixo unha óptica reivindicativa e de formación. Lembrar que da XOC e Da HOAC, naceron sindicatos coma Comisións Obreiras e sobre todo a Unión Sindical Obreira (USO), de forte presenza nos estaleiros da Ría de Vigo, especialmente en ASCON.

Emerxe o nacionalismo

No último lustro desta etapa emerxen no Morrazo as teses nacionalistas, sobre todo a partir do instituto de Rodeira que iniciou a súa andaina no curso 1970-71. Desde 1975 concorreron no citado instituto dúas circunstancias: unha que favoreceron este movemento, como foi a chegada de profesores da talla de Francisco Rodríguez, Carlos Casares, César Varela ou Henrique Harguindei e outra o ingreso como alumno de Celso Parada, quen non tardou en montar un grupo de teatro coa colaboración do profesor Francisco Rodríguez, que comezou a fornecelos de textos , mesmo inéditos, de Manuel María, Mariñas del Valle, etc.

En Moaña será o Ateneo, fundado en 1967, quen asuma desde 1972 da man de Luís Pérez Rivas (Nacidas), pai do galeguismo moañés, a defensa do idioma e da cultura galega. Sobre ese ano de 1972 a organización clandestina UPG, crea a célula dunha Fronte Cultural coa estratexia de introducirse nas asociacións deste tipo. A partir de setembro de 1974 fúndase a organización AN-PG, tamén clandestina, que pasaría a acaparar o Ateneo.

Así pois, atendendo aos cambios de mentalidade política e en función do antedito pódese diferenciar o teatro de Moaña en tres etapas diferentes. A primeira, que se pode chamar as dos XXV Anos de Paz segundo a propagandista campaña franquista, na que se encadra a festa do Catecismo no Cruceiro, os da Acción Católica na Praia e Seara cos primeiros festivais benéficos e outros festivais de idéntico formato.

A segunda vaina marcar o Ateneo durante os seus comezos co teatro lido e a organización dos chamados festivais Estamos Cos Probes, encaixado nun tardo franquismo.

E a terceira tamén parte do Ateneo na etapa final cando se facían actividades promovidas pola Fronte Cultural da AN-PG rematando o tardo franquismo e meténdonos pouco a pouco na pre-democracia ou transición que terá continuidade despois da morte de Franco en 1975.