Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1960-1975 (I)

Rapaces do municipio estudaron bachillerato no Seminario Menor como o noso actor máis relevante Celso Parada

Exercicios espirituais en Tui, con o párroco de Moaña, don Donato, no ano 1954 // Agrupación Cultural Nós

Se o Plan Nacional de Estabilizacióbn Económica de 1957 supuxo unha certa liberación da economíoa franquista, obsoleta e enfaixada no ideario falanxista, a outra etapa marcada pola celebración do Concilio Vaticano II entre 1962 e 1965, acadou aires liberadores na formación eclesiástica.

O Plan de Estabilización Económica tivo como consecuencia un cambio nos gobernos de Franco promovidos pola figura de López Rodó, quen habilmente conseguiu que os chamados tecnócratas (Opus Dei) lograsen a gobernabilidade de España para establecer medidas políticas e económicas diferentes a un franquismo abocado a unha crise enquistada. Medidas encamiñadas á entrada de divisas como foron a apertura dunha emigración cara a Europa, potenciación do turismo ou a depreciación da peseta para vender máis barato aos países estranxeiros e creación de polígonos de desenvolvemento. Logo viñeron leis como as de asociación de 1964 ou a lei de prensa de Fraga en 1965 e as diferentes sobre educación, sobre todo a Lei Xeral de Vilar Palasí de 1970, co ensino obrigatorio e gratuíto na EXB para a poboación comprendida ente 6 e 14 anos.

O Concilio Vaticano II tamén afrouxou algo a faixa secular que vivía o mundo eclesiástico da relixión Católica, adaptándose aos novos tempos e mentalidades. No mundo do teatro, pola repercusión que tiveron, a lo menos en Moaña, estes seminaristas, o Concilio vai confirmar os seminarios como centros de formación sacerdotal con carácter aberto. E isto repercute directamente na diocese de Santiago, á cal pertencen as freguesías moañesas, onde os seminaristas retornaban polas vacacións estivais para dinamizar as parroquias con veladas de cantos, teatro e recitais. En 1956 entra en funcionamento o Seminario Menor para dedicalo ao bacharelato e formación católica, ao que acudiron rapaces de Moaña a fin de estudar bacharelato, alternativa para moitas familias sobre todo da parroquia de San Martiño, como foron Cándido Pena, Francisco M. Pena, Xosé Antón e Celso Parada entre outros. Pola súa parte, o Seminario Maior estaba enfocado aos estudos propiamente eclesiásticos cara ao sacerdocio. Dicir tamén que houbo seminaristas moañeses cursando en Madrid e Comillas (Cantabria).

Precisamente, no seminario o noso actor máis relevante Celso Parada, conta como se apaixona polo teatro: "A raíz de empezar co teatro foi con once anos (1969), cando marchei para o Seminario Menor de Santiago, que era un xeito do que os rapaces de aquí, da aldea puidésemos estudar. Tiñamos unha beca e estabamos internos, a parte da disciplina férrea dos curas, había cousas boas. Había teatro, música... integrábaste no teatro. Realmente a fascinación polo teatro comezou alí. Coñecín a "Pico" (Xosé Manuel Olveira), -actor famoso do Centro Dramático Galego-... vino actuar nun festival de Nadal nunha especie de auto sacramental que se facía no seminario. Chamábame a atención esa posta en escena. Ese elemento máxico do teatro. Eu nunca vira teatro. Para un rapaz da aldea era a fascinación ver aquela tremoia , aqueles pastoriños, aqueles decorados pintados dalgunha maneira, eu comecei a sentirme identificado... Cando viñamos de vacacións, guiado polo meu irmán maior Antón Parada, que tamén estaba no seminario, eramos os seminaristas, sobre todo os maiores, quen organizabamos as veladas da parroquia de San Martiño".

O aperturismo ecuménico deu pé aos movementos organizativos que se deran desde 1952 na Acción Católica, tales como a Juventud Obrera Católica (JOC, máis tarde XOC) e a Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC), alternativas estas que a Igrexa Católica ofrecía ao descontento que as masas traballadoras amosaban contra o sistema laboral do Sindicato Vertical (1940-1977) único franquista.

Compartir el artículo

stats