Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cando os nenos non comían azucre

O director Cándido Pazó inaugura hoxe o Intercéltico coa obra "Que comerá o rei?"

Cándido Pazó durante a representación "Que comerá o rei?". // FDV

"Que comerá o rei? Comerá? Comerá?Azucre". Esta frase pertence a unha viñeta de Castelao, incluída na súa obra Nós, na que dúas nenas, sentadas unha fronte á outra baixo unha árbore, intentan imaxinar en tempos de pobrezaque enche os pratos das mesas máis podentes. O azucre é para elas unha comida inalcanzable, só ao alcance dos reis. Cándido Pazó, director e actor de teatro, colleu esta frase, e todo o seu significado, para facer unha obra que leva o mesmo título. "Qué comerá o rei?" preséntase hoxe ás 21.30 horas no Centro Cultural Daniel Castelao de Moaña como inauguración do XXXII Festival Intercéltico do Morrazo.

O director Cándido Pazó é tamén o único actor da obra. Segundo a define "poderíamos dicir que é un monólogo construído a partir de relatos de Castelao. A obra tamén ten historias miñas e o meu toque persoal de humor". Como acontece en parte da obra de Castelao, os nenos son os principais protagonistas do relato. Eles son os fillos da miseria que abondaban en Galicia antes e despois da Guerra Civil Española. Castelao con eles "buscaba transmitir valores como a xustiza ou a solidariedade", sinala Pazó.

A obra conta cun éxito constatado ao longo da xeografía galega. Agora chega a Moaña dentro da programación que os concellos e a Deputación de Pontevedra están impulsando con motivo do Ano Castelao 2016. Un espectáculo que, ademais,como indica o concelleiro de Cultura de Moaña, Salvador Meira, será "totalmente gratuíto". Polo tanto, as portas estarán abertas aos que se decidan a acudir ata o Centro Cultural Daniel Castelao. Meira recorda tamén que "o aforo está limitado a 150 persoas".

Asistentes aos que, Pazó, admirador da obra de Castelao, recorda que "non sempre tiven tan fácil coñecer a Castelao". Rememora o ano 1974, cando aínda estaba na escola: "Un día o mestre preguntou se alguén sabía quen era Castelao e eu díxenlle que si, que era unha froitería que había cerca de onde eu vivía en Vigo". Con "Que comerá o Rei?" e outras obras teatrais que fixo este director, como "O Retrato", o autor de Vigo rescatou parte da obra de Castelao que, como indica, "estivo secuestrada. Antes da morte de Franco só podíanse ler obras del que viñan de lugares como Arxentina, Uruguai ou Cuba".

O Festival Intercéltico continúa mañá cunha xornada folclórica. Dende as 21.00 horas, bandas galegas saíran do Concello de Moaña ata o palco de música da alameda, onde actuarán. Xa o venres e o sábado haberá concertos con bandas galegas e internacionais: venres, a partir das 22.30 no palco da música, estarán Xarabal e os irlandeses Dubhlinn; o sábado, á mesma hora e emprazamento, os galegos Xarabal, os portugueses Galandum Galundaina e o grupo formado polo escocés Ross Ainslie e o irlandés Jarlath Henderson.

Compartir el artículo

stats