Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Constitución de 1837 en Meira

O autor explica neste traballo a promulgación e xura no Concello de Meira da nova Constitución xurdida tras o "motín dos sarxentos de La Granja" contra a Raíña rexente

Unha vista de Meira e do entorno de Samertolaméu. // Gonzalo Núñez

Este episodio, coñecido como o "motín dos sarxentos de La Granja", obrigou a María Cristina a un cambio de goberno de signo progresista e a restablecer a Constitución de 1812 "en el interin que reunida la Nación en Cortes, manifieste expresamente su voluntad, o dé otra Constitución conforme á las necesidades de la misma"(R.D. 13 de agosto de 1836). O novo goberno, presidido por J.M. Calatrava, convocaba Cortes constituíntes para o día 24 de outubro de 1836 (R.D. 21 de agosto), co fin de adecuar a Constitución de Cádiz ás necesidades políticas da época. A función das Constituíntes de 1836 era a reforma do texto de 1812, restablecido provisionalmente pola Raíña Gobernadora, pero o resultado foi, en realidade, unha Constitución diferente: a Constitución de 1837, "que las Cortes generales, en uso de su soberanía nacional, decretan y sancionan(?)" e a Raíña viúva, Gobernadora do reino, acepta en nome da súa filla a Raíña Isabel II, menor de idade.

O texto de 1837, de carácter progresista, recuperaba algúns aspectos do liberalismo de 1812 á vez que aceptaba algunhas formulacións do ideario moderado. Pretendía ser un texto de consenso entre as dúas correntes do liberalismo. Os cambios máis destacados respecto da Constitución de 1812 foron: o reforzamento do poder da Coroa, agora con potestade lexislativa conxuntamente coas Cortes(Art.12); e as Cortes bicamerais, que se compoñían de dous corpos colexisladores-o Congreso dos Deputados e o Senado(Art.13)- elixidos por sufraxio censatario, polo que só os homes das clases altas tiñan dereito de voto. Outros aspectos da Constitución de 1812 mantivéronse, entre os que destaca a separación de poderes e a importancia concedida ós dereitos individuais.

A Constitución de 1837 foi promulgada en Madrid o 18 de xuño (Gaceta de 24 de xuño,1837) e, como lei fundamental e norma suprema da Monarquía, debía ser acatada polos españois. Así consta no Real Mandamento da Rexente para a súa observancia polo pobo: "Por tanto mandamos a todos los españoles (?), de cualquiera clase y condición que sean, que hayan y guarden la Constitución(?); y mandamos asimismo á todos los tribunales, justicias, gefes, gobernadores y demás autoridades, así civiles como militares y eclesiásticas, de cualquiera clase y dignidad, que guarden y hagan guardar, cumplir y ejecutar la expresada Constitución en todas sus partes. Tendréislo entendido y dispondréis lo necesario para su cumplimiento, haciéndolo imprimir, publicar y circular.- Yo la Reina Gobernadora. En Palacio á 18 de junio de 1837.- A D. José María Calatrava. Presidente del Consejo de Ministros". Procedía, pois, realizar actos de promulgación e xura da Constitución en tódolas provincias do Reino.

En cumprimento da R.O. de 22 de xuño de 1837 "para que se lleve a efecto con las formalidades debidas la solemne promulgación y jura de la Constitución de la Monarquía (?) y a lo dispuesto en el R.D. de 15 del actual(?)", o Goberno Político de Pontevedra publicaba (BOP Nº 53, de 5 de xullo) a circular Nº 15 "señalando los días en que se promulgará la Constitución en las capitales de los ayuntamientos y la jura en las parroquias de esta provincia"; actos que se anuncian para os días 9 e 16 de xullo, respectivamente. Dada a importancia dos mesmos haberán de asistir as autoridades e empregados e, no referido á xura, a presidencia do Concello deberá prover a cada párroco unha copia auténtica da Constitución, para a súa lectura durante a misa a celebrar con tal motivo, así como a fórmula do xuramento. Rematada a promulgación e xura, estenderanse as correspondentes actas que serán remitidas á autoridade provincial.

No concello de Meira celebráronse os actos protocolarios de promulgación e xura da Constitución de 1837, dacordo co calendario establecido. Así, o día 9 de xullo levouse a cabo nesta vila a cerimonia "para la solemne promulgación de la Constitución de la Monarquía conforme a lo prevenido por el Señor Gefe Político en la circular fecha cinco del corriente(?)". Acto que tivo lugar "en el sitio nombrado de San Bartolomé frente a la Casa del Ayuntamiento", contando coa participación de D.Francisco Pardo, alcalde primeiro; D.Manuel Rodríguez, segundo alcalde; D.Manuel Martínez, D.Domingo Antonio Chapela, D.Manuel Estévez, D. Manuel Palma, D.Juan Palma e D.Manuel Riobó, rexedores; D.Manuel Martínez Paz, Procurador Síndico; tamén de párrocos e sacerdotes, autoridades militares e particulares. Tralos saúdos correspondentes a un acto de tanta importancia, o Secretario do Concello deu lectura á Constitución "en voz alta e inteligible con el Real Mandamiento para su observancia" e dirixíndose ó pobo déronse afervoadas vivas á Raiña, á súa nai (Ráiña Gobernadora) e á Constitución, que foron respondidas cunha salva de disparos pola Compañía de Cazadores, coa actuación de gaitas do país, frautas e bombo, que causaban o maior contentamento e satisfacción entre os veciños; tamén se repartiu unha pipa de viño como agasallo ós membros da Milicia Nacional, corpo de cidadáns armados comprometido na defensa da Constitución e do ideario liberal-progresista. Así se fai constar na certificación da acta que dá testemuño deste feito, asinada por D. Francisco Pardo,"Presidente del Ayuntamiento Constitucional de este Distrito de Meyra" e D. Prudencio Matos Benavides, Secretario, remitida ó Goberno Político da Provincia (Pontevedra). Tras a promulgación levouse a efecto o xuramento da Constitución de 1837 `polos membros da Corporación. Tivo lugar o día 14 do mesmo mes "en la casa que sirve de Consistorio del Ayuntamiento de Meyra" en presenza do alcalde, D. Francisco Pardo, en cumprimento do disposto no R.D. de 15 de xuño (Art.4), utilizando a fórmula establecida ó respecto. Os concelleiros alí reunidos xuraron " guardar y hacer guardar la Constitución de la Monarquía Española(?) y ser fieles a la Reyna". O acto concluíu coa firma de todos os presentes. Así consta na acta, cuxa certificación asinada polo Sr. Alcalde e o Secretario foi remitida ó Xefe Político da provincia.

De acordo co calendario indicado na circular Nº 15, de 5 de xullo, debíase proceder á xura desta Constitución en tódalas parroquias da provincia. A data sinalada para este acto era o 16 de xullo de 1837, domingo; levaríase a cabo na igrexa parroquial, contando coa asistencia dos veciños e de representantes do respectivo concello. Así aconteceu en cada unha das freguesías (San Pedro de Domaio, Santa Olaia de Meira, San Martiño de Moaña e San Xoan de Tirán) do "Ayuntamiento Constitucional de Meyra": o domingo día 16, ás dez da mañá, con celebración de misa solemne na que se deu lectura polo cura párroco á Constitución política da Monarquía decretada polas Cortes Xerais nese ano(?),exhortando ó pobo sobre o cumprimento e observancia da mesma. Á conclusión da misa un representante da Corporación, como Presidente do acto, dirixíndose ós concorrentes e ó clero, pronunciou a fórmula de xuramento que foi respondida afirmativamente polos alí reunidos. En seguida cantouse o Te Deum entre o repique das campás e a maior alegría de todos. Así se fai constar por escrito nas certificacións das actas estendidas ó respecto. Certificacións asinadas polo Alcalde e o Secretario, que forman parte do expediente remitido pola Presidencia do Concello de Meira ó Goberno Político da Provincia con data 18 de xullo de 1837. Ían acompañadas do escrito que a continuación se reproduce:

"Presidencia del Ayuntamiento de Meyra .-En conformidad de lo prevenido por V.S. remito adjuntas Certificaciones en que consta, por la una el acto solemne de promulgación de la Constitución de la Monarquía, otro de la jura de la misma hecha por los individuos de este Ayuntamiento, y las quatro restantes de haberse verificado en las parroquias de la comprensión de este Distrito, con la puntualidad y la rectitud recomendadas. Dios guarde a V.S. muchos años. Meyra 18 de julio de 1837. -Francisco Pardo.

Sr. Gefe Político de esta Provincia"

*Profesor de Historia, veciño de Meira

Compartir el artículo

stats