Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David Santiago Díaz: "Medramos porque centramos a formación hacia o lado práctico"

Explica a súa decisión de deixar de estar á fronte do centro despois de 15 anos e sinala as razóns do rápido crecemento

David Santiago, na Casa da Música. // Gonzalo Núñez

David Santiago Díaz (Moaña, 1975) anunciou esta semana que despois de 15 anos deixará o seu cargo como director da Escola de Música de Moaña, entidade cuxa responsabilidade asumiu con apenas 15 alumnos e que deixa con 195 e unha larga lista de espera de cara ao vindeiro curso. Pasará a ser simplemente un profesor máis nun centro ao que dedicou todos os seus esforzos desde comezos de século.

-Vostede foi o primeiro director dende que esta escola ten un carácter máis estable e reglado, non?

-Si, pero a Escola de Música xa existía dende 1981 na figura de Manuel Iglesias, que facía as labouras de profesor de música e tamén levaba a banda Airiños do Morrazo e a Masa Coral Moañesa. Entón era unha escola descentralizada. El acudía a centros de ensino a dar clases extraescolares de música. En 1999 se xubila e o posto se traslada a dous novos postos a media xornada que recaíron en min e en Susi Gutiérrez. Ao ano seguinte entrou outro profesor e os tres xestionamos coordinadamente a escola. No ano 2001 nos trasladamos ao CEIP Reibón e empecei a coller máis o peso da organización.

-Por que asumiu vostede a responsabilidade?

-Eu entón estaba a traballar paralelamente na Escola Municipal de Música de Vigo, que é un centro moi grande e con moito prestixio. Tiña a referencia máis clara de cómo xestionar unha escola. Por iso dende 2002 encargueime un pouco da organización. Nese ano 2002 estabamos con Javier Barreiro (PP) de alcalde e Alberto Currás como concelleiro de Cultura. Currás se pode considerar unha das figuras máis importantes nesta etapa de institucionalización do centro. Foi o que promoveu a contratación de profesores e apoiou a modernización da Escola. El é músico e sabía como afrontar esta actualización. Nos centralizou no centro sociocultural de San Martiño, onde estivemos dous anos.

-Cantos alumnos tiñades naqueles anos?

-Nós collemos a escola cuns 15 alumnos e agora contamos con 195, máis unha lista de espera considerable e uns 170 nos Obradoiros Musicais que xestiona a Anpa. Somos cinco profesores e tres máis dos obradoiros que comezaron no ano 2007.

-Como se acada semellante crecemento da estructura da Escola de Música?

-O que tes é que investigar. Esforzarte en dar unha oferta estable e en sentido práctico. Derivamos a oferta formativa a resultados visibles. Os que ensinamos música debemos pretender que os que aprenden música a desenvolvan. Non ten sentido aprender música ou a tocar un instrumento sen tocalo. Por iso nós dende un inicio preparamos ao alumnado de xeito moi práctico e inmediato e os destinamos a formar parte das agrupacións do centro. Lle damos moita relevancia ao uso do instrumento en audicións e actuacións en público. A demanda disparouse sobre todo dende 2003. Agora hai entre 100 e 140 solicitantes de praza, pero os recursos que temos son limitados.

-Tras o centro cultural de San Martiño e o CEIP Reibón chegou o traslado á chamada Casa da Música, coa restauración da antiga Reitoral da parroquia orixinal de Moaña.

-No ano 2010, tras anos plantexando a necesidade dun espazo propio, viñemos a San Martiño. Xa houbera un intento de trasladar esta institución ao alto da praza, pero ao final non foi adiante. Apareceu a oportunidade deste centro rehabilitado no ano 2010. Está moi ben, sobre todo porque ter un centro propio xera unha identidade propia como escola. Eu recoñezo que naquela época fun un pouco reticente a trasladarnos a San Martiño porque estaba desviado do casco urbano e podía ser un engorro para o alumnado. Pero tivo unha aceptación extraordinaria e foi un impulso importante.

-Por que deixa o cargo de director agora?

-Esta escola, como ningunha, é un organismo moi vivo. Ten moita enerxía pero tamén a consume. Precisa de moitísima dedicación pola miña parte e pola de todo o profesorado. Dende o inicio estivemos 100% implicados porque nós aprendemos a tocar no entorno musical de Moaña e a consideramos como parte da nosa vida. Por iso o desgaste é moi importante.

-Supoño que estará orgulloso do legado que deixa.

-Si. Dende o principio tiven en mente este tipo de centro. Se acadou polo nivel de implicación e preparación do profesorado, así como pola implicación do alumnado, dos seus pais e incluso da parte política, que sempre estivo ahí, en todas as corporacións fumos moi apoiado políticamente. Conseguimos incluso medrar en medio da crise.

Compartir el artículo

stats