Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festa medieval nos arredores da Igrexa de San Martiño

García Barreiro recorda a función dos adros na previa da I Feira "Moaña Antiqua"

Reitoral dos séculos XVI e XVII co Monte do Castro ao seu carón. // Arquivo do autor

Efectivamente, os adros semellan os lugares máis axeitados para este tipo de acontecementos, especialmente o adro baixo que durante o antigo réxime foi o espazo dedicado ás xuntanzas dominicais dos veciños de Moaña para tratar sobre os asuntos comúns de toda a freguesía diante dos seus representantes civís, mordomos pedáneos e rexedores, encargados de transmitirlle ao párroco correspondente os acordos acadados para que se pregoaran no ofertorio das misas populares pois, ata ben entrado o século XIX, a meirande parte da poboación era analfabeta.

Tamén era o lugar de diversión dos moañeses durante os días festivos nos que se honraban ás moitas imaxes sagradas do interior da igrexa, bailando e cantando ao son de gaiteiros ata o último terzo do século XIX en que comezaron a actuar bandas de música e, desde comezos do XX, algunha que outra orquestra.

No que atinxe ao adro alto, a súa misión era aumentar a superficie sagrada do templo para asistir a cerimonias relixiosas, procesións, algún enterramento, etc. ata o ano 1833 en que, nunha parte del, construíuse un campo santo para deixar de sepultar aos defuntos moañeses no interior da igrexa; este durou ata 1942, ano en que foi inaugurado o actual de Trigás. Debido ao seu carácter sagrado, dito adro estaba separado do baixo por dúas gradicelas de pedra, das que unicamente se conserva unha; destinábanse ambas a impedir que os animais de pezuño (vacas, ovellas, etc.), puideran pasar ao adro alto.

Antecedentes

Para coñecer os antecedentes da feira medieval, salientar que a igrexa cos seus adros eran os únicos espazos públicos onde se reunían os veciños, especialmente nos domingos e datas festivas, polo que era frecuente tratar dos intercambios de mercadurías agrícolas ata o ano 1839 en que na Devesa Real de Tirán, situada no achegado barrio de Abelendo, a raíña Isabel II autorizou a feira do novo Concello Constitucional constituído na parroquia de Meira en 1836, logo de xuntarse coas de Domaio, Moaña e Tirán.

Devesa de Abelendo

Autorizouse para tal fin a devesa de Abelendo por tratarse dun lugar céntrico, plantado de carballos que se destinaban á construción de barcos de guerra; tales árbores eran coidados polos veciños de Tirán porque na súa parroquia, a raíña non dispuña de devesas debido á escaseza de terreos dedicados a montes.

De remate, subliñar o adecuado do título destas primeiras feiras e festas medievais, MOAÑA ANTIQUA pois, na contorna onde se celebran atópase o Monte do Castro, onde se encontraron restos cerámicos dos arredores do século I; a Igrexa do XII e XVIII; Reitoral do XVI e XVII; un cruceiro con fuste do século XII; outros dous do XVII e XVIII; Casa das Señoritas do XIX e varias vivendas labregas dun andar, construídas tamén no XIX ou reformadas a partir doutras terreñas de épocas anteriores.

Compartir el artículo

stats