Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O teatro no Morrazo 1960-1975 (II)

A música, a partir dos seus diferentes xéneros, era unha das canles máis potentes para expresar o descontento social

O grupo Nuevas Amistades nunha actuación na sala Yulia de Madrid a principios de 1971. De esquerda á dereita: Eberto Pena, Antonio Camaño, Carmina Barranco, Elisa Ocaña, Xeso Portela e Mario Monroy. // Arquivo Eberto Pena

Alguén escribíu que a noite de pedra foi noite e foi de pedra pero non impedíu que este amplo e variado movimento musical se introducise en Galicia. As bandas, conxuntos musico vocais izaron salas de festa e as primeiras discotecas con Los Tamara, Los Sprinter? Mais tamén xurdíu o folk representado, entre outros, por Fuxan os Ventos: "Sementar sementarei/loguiño de crarear/en tanto no povo medre/un meniño, un vello e un cantar."

Dentro doutro estilo musical e con denominación de orixe no Morrazo lembremos a Nuevas Amistades que, como logo veremos, algúns dos seus compoñentes, participaron na peza teatral: A volta do mar.

E na canción protesta obrigado lembrar a Voces Ceibes: Guillermo, Benedicto, Xerardo Moscoso, Xavier, Vicente, Bibiano e Suso Vaamonde que ademais das súas gravacións foron coñecidos sobre todo polos seus recitais.

E para as "memorias" musicais desta época en Cangas tomamos un café con Antonio González Molanes, máis coñecido como Tucho Perete, guitarrista en varios conxuntos da época desde moi novo en Los Rítmicos e máis tarde en Temas e logo, xa nunha etapa profesional, con dezaoito anos, na orquesta Los Seis de Galicia que eran sete? E no 72 aparece Acuarela.

As actuacións- non sabemos se con autorización gubernativa- son nos máis variados espazos: verbenas, guateques, vodas, adegas e festivais nos cines Calvar e Avenida, sempre cheos de público. E na etapa profesional tamén con saídas de Galicia. E co carné profesional do Sindicato Vertical, único admitido neste periodo.

Os temas que tocaban dependían do grupo e do momento no 68 eran versións de Los Brincos, Los Mitos, Los Pasos, Los Ángeles, Lone Star, The Beatles e con Los Seis de Galicia y Magín Blanco, entraba a música cubana, a salsa. Con Acuarela: The Beatles, Pink Floyd, Lone Star, Billy Preston? Alternaban, segundo a ocasión, música para escoitar e bailar.

Toda unha aventura musical onde os xoves Tucho Perete, Chani, Toño Parcero, Isidro Perales, Paco Barreiro, Patachi, Beni Santos, Xoán de Aldán, Daniel de Darbo entre outros , foron facendo e desfacendo bandas mentres cambiaban o nome as súas agrupacións.

Un proceso no que tivo moito que ver o soliloquio obrigado "to be or not to be" ser ou non ser músico profesional renunciando a outro traballo.

Unha cuestión que mirada con ollos de hoxe e comparando co teatro foi formulada con anterioridade desde a música debido á tradición musical en Cangas anterior á afección polo teatro. O formulo como hipótese pois ese "ser ou non ser profesional no teatro" será algo a dilucidar pasados os anos 80.

Sexa como sexa, a música era algo que formaba parte da vida cotiá en Cangas e era motivo de encontro, por amizade ou afección, entre a mocidade. Unha mocidade chea de ilusión, inqueda e con anceios de cambio.

Ilusión, empeño por mellorar e afeccionada polo teatro era -e ainda o é- Lina Gallego Villar. Escribo "ainda" porque a súa afección polo teatro é incombustible pois comezou, como logo veremos, nos anos 60 e ainda hoxe participa no grupo de "Teatro da Asociación de Xubilados Santiago" de Cangas que dirixe Zé Paredes e Mónica Camaño. Na súa última montaxe, "Farsa Plautina" de Agustín Magán, Lina fai o papel de Gurgullo.

Pois ben, conta ela que a mediados dos anos 60, Ana María Corbal, monxa do Colexio Compañía de María de Cangas, funda a chamada "Escuela Obrera"co obxectivo de que as mulleres traballadoras (de Massó e doutras empresas) ampliaran a súa formación e que poidesen obter o Certificado de Estudos Primarios que moitas non tiñan.

Ademais dalgunha viaxe de fin de curso -en 1968 foron a Bourdeaux- organizábase algunha velada con representación teatral, cancións e outros entretementos. Co tempo o programa foi volvéndose máis ambicioso e ensaiaron unha comedia "Sublime decisión" (1955) de Miguel Mihura que foi representada só por rapazas no Salón de Actos do Colexio.

O seu argumento: Florita é a típica dama española de finais do século XIX facendosa e muller da súa casa. Sen embargo un bon día decide emanciparse e probar sorte no mundo laboral. Logra un posto de traballo na Admistración pública sórdido e machista. Florita é criticada por todos, ainda que ao cabo, outras mulleres uniranse a ela e acabarán abríndo unha ventanilla pública atendida exclusivamente por mulleres.

En 1960 Fernando Fernán Gómez dirixirá unha película titulada: "Sólo para hombres", adaptación desta comedia teatral.

Ao ano seguinte atrevéronse con "La barca sin pescador" (1945) de Alejandro Casona pero fixérono como teatro lido, teatro-fórum, no colexio. Un bo xeito de descubrir o teatro e mellorar as capacidades expresivas sen maiores custos e tempo.

O certo é que a obra lles pareceu interesante, animáronse a representala pero xa con rapaces para os papeis masculinos. Despois de moitos ensaios actuaron no Cine Calvar que alugaron un xoves pois pola fin de semana proxectaban películas. A pesar de ser un día de semana a representación foi un auténtico éxito entre un público de diferentes edades.

Despois de "La barca sin pescador" e na procura dunha maior liberdade de movementos, cortaron a relación co Colexio.

Rapazas e mozos do grupo falaron con Don Andrés, o párroco de Cangas, e deixoulles para ensaiar o centro parroquial, na Fonte do Galo decidindo que o próximo espectáculo sería " La doncella es peligrosa" ,de Serge Veber, e " A volta do mar" escrito por varios rapaces capitaneados por Eberto Pena.

Mais disto falaremos nunha próxima entrega.

Compartir el artículo

stats