O ano pasado non puido celebrarse porque a Coral Polifónica de Bueu estaba inmersa no proceso de gravación do seu primeiro disco, pero neste ano 2016 "O son do mar "retorna con máis forza se cabe. O festival chega á súa novena edición e ao igual que nas anteriores rendirá unha homenaxe ás xentes do mar, un recoñecemento que nesta ocasión será dobre porque a agrupación vaille rendir tributo ao matrimonio formado por Josefa Loira e Eliseo Cerviño, pescantina ela e mariñeiro el, ambos xa xubilados e integrantes da Coral Polifónica de Bueu.

O encontro deste ano será o vindeiro sábado 9 de xullo, a partir das 20.30 horas, no Centro Social do Mar e xunto á Coral Polifónica de Bueu estarán a Coral Máximo Gorki de Vigo e a Coral San Pedro de Domaio. Os obxectivos do festival "O son do mar" seguen a ser a reivindicación do mar como "elemento fundamental na configuración da nosa idiosincrasia como pobo diferenciado", irmandar ás vilas mariñeiras galegas e doutras comunidades ao través do canto coral "como forma máis xenuina da cultura musical da beiramar" e, finalmente, render "homenaxe ás nosas orixes" en forma de tributo aos homes e mulleres que ao longo de xeracións dunha ou doutra maneira desempeñaron oficios vencellados ao mundo do mar. "Proclamamos en voz alta que somos fillos do mar e dicímolo cheos de orgullo e fachenda", argumentan dende a organización.

Ao longo destes anos os homenaxeados pola Coral Polifónica Bueu foron a redeira Teresa Queiruga Bastos; o mariñeiro Javier López Casqueiro; o antigo patrón maior Antonio Pereira de Sáa; o mariñeiro e durante anos presidente da comisión de festas, Marino Gómez; as pescantinan Carmen Santos "A Perrincha" e María "A Buena"; o mariñeiro de Ons Isidoro Dios Otero e o actual patrón maior, José Manuel Rosas Otero. Dende a coral buenense anuncian que no acto do vindeiro sábado haberá un recordo especial aos que xa finaron -Teresa Queiruga, Antonio Pereira, Marino Gómez e Isidoro Dios- porque "xa non están entre nós, pero a súa memoria permancerá coma un exemplo".