Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

El mundo, España y Galicia en el 69

Celso Parada: "Alí, na Congorsa, aprendín a nadar polo método inglés da miña tía Esther"

"Nas tardes verán a area cheiraba a calafateo da brea"

Celso Parada

Eu son neto dun mariñeiro da Congorsa? Alí, nas tardes de verán, a area cheiraba ao calafateo da brea , co que os vellos mariñeiros enfeitaban as chalanas e as gamelas ; aínda que para aquel neno chamado "Selsito" , como me dicían os meus pais , era como un recendo intenso a un petróleo que amabamos? Se cadra porque os nenos da miña infancia gorentabamos o uliscar intenso dos motores e das pinturas recentes a alcatrán dos barcos , ao abrigo dos estaleiros de Massó. Tamén daquelas chalanas sesteando na area da praia como un can de mar antes de espertar para faena diaria. Os cans da miña infancia sempre foron de area e eran mansos e agarimosos como unha nai. Alí na Congorsa, na punta de balea, ao pé da area milla, pasaba eu moitas das festas do Cristo, no "Repouso do pescador", a taberna que miña avoa rexentaba mentres o avó Remixio andaba no mar, co seu motor, perseguindo as fanecas . Alí viñamos desde Moaña de nenos para pasar aquelas festas cos avós e coa miña tía Esther que me levaba sempre aos "cochitos" e aos festivais da Lestonac. Se cadra alí xa foi prendendo en min aquela maxia da escena. E alí, en Balea, estaba tamén o campo do Alondras ou de Massó, que lle chamaban daquela. Ao campo de Massó, ía eu co meu pai e coa bisavoa Rosalía de San Roque , que é de onde e dicía ela que lle gustaba ser, e que pasaba das tardes de rosario aos domingos de fútbol, sen reparo ningún en mentarlle a nai ao árbitro e cun aquel de "hooligan" que eu non facía propio das avoas. Pero era tan divertida dicíndolle ao árbitro: "voute enterrar cabrón, pero que falta nin que falta... " . Alí na Congorsa , na punta de Balea, onde aprendín a nadar polo método inglés da miña tía Esther. Consistía este método innovador, en levarte a punta do peirao da Congorsa e chimparte a auga, ao mesmo tempo que berraba: "agora nada"? Debía ser cara a fin dos anos 60? Ela fora unha muller adiantada naqueles tempos difíciles e marchara a traballar para Inglaterra.

E dos ingleses pegóuselle a modernidade da minisaia e aquel método empírico-sportivo que nunca fallaba: "o que non nada, aboia". Por iso sempre lle tiven certa prevención aos ingleses e agora non me lamento de que optasen polo "brexit"... Da nenez sempre queda acubillado un desexo febril de inocente vinganza. O meu foron os ingleses.

Compartir el artículo

stats