Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Crónicas do Teatro no Morrazo

O teatro en Moaña 1915-1960 (III)

Os grupos de Acción Católica cobran protagonismo e saen de xira para recadar fondos

Modesta Rodríguez e Maruja Rodríguez durante a obra "Amor y sacrificio" no baile de Lestón en 1954

No verán de 1954 o párroco de Tirán D. Manuel Rodríguez e Benito Paz Trelles legáronnos un escrito en clave do humor sobre unha das xiras apostólicas e teatrais da mocidade da Acción Católica de Moaña para recadar fondos, cara a asistir aos exercicios espirituais que se facían en Tui. Pero antes da xira, convén lembrar que as obras foran representadas con anterioridade no cine Maravillas de Celso Pazos. Tamén consta que no citado local se chegou representar en 1952 a obra Amor y sacrificio interpretada por Chelo Casás, Maricarmen Rodríguez, Concha Bernárdez e Carmiña Currás.

Concretamente esa memoria recolle aquela visita á parroquia de Seixo (Marín) por membros como Asunción e Maruja Portela, Modesta e Mari Carmen Rodríguez Currás, Concha, Maruxa Boubeta (Cachila), Eduarda e Maruxa, Jesús, Sobrino, Ricardo (de Fames), Benito Paz, D. Manuel (Lavicha), Manolo Chapela (de Uva), Maruja Rodríguez (a Japonesa), Maruja Viéitez, Maruja Cruz, Josefa Rivas, irmáns Nieves e Josefa Rivas, Daniel, Chelo Casás, Pena (Lambranca de Tirán) ou A Marquesa, que foron andando, agás Maruja (Japonesa) e Maruja (da Bouza), ata o citado lugar de Seixo para posteriormente seren acompañados pola cociñeira Teresa de Bufa.

As representacións durante dous días tiveron lugar na praza de abastos de Seixo, abarrotada de veciños para contemplar a obra Amor y Sacrificio en cinco actos. Os entreactos eran amenizados polo coro que maxistralmente dirixía o D. Manuel (Lavicha). Para rematar o xoguete cómico Sindo el Tonto acadou as maiores ovacións do público asistente. As táboas do escenario montábanse e desmontábanse e transportábanse en autobús vía Cangas-Bueu e viceversa.

Corría o ano de 1955 e os barcos da ardora de Moaña pescaran pouco, polo que a parte do monte maior destinada ás festas do Carme era escasa. Foi entón cando os mariñeiros falaron con José Del Río (Pucho de Venturiña) para montar un festival e recadar fondos para tal evento. Entre o propio Del Río, Isolina Martínez Chamadoira, Tere Rodríguez de Alvarito e Josefa montaron a obra La Lugareña Orgullosa dirixida por Dª Lucrecia, que representaron no baile de Lestón abarrotado de público que aplaudiu a rabiar ao final da función.

Nese mesmo ano de 1955, tamén resultou sorprendente ver a gran capacidade expresiva da mocidade moañesa para poñer en escenas obras como La Muralla de Joaquín Calvo Sotelo, Las vueltas que da el mundo dos irmáns Serafín e Joaquín Álvarez Quintero, El Príncipe de Viana, drama en verso de Gertrudis Gómez de Avellaneda. O elenco de actores e actrices deste grupo das veladas, estaba formado pola mocidade da parroquia de Moaña, a maioría dos barrios da Praia e Seara como Maruja Santomé (do Chicho), Maruja Sanluís (de Claudina), Pepe Giráldez (de Veiga), os irmáns Pedro e Gonzalo Riobó (de Casqueiro), Cándido Boubeta (Cachila), Lolo Nogueira (da Farmacia), Cándido Paredes (Candidiño da Pisca), Piño Alonso (de Silvia), Chuco Costa de Fanchuco, Fernando Carro (de Francisco) e outros. Todos eles dirixidos por Emilio Barros (de Sofía). Nin que dicir ten, de que o éxito xa estaba previsto de antemán. De feito, acadou tal sona a representación de Las Vueltas que da el Mundo, feita no baile de Lestón, que até un espectador de Marín os animou a presentala no seu barrio de Pardavila (parroquia de s. Xián). A finais de marzo de 1955, foron a Pardavila con tódolos trebellos cargados no camión de Xexo Barreiro de Cangas. Á hora da presentación, a pesar do animoso discurso do presentador e mestre Santiago Barreiro e tamén de Dª Lucrecia, houbo unha falta de Pepe de Veiga que case provoca a suspensión da velada. Ao final chegaron a interpretar durante dous días as citadas obras La Muralla, El Príncipe de Viana e La Lugareña Orgullosa. Do que non hai data concreta nin fotos, pero si coñecemos o enorme éxito, foi da interpretación de Las Espigadoras da zarzuela La Rosa del Azafrán de Jacinto Guerro, interpretada por un coro de mulleres, tendo como solista a Maruxa Boubeta, no cine Maravillas de Celso de Pazos a finais dos anos 50.

A partir da inauguración en 1961 da igrexa Carme, o barrio Praia-Seara acada maior relevancia que a da matriz de San Martiño sobre todo porque o centro xa ofrecía mellores instalacións para as actuacións.

(O noso agradecemento ás persoas colaboradoras nesta primeira entrega que, grazas a tirar da memoria e achegarnos documentos, permitiron facer esta síntese onde antes non había nada escrito. Grazas pois a Benito Paz Trelles, Gonzalo Riobó Costa, Isolina Martínez Chamadoira, María Rodríguez Bernárdez, Maruxa Boubeta, Matilde Pérez Casas, Nel Villaverde Román e Ricardo Vidal).

Compartir el artículo

stats