A sabedoría popular asegura que detrás dun gran home sempre hai unha gran muller. Segundo nos relata Las Cervantas, detrás de Miguel de Cervantes había cinco mulleres cuxa grandeza residía na súa condición de resistentes. Talvez a ficción non casa axeitadamente coa realidade histórica, pero iso é o de menos: mulleres así hóuboas e hainas a eito. Un Cervantes dende a perspectiva de xénero fala dos sucesos do seu século, pero tamén do noso. E a relación entre a natureza dunha sociedade e o papel que as mulleres desenvolven nela garda un enorme parecido entre as dúas épocas.

Tanto daquela coma hoxe, cando un incidente escuro afecta a un poderoso, os pobres deben botarse a tremer. Buscaranse culpables que oculten a verdade, e os sospeitosos habituais serán aqueles que sumen á súa condición de humildes a de inconformistas, a de impugnadores da orde establecida. As mulleres que non aceptan as estritas normas que as manteñen sometidas a un papel supletorio teñen moitos números para que lles toque pagar polo que fixeron outros. A función está ateigada de referencias a esa contradición de clase que marcaba entón, e marca agora, as diferenzas.

Las Cervantas explícanos isto dende algún punto entre a comedia de honor e o policial tipo Agatha Christie. Pola parte do honor, está o retrato desa resistencia das mulleres de clase humilde que soportan o desprezo e a vexación a cambio de manter un certo espazo de liberdade. Pola parte do policial está a elección de situarse nun espazo pechado onde conviven as amantes abandonadas, as nais solteiras e as mozas voluptuosas. A trama cóntase dende ese terreo onde os homes teñen vetada a entrada: aí residen as fortalezas do texto e por aí infíltranse as súas debilidades.

A vantaxe é que o xineceo revela cunha inclemente claridade as tensións provocadas polas distintas circunstancias de cada unha das personaxes: a esposa de Cervantes e a filla bastarda que tivo con outra muller, por exemplo, deben atopar o punto de equilibrio necesario para aturar a convivencia sen humillarse. O inconveniente é que a acción non existe máis que coma relato desas mulleres: cóntasenos todo e non vemos nada e, cando queremos acceder ás claves da intriga, só se nos ofrece unha reiteración discursiva que xera máis confusión que empatía.

O público da Mostra perdoou as insuficiencias dun espectáculo que precisa algo máis de rodaxe e aplaudiu a mensaxe de recoñecemento a esa resistencia calada das mulleres traballadoras coa que, sen dúbida, aínda nos podemos identificar sen medo ao anacronismo.