Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé manuel pazos "Aquel 74 foi de estudos liviáns e praia diaria en Oleiros"

O actual rexidor lembra que daquela estudaba en réxime de internado na Coruña e foi a ano que desaparecía a reválida

Xosé Manuel Pazos

Para un rapaz de Coiro coma min, afeito a pasar os seus veráns de vacacións escolares entre o Monte da Pena e a Fraga pola semana e as praias de Rodeira ou a do Canabal os sábados e domingos, aquel verán de 1974 foi ben especial.

Aquel ano acabara o sexto curso de Bacharelato e na Universidade Laboral da Coruña, onde estudaba en réxime de internado, decidiron que aqueles que aprobaran o curso seguirían alí todo o mes de xuño e parte de xullo para preparar a Reválida e obter así o título de "Bacharelato Superior".

Pero ese mesmo ano instauraron o COU como curso de orientación universitaria e a tal reválida pasou a carecer de valor para aqueles que queriamos seguir adiante cos estudos, polo que a súa preparación pasou a ser un tema secundario: tanto nos tiña suspendela ou aprobala, e así nos foi á maioría, a dicir verdade. Pasamos, xa que logo, un mes e pico de estudos leviáns polas mañás e praia diaria nos areais de Santa Cristina, en Oleiros, cada tarde. Quen pode pedir máis?

Tiñamos daquela dezasete anos e xa se sabe: folgar, poñerse morenos e tentar mocear eran os obxectivos principais daquela "pandilla" de sete ou oito adolescentes (de entre máis de cen), de distintas procedencias xeográficas, que se presentaban no areal cun tocadiscos portátil ("comediscos", coido que lle chamabamos) e fachendeaban, a poder ser entre as mozas, coa súa música a volume considerable.

A música

Lembro que naquel ano a canción do verán era "Canta y sé feliz", de Peret, aínda que seguramente soaban tanto ou máis nas radios o "Sex machine", de James Brown e as cancións melódicas de Demis Roussos. Pero nós tamén nos queriamos diferenciar nos gustos musicais e do noso aparello saía música máis "cosmopolita", como correspondía a uns case universitarios que se prezasen: John Lennon (daquela xa en solitario), Cat Stevens, Pink Floyd, Jethro Tull ou os Credence, entre outros, eran os nosos favoritos. Coido que ese mesmo ano descubrimos (algúns) a xente de Voces Ceibes, mais non era cuestión levalos á praia.

En agosto daquel verán e ata o ano 1978, en que aprobei as oposicións, xa foi o traballo de albanel ou o de fontaneiro o que ocupou as miñas vacacións estivais, para, como as formigas, almacenar no verán uns poucos cartos para o inverno estudantil.

E logo, despois do 1978, xa foron outros veráns e outras músicas, por suposto.

Compartir el artículo

stats