Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Isabel Risco: "As ideas da miña familia acabaron por iluminarme o meu propio camiño"

A actriz será a encargada de inaugurar hoxe ás 12.00 horas a Festa do Polbo de Bueu

Isabel Risco é unha actriz recoñecida no teatro e na televisión. // FdV

A familia de Isabel Risco (A Coruña, 1975) está chea de referentes da cultura galega: é neta de Sebastían Martínez Risco, expresidente da Real Academia Galega, e o seu tío avó foi Vicente Risco, un dos escritores más importantes do século XX en Galicia. Ela mesma recoñece que as influenzas da súa familia marcárona. Dende os 18 anos, comezou a defender o nacionalismo galego no BNG e a subirse ao mundo do teatro. Na súa traxectoria destaca o seu traballo con compañías teatrais como Produccións Desaqueloutradas ou Maquinaria Pesada. Tamén participou en series de referencia como Padre Casares e en programas televisivos como Land Rover. Hoxe, ás 12.00 horas no campo de A Estacada, inaugura de xeito oficial a Festa do Polbo de Bueu.

-Cando comeza no mundo do teatro?

-Empecei no teatro universitario aos 18 anos cando estudaba na Universidade da Coruña. Antes, no colexio e no instituto, sempre montaba espectáculos polos corredores dos centros onde estudaba. Non é que dende nena xa o tivera claro, pero si que as cousas que facía de cativa puideron ser o xerme que provocou que me decidira polo teatro.

-Nese tempo, comezou tamén a militar no BNG?

-Si, xuntouse unha cousa coa outra. Eu veño dunha familia cunha forte tradición nacionalista. O meu avó, Sebastián Martínez Risco, foi presidente da Real Academia Galega e era un home que sempre loitou pola defensa da nosa lingua e do noso país. Foi algo que me marcou e, ao ter tamén parentesco con Vicente Risco, as ideas da miña familia acabaron por iluminarme o meu propio camiño.

-Foi nas listas do BNG ás eleccións europeas e ás municipais, volverá a estar nas autonómicas?

-Non. No BNG é a militancia a que decide quen vai a cada convocatoria. Toda a xente que vai a ir nas listas é moi válida. No partido temos a gran vantaxe de contar cun grupo humano de excelentes calidades. As persoas novas son as que teñen que estar ao fronte nesta nova etapa.

-Como está vivindo a perda de votos do seu partido e o ascenso de En Marea?

-Obviamente precisamos votos, pero non creo que o obxectivo do BNG teña que ser só iso. Vivimos nunha sociedade competitiva na que só importan os logros que se traducen en cifras. Polo camiño perdemos proxecto político, conciencia de país e os nosos valores. Nós temos vocación de servizo coa xente. Claro que é certo que perdemos votos, pero tamén medramos en ética.

-Que políticas precisaría o teatro galego para mellorar a súa situación?

-O teatro galego está subestimado. Temos un país cheo de grupos afeccionados que xeran tradición e moito público. Isto ten que ser a base, pero ao teatro galego hai tamén que protexelo. Isto non significa ser paternalista nin que nos ofrezan cartos. O importante é fomentalo e abrir novas canles como facer que os nenos fagan teatro no ensino primario.

-En que proxectos está a traballar neste momento?

-No teatro, estou preparando con Culturactiva unha peza sobre Castelao que se titula "Retrincos". Para a Televisión de Galicia, estamos rematando de rodar a décimo primeira tempada de "Era Visto!" e, entre setembro e outubro, estrearase, tamén nesta canle, unha serie de televisión que se chama "Augas Quentes". É unha comedia que vai ter arredor de quince capítulos.

-Prefire os escenarios da televisión ou os do teatro?

-A min cústame moito traballo ter que escoller. Por min, collería un pouco das dúas cousas. O problema da televisión e que, as veces, non se fan produtos de calidade. No teatro dependes máis de ti mesma e é todo moito máis persoal. Aparte, neste mundo tes unha relación directa co público. A xente transmite enerxía.

-Como vive ser pregoeira da Festa do Polbo de Bueu?

-É unha responsabilidade moi grande. Ademais, hai que ter en conta que do Morrazo sae o mellor polbo do mundo. Dende hai séculos, é unha zona cunha forte tradición na pesca deste animal. Levo días tatexando do nerviosa que estou por ser a pregoeira.

Compartir el artículo

stats