Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Guadi Galego: "Estamos rodeados de xente incoherente, resúltanos difícil actuar como é correcto"

O escenario de Ojea acolle mañá, ás 22.00 horas a actuación da cantante de Cedeira

A cantante Guadi Galego xunto ao resto da banda que actuará en Cangas mañá ás 22.00 horas. // Fdv

A música de Guadi Galego (Cedeira, 1974) resume á perfección o que é a tradición e a modernidade dos acordes galegos. A piques de publicar o seu novo disco, que sairá en novembro, a cantante repasará mañá en Cangas, ás 22.00 horas nas naves de Ojea, o seu último traballo "Lúas de outubro e agosto" (2014). Un álbum no que alcanzou a madurez musical e persoal cun estilo pop que arrecende a música popular. Composicións que lle dedica ás mulleres que pasaron pola súa vida e o que máis quere: as dúas lúas que son para ela os seus fillos. Guadi chega a Cangas para continuar animando unhas Festas do Cristo que rematan o próximo domingo.

-Parafraseando o título do seu segundo disco, quen son as súas lúas de outubro e agosto?

-Son os dous mes fillos. Titulei así este disco porque un deles naceu nunha lúa chea de outubro e o outro nunha de agosto. O proceso de produción foi entre o nacemento dos dous. Crin que resumía bastante ben o que era o álbum.

-É tamén este disco unha reivindicación da muller?

-Non pretende a reivindicación, senón ser un canto de liberdade e de respecto a esta figura. As cancións do disco son cantos de amor ás mulleres. En especial, a aquelas que pasaron pola miña vida.

-Está moi influída por elas?

-Claro. Elas son as que marcaron os meu pasos. Non é só influída, senón tamén é apoiada. Acabas por darte conta de que ao final elas foron un apoio fundamental ao longo da miña vida.

-En que estilo se sitúa a súa música?

-É música de autora, cun son global que se achega ao pop e ao rock e con algunha achega doutros estilos. Penso que é un xeito de facer música que pode chegar a moita xente.

-Vai a seguir fiel a este estilo no disco que saca en novembro?

-Ao mellor o son vai a ser un pouquiño máis arriscado, pero será sendo moi parecido. Serán composicións que resumen o que é o mundo no que nos movemos. Hai nel unha reflexión sobre o difícil que é ser coherente na sociedade na que estamos hoxe en día.

-A que se refire con coherente?

-Pois a que estamos rodeados de xente que é incoherente, os nosos gobernantes o son e nos mesmos tamén. Resúltanos moi difícil actuar como é máis correcto e moitas veces esquecémonos da parte humana da sociedade para seguir vivindo no económico.

-Entón, hai crítica social no seu próximo disco?

-Cando escribes dende a túa óptica, acabas dando a túa propia opinión do que pasa no mundo. Non é a miña intención facer un disco de crítica social, senón que o que quero é falar do que me pasa na miña vida e das situacións que me preocupan.

-Cantar en galego é unha forma de reivindicar esta lingua?

-Eu sempre compuxen en galego, pero entendo que neste país cantar nesta lingua sempre é algo reivindicativo. Creo que isto pasa porque é unha lingua minorizada que aínda non se normalizou por completo. Entendo que é así dende o momento en que facelo supón cantar para minorías. Son consciente do sitio no que vivo, hai que dar pasos moi pequenos para conseguir algo.Se podo deixar ás xeracións que virán un futuro mellor para a súa lingua propia, penso que xa fago dabondo.

-Como vai a ser a actuación de mañá en Cangas?

-Vai a ser un repaso do meu disco "Lúas de outubro e agosto" cun directo moi similar ao que levamos facendo nestes dous últimos dous anos de xira. Espero que a xente lle guste e que veña a compartir connosco un xeito diferente de facer festa. Na actuación estarei acompañada polos tres músicos que soen tocar comigo. Eles son o guitarrista Guillerme Fernández, o baixista Paco Charlín e o batería Isaac Palacín. Despois deste concerto seguiremos tocando, pero pararemos para preparar o disco novo que sae en novembro.

Compartir el artículo

stats