Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xesús Ron: "Algunhas veces é difícil atopar forzas para seguir e este premio é unha gran motivación"

A compañía galega Chévere recibe esta noite o Xiria á labor teatral e despois representará a súa obra "Eroski Paraíso"

O director Xesús Ron leva toda unha vida consagrada ó teatro. // FdV

Os focos do Auditorio municipal estarán esta noite postos na compañía Chévere. Os 29 anos que levan nos escenarios destacando no teatro nacional e internacional levaron a esta compañía galega a que esta noite reciba o Premio Xiria á labor teatral (22.30 horas). Tras recibir o galardón, representará a súa obra "Eroski Paraíso". Dirixida por Xesús Ron conta a historia da sala Paraíso que funcionou en Muros entre os anos 1972 e 1990. Un tempo no que aquel espazo convertiuse nun recuncho de mocidade e boa música. Agora no seu lugar hai caixas rexistradoras e ofertas: o Paraíso é hoxe un supermercado. A compañía Chévere foi tamén Premio Nacional de Teatro no 2014 e participou en proxectos audiovisuais como a serie "Pepe o Inglés", emitida pola TVG, ou o filme "Crebinsky". No 2015 puxo en marcha o seu laboratorio teatral chamado a Berberecheira. Están afincados en Teo.

-Que lle chamou a atención desta historia para decidirse a contala?

- O punto de partida foi descubrir que esta sala de festas que había en Muros fora reconvertida nun supermercado. Vimos que era unha historia que se repetía en moitos lugares de Galicia. Chamounos moito a atención a idea de como o lugar onde a xente de toda unha comarca se reuniu durante 20 años para bailar e mocear agora fose un súper. Para nós era unha especie de metáfora do cambio da nosa sociedade nos últimos 30 anos.

-Como están construídos os personaxes que saen na obra?

-Estivemos en Muros e falamos con moitos veciños para documentar as vivencias que tivera a xente nesta discoteca. Os personaxes que saen na obra si que están construídos en base as cousas que nos contaron a poboación de Muros.

-É unha historia tamén de xuventude perdida?

-Non exactamente. O que tratamos de retratar é a toda unha xeración que agora ten arredor dos 50 anos e que seguramente non está no sitio no que esperaba estar cando tiña 20. Retratamos a emigración e o desarraigo que supón ter que marchar de Galicia.

-Enganaron a esta xeración sobre o que ía a ser o seu paraíso?

-Ao meu parecer, deixáronse levar pola situación que había naqueles tempos. Na obra falamos do fracaso colectivo desta época. A sociedade galega e española dos oitenta tiña unhas expectativas moi altas sobre o que podería ser unha democracia igualitaria.

-O teatro é unha boa ferramenta para analizar sociedades coma a dos oitenta?

-O tipo de teatro que estamos facendo é unha especie de antropoloxía do presente. O noso traballo permite, dende un punto de vista moi espontáneo e vital, levar ó escenario un reflexo da sociedade tal e como foi e é agora. O público consegue mimetizarse nesta obra co que acontece no escenario.

-Cal é o papel do xénero documental nesta obra?

-Non facemos teatro documental, pero a través do teatro intentamos documentar a realidade que vivimos. Por así decilo, servímonos dalgunhas das claves do cine documental para contar unha historia que é puro teatro.

--Satisfeito polo premio Xiria á labor teatral que lle entregan?

- Para nós é un recoñecemento moi importante despois de que a nosa compañía, Chévere, leve case trinta anos no teatro. Algunhas veces, despois de tanto tempo, é difícil atopar forzas para seguir adiante e este premio é unha gran motivación para facelo. Ademais, ten o valor engadido de que son os propios compañeiros de profesión os que o entregan.

Compartir el artículo

stats