Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Homenaxe en galego a García Lorca

A librería Miranda presenta hoxe o volume "6 Poemas 6", adicado ao granadino

Unha imaxe sen datar de García Lorca, sentado no centro, na localidade de Betanzos. // FdV

Neste ano 2016 cúmprese exactamente un século da visita do poeta Federico García Lorca a Galicia, un tempo aquel de 1916 no que o poeta granadino tivo a oportunidade de coñecer a obra de Rosalía de Castro e a lingua galega. O froito daquilo foi unha pequena edición de seis poemas en galego, que viron a luz en 1935.

Aproveitando esta data tan sinalada un amplo grupo de poetas galegas xuntouse para dar forma a unha homenaxe a Lorca, uns actos aos que hoxe se suma a librería Miranda de Bueu. O libro ten por nome "6 Poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca", editado por Biblos baixo a coordinación de Suso Díaz e Helena Villar Janeiro e con ilustracións de Antón Sobral. Durante este tempo formáronse seis grupos de poetas galegos, cada grupo coordinado por un dos seus integrantes e traballando sobre un dos seis poemas en galego que escribiu Lorca. Os membros de cada un deses grupos fixeron un poema coral e logo cada poeta escribiu o seu propio.

Un dos grupos de traballo estaba coordinado pola poeta buenense e premio Johán Carballeira de poesía Lucía Novas. Xunto a ela estaban a tamén buenense Miriam Ferradáns Ferradás, o moañés Xosé Daniel Costas, Alba Cid, Rosa Enríquez e Ismael Ramos.

A sala Amalia Domínguez Búa acollerá hoxe unha presentación deste libro no que estarán presentes Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, na súa condición de editor e cordinadora da edición, e no que intervirán algúns dos poetas que participaron nesta homenaxe galega ao poeta de Granada. Teñen confirmada a súa presenza Lucía Novas, Miriam Ferradáns, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, Marta Dacosta, Miguel Ángel Alonso Diz e Xosé Daniel Costas Currás.

A de hoxe será a primera das presentacións que organizará a librería Miranda ao longo deste mes de agosto. Este mesmo venres será a quenda de David Juan de Marcos, que presentará "Lo mejor de lasvidas"; o seguinte será o xornalista Manuel Jabois, que o xoves 11 de agosto e acompañado de Fernando González "Gonzo" presenta "Nos vemos en esta vida o en la otra", froito das conversas que tivo co único menor de idade implicado nos atentados do 11-M en Madrid; o martes 16 será Teo Palacios quen presente "El trono del barro"; o venres 19 Francisc Narla estará en Bueu con "Donde aúllan las colinas", e o peche do mes de agosto será o día 25 co buenense Xaime Toxo, que presenta "Protexer o invisible".

Compartir el artículo

stats