Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Borja Brun: "Era moi dado a namorar, sobre todo se as rapazas eran de fóra"

"Magalí, aquela rapaza francesa que era un prodixio da natureza, cumpría todas as miñas peticións sobre as mulleres naquel tempo"

Ata que casei, tiven poucos amores correspondidos. Ese verán do 86, no que o 2 de agosto faría oito anos, non ía ser menos. Eu viña de arrastrar algunha que outra asignatura coa miña mestra de aquel tempo en San Roque, Doña Lola. Era una muller dura, que non dubidaba en lanzarlle un borrador a cabeza do neno que non atendese. Algunha que outra cabeza crebou no meu curso. Era unha mestra "coma as de antes", ou iso dicía miña nai. Tódalas mañás ao chegar a clase, facíanos rezar o "Padre nuestro" e logo comezaba a aplicar aquilo de que, a letra con sangue entra.

Estreaba tamén os meus primeiros anteollos, ainda que non serían os últimos. A miña afección a facer trastadas o máis lonxe posible do chan, remataba normalmente con eles rachados.

Ese estío, coma viña sendo habitual, escribíame por carta "airmail" co meu pai, que pasaba eses nove meses habituais fóra da casa, pescando en quen sabe que continente. Gustaba de contar as raias azuis e vermellas que percorrian todo o exterior do sobre.

Coa miña nai Finuca, e a miña tía Carmela, xunto co meu primo Nelson, pasabamos tardes de praia en Rodeira. Pero non eran sempre tardes apacibles, normalmente a pelexa estaba garantida. Eu e o meu primo xogabamos agochando pedras nas bolas de area que nos lanzabamos e algunha que outra fenda gardo na miña testa desa época. Naquel tempo xa precisaba de máis dedos que os dunha man para contar as "conachas" que levaba. Pedra vai e pedra ven, pasabamos o verán nesa praia, a altura do aparcamento actual, antes cuberto de area e unha flores negras e amarelas que atraian en cantidade as autóctonas abellas.

Pero centrémonos no motivo deste relato. Eu era moi dado a namorar de canta rapaza vía de cabelo longo na praia. Xa fosen loiras ou moreas, altas ou baixas, cheiñas ou fracas. Ainda máis cando eran "estranxeiras", como dicía miña avoa Josefa, madrileñas para o caso. Amores na maioría dos casos non correspondidos. Pero aquel ano, a estranxeira que chegou, non foi unha madrileña.

Unha tarde de praia, a miña nai chamoume a filas e presentoume a unha nena de pelo loiro, longo longuísimo, fraquiña, e cunha preciosa pel pálida que se escondía baixo un floreado bañador dunha peza. Os seu pai era de Cangas e aínda viña sendo un deses familiares lonxanos pero por cousas da vida acabara en Francia, donde coñecera a sua muller e xuntos tiveran aquel prodixio da natureza. A presentación foi ben escueta: -Borja-, díxome miña nai. -Esta rapaza e Magalí. É francesa e non sabe falar nada de español-. Como? Magalí? Que raio de nome era ese? Pero que mais tiña, eu xa namorara dela, cumpría á perfección todas as miñas peticións sobre as mulleres naquel tempo. Que máis quería? Ela foi decidida xunta a min e eu leveina dereitiña a area baixa da praia. Lembrome ben, a marea estaba moi baixa e na praia de Rodeira iso traducíase en pequenos regatos que se formaban na parte alta da e iban facendo regueiros ata chegar ao mar. Para os da nosa idade supoñía horas de entretemento facendo encoros ao longo de todo o discurrir do auga.

Logo de rematar as obras de enxeñería fómonos a bañar. Ainda que pasaron 30 anos, lembro con gran claridade ese día polo que podo dar fe de que o mar estaba cheiño de algas, algo que era moi común nesta praia. Ela estaba un pouco nerviosa polo asunto das algas, e ahí cando rompeu o seu silencio. Díxome a primeira verba que aprendín en francés. Moviamonos entre as algas, cando de súpeto ela asustouse moito ao ver una alga alongada e marrón escuro, que hoxe coñecemos na cociña coma espagueti de mar.

O caso é que a rapaza deu un berro dicindo: "serpent!" e dando un chimpo apegouse o meu corpo buscando unha inecesaria protección. Podedesme creer que é hoxe o día que lembro o calor que desprendía o seu corpo. Aquela pobre alga non tiña nada de reptil, pero doulle as grazas por crear esta lembranza tan bonita no meu arquivo persoal de vivencias. De aí que aínda hoxe non coma espagueti de mar. Nunca comerei un aliado.

Anos máis tarde e con motivo dunha viaxe a Francia, deume de boa gana o estudar o francés, idioma que considero amable e sensual, e non deixo de esbozar un sorriso cada vez que vexo o nome dese réptil e penso en tí, Magalí.

Compartir el artículo

stats