Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha aventura de hai máis de 80 anos

O periplo marítimo "Ultreya: Mar adiante" (II)

Álvaro de las Casas lembra a tempestade que sufriron ao pasar Ons e o recibimento que tiveron en Cangas

No centro da imaxe, a casa de Cervera e a pista de tenis, en Cangas. // A.Autor

Os "ultreyas" arriban a Cangas

Ás cinco da tarde parten coa intención de achegarse ás Cíes pero apenas rebasan a Onceta a navegación ponse seria. "Mar de fondo, ceo anubrado, chubascos e vento do oeste. Un temporal con todas as agravantes. O noso pobre barco dá uns cabezazos preagónicos, túmbase en todas as direccións. Fai iso que, por dicírmolo dalgún xeito, chaman movemento de culler, que é como baleirar os fígados dos propios tiburóns. Eu non creo -continúa relatando De las Casas- que Vasco de Gama cruzase mar tan revolto e dubido que a famosa tempestade sufrida por Cristóbal Colón fose nin unha caricatura desta. Isto é como para desexar o naufraxio dunha vez, con tal de vérense libres de tanto bailoteo e balbordo. Golpe de aquí, bandazo de alá, e agora que se afunde da popa e despois que o botaló pica na auga, e as ondas grandes, xigantescas, coma castelos, que nos levantan non sei ata onde e logo nos abandonan traizoeiramente deixándonos caer de súpeto de xeito que semella que os miolos van saír polo nariz".

Desisten de aventurarse cara as Cies e navegan paralelos á Costa da Vela ata que conseguen dobrar Cabo Home e xa ao abeiro das illas enfían rumbo a Cangas: "Pasa a estribor o 'Rezola número 2', que nos saúda con tres longos asubíos. Alcánzanos ao pouco unha parella que vén coma alguén levada do demo e coa que competimos en velocidade e vencémola. O certo é que as nosas velas son moitas velas para unha pobre caldeira de vapor desas que imaxinan osinfelices enxeñeiros. As nosas velas!".

Cangas

Pasadas as oito da tarde do día 12 o "Joaquín Pérez" atracaría no peirao de Cangas. O diario de a bordo recolle: "Ninguén sabía da nosa chegada, daquela ninguén nos agarda, pero aos poucos minutos de chegarmos xa estamos rodeados de amigos e camaradas que nos agariman con toda caste de atencións. Vén saudarmos cordialmente o simpático alcalde que xa non nos abandona un intre. Ofrécenos unha gorentosa cea e un baile no campo de tenis de don Francisco F. Cervera. Abofé que é simpática, efusiva e amable esta xente de Cangas. Voltaremos algún día a demostrarvos a nosa gratitude, e tede en conta que na vida non hai nada tan auténtico coma a lembranza dos vellos e a esperanza dos mozos", escribe.

2ª xornada en Cangas: día 13

Continúa Álvaro de las Casas co seu diario: "Erguémonos tarde, a piques de dar as dez; onte voltamos a deshora do baile celebrado no campo de tenis e hoxe non tiña xeito de facernos espertar. Os camaradas de Cangas veñen buscar aos nosos rapaces e alá van, xuntos, a bañárense na praia. Voume a terra para facer provisións e preparar unha boa paella: arroz, carne, pementos, chourizos e croques. Un entusiasta agasállanos cun cesto de patacas, outro unha botella de ponche, outro postais e fotografías da vila. Teño que dicir que esta xente extrema connosco as súas máis requintadas atencións. Xa preto do medio día o patrón sorpréndeme cunha noticia verdadeiramente desagradable: na Axudantía non están dispostos a despacharnos o rol se non facemos efectiva unha multa de cincuenta pesetas imposta polo axudante de Bueu por mor de levarmos izada a bandeira galega. É de admirar este espírito inquisidor dos respetables señores axudantes de Mariña. Eu comprendo o estado de ánimo dos respetables señores axudantes de Mariña e descúlpoos: dunha banda é xente encanecida na vida do mar, xente que deixou a súa mocidade esfarrapada nunha longa vida de lendarias batallas navais, nas que non ondeou xamais esta bandeira azul e branca da nosa terra que eles chaman, alporizados, pirata. De porparte, é xente que malia a humildade das súas orixes, débelle á República seren equiparados ás escalas técnicas, e que se poidan relacionar de igual a igual cos mariños de escola, e é xusto, e demostra plausible gratitude,que estean dispostos a comerllelo fígado aos que ousen izar ao carón da bandeira republicana outra calquera. O malo é que os nosos rapaces, estes simpáticos rapaces que nin por casualidade falan de política nin lles importa un pito este lío das bandeiras a cada axudante de Mariña ou cabo de mar que aparece -moi respetables meus señores- se alporicen e digan cousas tremendas. Impertinentes de... vaia, vinte axudantes de Mariña máis e aparecen en Galicia mil separatistas.

E qué dirán a todo isto do seu respetable señor axudante os nosos queridos amigos de Bueu? Pola nosa parte conste que, malia o susto, a lembranza que Bueu deixou en Nós non pode ser máis grata: as horas que pasamos alá, tan felices, non poden esquecerse doadamente. Abonda a conversa con que nos honrou o xenial artista Federico Ribas para que esquezamos de vez estas torturadoras teimas regulamentarias dos señores axudantes, contramestres, cabos de mar, etc.

Ás tres vén buscarnos o noso fraternal amigo Monge Otero co que facemos unha excursión ao campo, ascendendo a un outeiro próximo [San Roque] desde o que dexergamos un panorama magnífico. Monge Otero, o noso introdutor, o noso padriño, o noso irmán maior destas fermosísimas terras, explícanolo todo con palabra afervoada e emocionada. Ás cinco visitamos o Círculo Mercantil onde me obrigan a dicir unhas palabras, e onde lles falo a un cento de mozos durante unha hora. Ás seis, chovendo a caneiro cheo, sufrindo... un auténtico vendaval con frío que non merecen os peores días de xaneiro, saímos cara Vigo. Veñen a bordo connosco, Monge e unha dúcia de "Ultreias" de Cangas. Bandazos, salseiros, chaparróns, etc. En Vigo agárdanos numerosas embarcacións e máis de mil persoas... O himno composto por Bouza Brey ecoa na Ría: 'A balandra dos Ultreya / leva os corazóns por vela, / navega cara o Futuro... / Velaí vén a fror das naos /toda Galicia vai nela!'".

A presenza galeguista en Cangas e Moaña

Ao contario que en Bueu, a presenza galeguista en Marín, Moaña e Cangas foi exigua a pesar dos intentos de implantar o partido nestras localidades. Dous meses despois de proclamarse a República e con motivo das eleccións a Cortes, o Partido Galeguista percorrería as vilas do Morrazo dando mitins autonomistas con dispar asistencia de público. En Cangas, o domingo 14 de xuño de 1931, nun mitin na Alameda intervirían Vidal Martínez, Castelao e Paz Andrade onde exporían as suas arelas autonomistas, a influencia destas na política do país e a posición da xuventude ante as reivindicacións políticas e culturais das minorías nacionais.

Con todo, o Partido Galeguista apenas conseguiría nas eleccións do 28 de xuño pouco máis dun cento de votos en Cangas. Ademais de Jesús Santos Sequeiros, xoven estudante de medicina en Santiago, "ultreya" e afiliado ás Mocedades Galeguistas, apenas destacaría a difusa personalidade ideolóxica do mestre José Monje Otero que chegara no ano 1927 procedente do colexio Iberia de Cambados do que era director, para facerse cargo da escola nº 2 de Cangas. En 1919 tiña casado en Pontevedra con Mª Concepción Iglesias Vilarelle, actuando de padriño o oficial da Mariña José Jáudenes Clavijo, fundador do Colegio de Huérfanos de la Armada, intuíndo unha relación de Monje con este estamento e a súa posterior filiación na monárquica Unión Patriótica (U.P.) de Primo de Rivera.

Nas xuntanzas do Partido Galeguista en Pontevedra, ao menos dúas veces, adoitaba figurar unha representación de Cangas da que quizáis Monje formase parte, pero o máis certo é a sua pertenza ao movimento Ultreya como recolle Álvaro de las Casas no seu diario. José Monje ao igual que Felipe Carnicer, director da Escola de Pesca de Cangas, tamén formarían parte da directiva da Asociación de Maestros Nacionales del Partido de Pontevedra e despois do levantamento militar do 1936 non volvimos ter noticias del.

Os últimos "Ultreias"

Setenta e catro anos despois, o día dez de maio de 2006, a Consellería de Medio Ambiente, coa participación da Fundación Premios da Crítica de Galicia e da Asociación Álvaro das Casas, rememoraría esta travesía convidando a participar nela a un cento de escolares do interior de Lugo e Ourense, que abordo do veleiro "Nauja", irían rotando ao longo de cinco días para cubriren a distancia marítima entre Muros e Vigo con parada en Marín. Ainda que en cinco días non se puderon reproducir os feitos da singradura de 1932, os novos navegantes participarían da recuperación da memoria das persoas e dos feitos daquel periplo, sacándoo do esquecemento no que estivo durante tantos anos esta aventura xuvenil. E desta vez non houbo conflitos coa bandeira (pirata) galega.

O barco e os pasaxeiros

O pailebote "Joaquín Pérez" (dito Xoquín Pérez), cualificado tamén como balandro, era unha embarcación de 16 metros de eslora, 4,77 metros de manga, 1,40 metros de puntal e apenas 25 toneladas de rexistro bruto que arboraba dous paus e contaba cun motor auxiliar.

Fora construído en 1920 nos asteleiros do Caniso (A Insuela - Esteiro) polo mestre Manuel Brea Cernadas "O Mariñán", matriculado en Vilagarcía de Arousa e inscrito en Muros, localidade onde lle foi alugado ao armador Antonio Pérez Rodríguez da firma industrial dos coñecidos na zona como "Os Carraspellos". En Muros embarcarían 28 pasaxeiros, todos homes, incluída a tripulación conformada polo patrón Pedro Rama Piñeiro, o motorista José Lois Louro e o mariñeiro Juan Mayo. Os encargados da viaxe eran Álvaro de las Casas, Xurxo Lourenzo, Xosé Martínez López e os profesores Isidro Parga Pondal e Ramón Martínez López que tutelarían aos vinte mozos procedentes de Noia, Vigo, Lugo, Pontevedra, Ourense, Santiago e Vilagarcía.

Este pailebote muradán consta nos anais da navegación como non só como primeiro barco escola galego senón tamén o que enarborou por vez primeira unha bandeira galega.

*Historiador e veciño de Cangas

Compartir el artículo

stats