-Cal foi a súa maior frustración?

-Chegar ao Concello e atopar unha situación económica caótica para a segunda metade do ano 2015. O PP fixera unha política máis ou menos de contención, pero con motivo das eleccións municipais tirou a casa pola ventá e deixou concellarías como obras servizos sen diñeiro ningún. Houbo que facer enxeñería financieira para saír adiante. Pero, co esforzo de todo o equipo, saímos.

- E o que máis lle sorprendeu ao chegar á Alcaldía?

-A verdade é que non houbo moitas sorpresas porque xa levo varios anos formando parte de gobernos ou na oposición e coñecendo, por tanto, a dinámica do funcionamento municipal. Aínda así, unha cousa que si me sorprendeu foi a cantidade de tempo que hai que dedicar cada día a asinar papeis.

-Satisfeito coa nova Deputación ou é dos que pensa que so cambió de máns? Non me sexa diplomático?

A xente sabe que eu non son dos que se morde a lingua. Non cabe dúbida que houbo un cambio importante na Deputación no tocante á relación cos concellos. Hoxe, o reparto de fondos é máis transparente e baseado en criterios coñecidos e non caciquís, pero aínda así, en Cangas non podemos estar satisfeitos con eses criterios que non teñen en conta, por exemplo, o aumento de poboación no verán e que nos dobra gastos de persoal (praias, auxiliares de policía) ou de servizos como o pagamento a Sogama polo tratamento do lixo. Tampouco estamos satisfeitos do mantemento das infraestruturas que lles corresponden. Todo é mellorable. De todos xeitos, é ben coñecida a nosa posición en contra da existencia das Deputacións que deberían desaparecer e pasar os seus fondos á xestión directa por parte dos Concellos e Mancomunidades ou Áreas Metropolitanas, por exemplo.

- Vostede é un dos convencidos de Área Metropolitana de Vigo. Non debería esta institución facer desaparecer a Diputación?

-Veño xusto de dicilo. Aquí non se trata de duplicar administracións, senón de mellorar e abaratar servizos á cidadanía. Coa creación da Área Metropolitana de Vigo, a Deputación, A Xunta e o Estado deberan transferir os fondos que correspondan ás competencias que vaiamos asumindo para que sexan xestionados directamente por nós. Doutra maneira estariamos a montar chiringos que se superpoñen uns aos outros en detrimento, non en favor, da nosa xente ..

- Un pensamento de futuro?

Unha Cangas, vila e parroquias, tranquila e na que a calidade de vida vaia en aumento, na que se protexa o patrimonio material e inmaterial e se preserve a enorme riqueza natural e cultural que atesouramos. Unha Cangas sen paro nin pobreza na que as persoas poidan vivir dignamente.

- Hai apostas acerca de que cando falte un ano para as eleccións un dos partidos que conforman o tripartito desmarcarase, unha táctica que xa se utilizou noutras ocasións, como saberá.

-Quen aposte por iso estou seguro que vai perder. Ademais non me dá para albiscar que partido pode ser ese. De todas formas, ese desmarque do que vostede fala só se deu unha vez e non foi táctica ningunha senón froito dun choque frontal de planteamentos políticos. En Cangas houbo catro coalicións de partidos de esquerdas e todas remataron ben menos unha que xa citei e da que non paga a pena falar máis. Mesmo houbo dous gobernos de coalición da dereita e mentres un rematou normalmente, o outro tivo un final un pouco raro entre Sotelo e Faro, aínda que durar durou porque era un matrimonio de conveniencia. A respecto do actual tripartito, reitero que quen aposte pola ruptura política está condenado a perder. Estou seguro, porque somos xente seria e cun compromiso total coa nosa xente. Despois, nas próximas Municipais, que cadaquén loite polo seu lexítimo froito, aínda que o ideal sería que os trs grupos que conformamos o goberno nos presentásemos nunha soa candidatura. Xa veremos como avanza a política no país, porque Cangas vai ser un reflexo da mesma, por suposto.