Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Bueu 1960-1975 (II)

A actividade teatral céntrase no Cine Avenida e cando desaparece o epicentro estaba nos centros educativos

Cartel-1967. // Arquivo Fernando Otero

Chegamos ao ano 1967 onde a Agrupación San Xosé organizou no cine Avenida unha velada o 20 de maio, na que houbo unha "actuación de 'Los Mismos' de Cangas, o coro San Xosé e unha obra teatral polos actores C. Pereira, José Diz, P. Chapela e Jaime Pereira" (José Mª Estévez 1996; 275). E nese mesmo ano de 1967, o 5 de agosto, puxeron en escena unha das cinco pezas das "Andrómedas" do monfortino José Ibáñez Fernández titulada "O Esmoleiro". No festival do ano 1968, celebrado o 10 de agosto, houbo actuación do coro S. Xosé; tamén participaron os conxuntos "Los Ciclones", de Moaña, e "Los Dingos" de Bueu (Luisito de 'Catalina', Seso Portela, José Manuel Lis, Carlos Pastoriza e Paco R. Pastoriza); logo os coros e danzas da Sección Feminina recrearon "A fiada"; Fernando Otero recitou un poema de Rosalía de Castro; Julio Villanueva Pousada tocou co acordeón e tamén actuaron as Irmás Hernández, de Madrid, que veraneaban en Bueu por esas datas.

Do "VI Festival do Vrao" celebrado o 9 de agosto de 1969 a prensa escrita faise cun titular a dúas columnas "Éxito dun Festival". Resalta que é "organizado e protagonizado por mozos traballadores" e que estes tamén forman o Coro S. Xosé "coñecido en todo o Morrazo". Tamén destaca a actuación de Coros e Danzas da Sección Feminina local acompañada dos seus gaiteiros e do, xa habitual nestes festivais, presentador Antonio Lirón Escalona que era un habitual na tempada de verán en Bueu.

Nesta época, das agrupacións profesionais de fóra temos referencia, finais de xuño de 1971, do "Teatro eslava" que actuou na explanada do porto de Bueu.

As representacións teatrais, a partir dos anos 70 do século pasado, coa desaparición do cine Avenida, resentíronse na súa grandiosidade pois os locais da Antiga Casa de Cultura, Centros Educativos, Casa do Pobo de Beluso, etc. teñen reducidos escenarios, coa excepción do IES Jhohán Carballeira e o Centro Social do Mar que son de tipo medio.

Pero a actividade teatral tamén ten o seu epicentro noutros centros educativos de infantil, primaria e secundaria, uns máis que outros, pero todos deron en organizar obradoiros e pequenas representacións teatrais. O Nadal, Letras Galegas e Fin de Curso son as efemérides a celebrar con actividades, entre outras, teatrais.

En ocasións serían as ANPAS, ou persoas vinculadas con elas, as que subvencionaban representacións ou obradoiros teatrais nos mesmos centros educativos; e, ás veces, eles mesmos formaban grupo e representaban algunha obra. Exemplo disto o temos no curso 1975-76 na que o grupo formado por Agustín Gutierrez, Francisco del Río, Carmen Loira, María López e Carlos 'Campos', dirixidos por José Antonio Agulla representan no colexio de Beluso e no da Virxe Milagrosa de Bueu a obra de Leandro Carré Alvarellos titulada "Pra vivir ben de casados".

Compartir el artículo

stats