A Fundación Casa-Museo de Camaño Xestido "A Mangallona", que xa en tempos declarou a Xosé Fernández Canosa, "O Ghaiteiriño", presidente da súa república, participa na comisión organizadora da que tamén forman parte colectivos sociais, culturais, musicais e veciñanza a título particular e que agora convida á xornada de homenaxe que se lle renderá este sábado, 25 de xuño, na parroquia de Aldán.

Os actos comezarán ás dez e media da mañá cunha concentración na contorna da casa do homenaxeado, no lugar de Piñeiro, e amenizada por diferentes músicas tradicionais. Para a unha da tarde está previsto descubrir as placas co nome de "Camiño do Ghaiteiriño" (antes Taltoucido) e a intervencións de varias persoas loando o labor do homenaxeado, previo a un xantar de campaña para os participantes nos arredores do devandito camiño, que se prolongará máis de dúas horas. Sobre as 16.30 comezarán os pasarrúas a cargo de varios colectivos de música tradicional polos lugares de Aldán, con percorrido por Piñeiro, Gandón, Menduíña, Herbello, San Cibrán e Espiñeira.

A media tarde, os actos lúdicos e institucionais trasládanse ao centro urbano de Cangas. Haberá actuacións de música tradicional e actividades nos xardíns de Félix Soage (Alameda Vella), Praza das Pontes e na do Concello. Para as 20.30 horas está fixado o acto solemne no salón de plenos, donde se dará lectura a acta do acordo do pasado 1 de abril referida á aprobación, por unanimidade da Corporación, do nomeamento do devandito camiño, seguido de intervencións varias e actuación do Grupo Tradicional Malvela.

Os organizadores advirten que, por coincidir a homenaxe en campaña electoral e "en cumprimento da lei", as autoridades presentes no acto farano a título persoal.