Non podía ser menos. O autor do afamado "O Bichero" que publica todos os días FARO, Luís Davila, non podía prescindir do humor no seu pregón para honrar á caste do viño tinta femia de Cela. Pero ademais de humor houbo recoñecemento e unha sentida homenaxe ás xentes da parroquia de Cela, na que el ademais vive dende hai tempo. "Este prezado produto non existiría sen o traballo e adicación da xente de Cela que ao longo do ano poda, ata, abona, sulfata, volve a podar, volve a sulfatar, vendima, acarrexa, despalilla, estruja, fermenta, macera, trasega, clarifica, embotella, destila...", relatou no seu celebrado pregón. Non tivo pena de recoñecer que "a beber viño apúntase calquera, o carallo é para dar sulfato. E eu hei de recoñecer que tamén son máis de bebelo que de sulfatalo!". Non se esqueceu de recoñecer que os furanchos son unha constante fonte de inspiración para as súas viñetas do Bichero e de facer un guiño cariñoso a Camilo Carballo, colleiteiro do Burgo e avó da súa muller.

O pregón de Luís Davila era un dos actos centrais da xornada de onte da decimoterceira edición da Festa do Tinta Femia de Cela, unha celebración que acumulou sete anos sen celebrarse pero que este ano retorna grazas ao empeño da Asociación de Viticultores San Martiño de Bueu. Un ano no que tamén están de actualidade os famosos cursos para a obtención do carné de aplicador de produtos fitosanitarios, que tantos quebradeiros de cabeza lle están causando aos maiores. "O tema do sulfato complicouse de carallo, aghora hai que facer un máster e mándanche de Erasmus a Zamora ou a León!! Agora cando van a leira en vez do leghón levan a carpeta cos apuntes para repasar", dicia Davila, nunha acertada mestura de retranca, ironía e aceda crítica como a uva do tinta femia.

A esta caste adicoulle todo tipo de louvanzas e fixo unha das mellores descricións posibles. "Medra en vides encaramadas nas pendentes e ladeiras, que bebe de milleiros de regatos, que respira o salitre da ría que lle achega o vento do noroeste e deitase con sol enriba da illa de Ons; esta uva que compite con fentos e herbas para saír adiante, esta uva é a que nos agasalla cun viño fresco e complexo, de corpo lixeiro e chispeante acidez. Viño salvaxe e diferente, enerxético, un viño de carácter atlántico que é puro nervio".