Tras años e años no concello, tanto no goberno como na oposición. Tras pasar por distintas concellerías e chegar a ser deputado autonómico, a Xosé Manuel Pazos lle tocou o pasado ano encabezar a lista de Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE). Con 59 anos logrou ser alcalde do seu pobo. Aposta pola Área Metropolitana de Vigo, está convencido de que a coalición de goberno non se romperá e se sinte orgulloso do que está a facer no casco histórico de Cangas. Agora toca facer balance dun ano de goberno en Cangas.

-En qué cambiou Cangas neste ano de goberno tripartito?

-A Cangas aínda non nos deu tempo a cambiala nun ano, máis aló de actuacións puntuais de mellora na vila e nas parroquias. O que si cambiou sensiblemente foi o funcionamento do Concello, máis transparente, con outro talante máis familiar e máis amable, onde toda a xente é tratada por igual. Antes había vetos a determinadas persoas e colectivos sociais e veciñais que non eran da corda do goberno. Agora, as portas da alcaldía e das concellarías están abertas a toda a xente, sexa da ideoloxía que sexa.

-Vostede pensa que a xente o percebe?

-A miña sensación é que sí. Cando menos os centos de persoas que pasaron pola alcaldía. Poderánselle solucionar os seus problemas ou non, dependendo dos casos, pero a atención que se lles presta (e nas concellarías cónstame que tamén) é intachable. Para este goberno as persoas e os seus problemas son obxectivo prioritario de atención. A mellora dos servizos básicos son unha prioridade para todos nós e así podemos constatalo na atención á educación e á formación para o traballo, aos servizos sociais, á cultura ou na atención aos problemas e carencias sanitarias da nosa veciñanza, entre outras moitas actuacións en materia de servizos, seguridade, emerxencias, xuventude, medio ambiente, transparencia, etc.

-Neste último escoitouse moito, por parte dalgúns concellais, a frase "o que opinen os técnicos". Pero para iso non é mellor que non haxa políticos?

-Se gobernasen os técnicos isto non sería un goberno municipal, senón unha xestoría. Os políticos estamos para gobernar, efectivamente, pero en determinadas cuestións reguladas por lei, como o urbanismo, o persoal, a xestión económica etc, os informes técnicos son imprescindibles e non se debe actuar de xeito contraditorio con eles pois estaríase vulnerando a lei e tratando á cidadanía de xeito desigual. Non todas as decisións do concello deben ser políticas, pensemos nunha licenza urbanística, na concesión dunha terraza ou na contratación de persoal, se dependesen do capricho do "mandante de turno". Algúns actuaron así e hoxe teñen problemas coa xustiza. En Cangas tamén houbo algún caso de concelleiros-veleta que actuaban ao seu libre albedrío, pero que tiveron a sorte de que ninguén os denunciou. E todos sabemos de quen falamos, por suposto.

-- A pesar dos seus esforzos, o tripartito ofreceu, sobre todo nos últimos meses, unha imaxe de desunión que en determinados casos chegou a ser sorprendente?

-Eu son dos de quitarlle ferro ás cuestións, mesmo ás que poidan parecer a priori, (e ás veces interesadamente) máis conflitivas. Eu son consciente de que estou nunha alcaldía sostida por tres partidos con programas de goberno moi semellantes, pero ás veces, poucas, con diverxencias puntuais. Entra dentro da lóxica. O que hai que afinar é o tratamento desas posibles diverxencias antes de tomar decisións. Ás veces o diálogo e o debate pode retrasar algúns procesos, pero sempre van permitir dar pasos máis seguros. Como alcalde, mesmo que tivese maioría absoluta, non son persoa de tomar decisións unilaterais e dar as cousas como feitas a unhas concellarías obedientes ao xefe. Así funcionaron outros, pero aquí non hai xefes, senón compañeiros e compañeiras que, incluso dentro dun mesmo grupo, podemos ter opinións distintas e debemos estar encantados de dialogar.

- E en que cambiou o goberno?

-Sinceramente, coido que, precisamente a causa dalgunhas diverxencias que saíron á luz no seu día, o goberno gañou en coordinación e confianza entre nós. Temos dúas reunións semanais, á parte de cambios de impresións diarios, e poñemos sobre a mesa todos os temas importantes para estarmos informados e para consensuar se fose preciso. Non digo que non poida haber algún desaxuste, que o hai, evidentemente, pero co día a día cada vez funcionamos mellor. Eu, particularmente, estou encantado do traballo e da implicación de todas as compañeiras e compañeiros, aquelas que teñen dedicación remunerada e quen non.

-E a vostede en que lle cambiou a vida ostentar o cargo de alcalde? Non me refiro so ao feito de que non exerce de mestre?

-So ese xa é un cambio importantísimo, porque eu son un mestre vocacional que o pasaba xenial co alumnado. Bótoo de menos. Pero o cambio máis ostensible foi na dificultade da conciliación da vida laboral e familiar. Un alcalde é alcalde as vinte e catro horas do día (e porque non hai máis), e ten que quitarlle tempo á familia. A miña muller está a cargar con case todo o peso e agradézollo. Aproveito para desculparme con moitos colectivos que me invitan a actos e non podo ir porque coinciden con outros, con reunións ou co escaso tempo que lle podo dedicar á casa e á miña xente. Sei que o entenden.

- Prometeronse cousas que non se cumpriron: Non se baixaron impostos. E non é excusa decir porque non había marxe de maniobra?

-O dos impostos é un dos mitos que espallou o PP e estendeuse como se fose certo. Os tres partidos levabamos no programa a conxelación ou o estudo da posibilidade de baixar impostos, porque sabiamos que a situación era complicada. O PP viña de asinar co Estado un plan de axuste que tiñamos que cumprir se non queriamos ser intervidos e, polo tanto, que gobernase Montoro directamente. O do financiamento dos Concellos polo goberno central do PP é de xulgado de garda. De todos xeitos, para o ano que ven, á parte de non subir impostos (o PP subiunos cada ano), baixaremos o de vehículos (que está altísimo) para aqueles de gama media. Tamén anuncio que subiremos a taxa do guindastre (que so afecta aos infractores) porque hoxe non cubre os gastos.

- A solución ao conflicto da auga pasa polos tribunais?

-Necesariamente, non. E tampouco o desexamos. Hai marxe de manobra para negociar coa empresa e coido que boa disposición da mesma para conseguir un consenso nas tarifas. O que está claro é que non imos renunciar á nosa promesa de que polo ciclo da auga se ía pagar menos do que o PP asinou para vinte e cinco anos (non o esquezamos) e que puxo en marcha no primeiro bimestre de 2015. Eu coido que por parte da empresa hai disposición e que se pode achar a solución. Pero é complexo, claro, porque a fin de contas teñen un contrato asinado polo señor Sotelo e aprobado cos votos do PP e Faro Lagoa. Pero nós non cederemos ata chegar a acordos beneficiosos para a cidadanía de Cangas.

-Sorprende que non haxa unha reacción máis contundente coa Autoridade Portuaria de Vigo, que ao cambiar o seu presidente, négase agora a cesión que prometera. E tamén que non se esixa, polo civil ou polo penal que se entregue a valoración realizada, .

-Polo civil xa se lle esixiu repetidas veces ao señor López Veiga. Polo penal imos agardar ata despois das eleccións e da formación do goberno, agardamos que novo e distinto. De todos xeitos,a cesión do paseo e parte da nave de Massó ao seu lexítimo propietario, o pobo de Cangas, é un exemplo máis das políticas do PP: promesas que leva o vento. Ana Pastor, López Chaves e Sotelo enganaron ao pobo de Cangas, e o exalcalde aceitou o regalo envelenado de manter un paseo que non é, nin queren que sexa, propiedade municipal. Nós non podemos nin queremos gastar nin un euro público nun lugar que segue a ser competencia da Autoridade Portuaria. Se é deles, que o manteñan. Pero imos seguir a loitar para que sexa noso.